O persoal da construción da provincia da Coruña afonda na perda do poder adquisitivo en 2024
Novamente sen convocar a CIG, a pasada semana UGT, CCOO e patronal APECCO asinaban as táboas salariais de 2024 para o sector da construción da provincia da Coruña. Os incrementos pactados, por debaixo do IPC, consolidan a perda de poder adquisitivo que os traballadores e as traballadoras do sector levan sufrindo catro anos.
A Federación de Construción e Madeira da CIG denuncia que nesa mesma reunión, ademais, "implantaron definitivamente o roubo do salario do persoal a través do Plan Privado de Pensións para favorecer á gran banca". Hai que lembrar que este fondo colectivo (xestionado por unha entidade financeira privada) foi acordado no convenio sectorial estatal e ten carácter obrigatorio. A este plan irá destinado unha parte do incremento salarial.
A FC-CIG confía reverter esta situación na negociación colectiva, reforzando a presenza sindical nas empresas "até lograr unha maioría suficiente para conquistar un convenio galego con prevalencia normativa, ou que cando menos nos permita corrixir esta situación no próximo convenio que rexerá o sector a partir de 2027".