O persoal da construción da provincia de Pontevedra irá á folga se non hai acordo sobre o convenio na próxima xuntanza
O persoal do sector da construción da provincia de Pontevedra anunciou a súa intención de convocar folga no caso de que non haxa acordo sobre o convenio colectivo na próxima xuntanza. Así o decidiu onte na asemblea celebrada no local da CIG de Vigo, na que se analizou o estado das conversas.
Dende a CIG-Construción, maioritaria no sector a nivel provincial, explican que os traballadores/as tomaron esta determinación tras varias xuntanzas co empresariado nas que non se avanzou nun posíbel pacto para renovar o convenio, que leva caducado dende 2021. E todo porque a patronal teima en propoñer un incremento salarial insuficiente, que non compensa a perda de poder adquisitivo acumulada nestes anos.
Ademais, continúa negándose a implantar a xornada continuada durante os meses de verán, tal e como reclama o persoal do sector. A duración do convenio é outra das discrepancias, xa que o empresariado quere que sexa por tres anos (2022, 2023 e 2024), mentres que a CIG aposta por un convenio a dous anos (2022 e 2023).
Deste xeito, no caso de que as partes non acheguen posturas e se produza un acordo na vindeira reunión o sector irá a unha folga, cuxa modalidade aínda está por decidir, segundo adiantan dende a CIG-Construción de Vigo.