O persoal de Narwhal estende os dous días de paros parciais a toda a xornada durante tres semanas
O cadro de persoal Narwhal Boats, empresa dedicada á fabricación de embarcacións con sede no polígono porriñés da Granxa, decidiu estender os paros de dúas horas por quenda a toda a xornada a partir da semana que vén, de xeito que a medida de presión terá lugar os mércores e xoves durante tres semanas.
Os traballadores/as comezaron as mobilizacións o pasado martes 26 de abril para rexeitar a flexibilidade laboral que está a impoñer a empresa, xa que a empresa en lugar de reforzar persoal entre marzo e xuño, os meses nos que concentra maior actividade, o que fai é obrigar a traballar xornadas de até 11 horas, para despois reducir tempo de traballo ou mandar persoal para casa. Ademais, non remunera este tempo extra. “Por non falar de que impuxeron tamén quendas de mañá e tarde sen que exista ningún tipo de xustificación, cando sempre se traballou de 7:00 a 15:00 horas”, denuncian dende a CIG.
Os paros de dúas horas por quenda e as concentracións diante das instalacións da compañía continuaron o xoves 28 de abril, e volveron repetirse onte e hoxe entre as 12:00 e as 16:00 horas para que abranguer dúas horas en cada unha das quendas de traballo. A partir da semana que vén os paros serán a xornada completa os mércores e xoves durante tres semanas, e os traballadores/as aproveitarán para percorrer o polígono da Granxa en manifestación.
Dende a representación sindical de Narwhal (2 delegados/as de persoal da CIG e 1 de CCOO) chaman os máis de 40 traballadores/as da compañía a seguir secundando de xeito practicamente total os paros e a participar nas mobilizacións en defensa dos seus dereitos laborais e das súas condicións de traballo.