O persoal da Axencia Galega de Emerxencias, 112, anuncia folga indefinida a partir do 15 de abril
Representantes do comité de empresa do Servizo de Atención a Emerxencias de Galiza, 112, acompañados por membros do comité do 061, compareceron esta mañá en rolda de prensa para anunciar a convocatoria dunha folga indefinida que comezará na quenda de mañá do sábado 15 de abril.
Os traballadores e traballadoras levan meses mobilizándose para denunciar as consecuencias que terá o traslado do 112 de Compostela á Estrada. Porén, nin as súas denuncias, nin as súas demandas foron escoitadas. Por iso “nos vemos na obriga de convocar esta folga que será indefinida, até que a administración teña a ben recibirnos”, explicou a presidenta do comité e representante da CIG, Isabel Moares.
Pola información que ten o persoal deste servizo de emerxencias, o traslado está previsto que se realice na noite do 18 ao 19 de abril. “Esa noite nos nosos horarios aparece o persoal duplicado e unha parte estará na Estrada e outra en Compostela. Pero esa é a única información que temos a día de hoxe”.
Xunto con esa falta de información, Moares denunciou os fallos que segue a dar a plataforma informática que se porá en marcha coincidindo co cambio de ubicación; a “deficiente e insuficiente” formación que recibiu o persoal para utilizar este novo programa, que en moitos casos non chegou nin a 20 horas; a ausencia dun Plan de continxencias por se se producen fallos na nova aplicación e a falta dun plan de traslado que teña en conta os custos que vai supor, para as traballadoras e traballadores, ter que desprazarse diariamente á Estrada.
Fallos na nova plataforma informática
Respecto do programa que terá que comezar a utilizar o persoal cando pasen a atender as emerxencias na Estrada, Oscar Valadares, membro do comité de empresa, advertiu que é un soporte básico. “Se falla podémolo facer manualmente, grazas á experiencia adquirida ao longo de todos estes anos polas operadoras e operadores, pero iso vai facer que se disparen os tempos de xestión e resposta e que os medios se retrasen en chegar ao punto. Isto, cando estamos falando de xestión de emerxencias, supón un problema grave”.
Segundo explicou Valadares tamén vai ser un problema comezar a traballar “sen controlar por completo a ferramenta coa que teremos que facelo”. A este respecto sinalou que hai todo o catálogo de emerxencias con máis de 50 protocolos diferentes e cada un deles con especificidades propias en cada área de cobertura. “Iso non é algo que se aprenda ás carreiras”.
Por iso considerou que se irresponsábel é tratar de facer nestas condicións un traslado en pouco máis dunha semana, máis o era aínda pretender facelo, tal e como estaba previsto, para o pasado 15 de marzo.
O custo do traslado detraído directamente dos salarios
Para o persoal do 112 é especialmente grave o silencio tanto da administración, como da empresa, no relativo aos custos dun traslado que vai afectar a 300 familias e que vai provocar unha diminución dos seus ingresos, segundo os seus cálculos, dun 14%, en salarios que están en arredor dos 1.000 euros.
“Non son os gastos de desprazamento dun día, senón os gastos de desprazamento de 365 días ao ano que afectarán a todo o persoal”, denunciou Valadares quen subliñou que non se trata dunha perda de poder adquisitivo como a que se pode producir cando sobe o IPC e non se adaptan a este incremento os salarios. “Imos ter unha perda directa dos nosos ingresos porque ademais do aumento do custe da vida e de manterse os nosos salarios conxelados desde hai 6 anos, agora teremos que restar os gastos en gasoil para ir e vir todos os días aos nosos postos de traballo”.
Por iso a presidenta do comité reiterou que manterán a folga mentres a Xunta de Galiza non sente a negociar. “A administración foi quen creou o problema e é quen ten que solucionalo”, sentenciou.
Repercusións da folga na atención ás emerxencias
Para o vindeiro luns está prevista unha xuntanza entre o comité de folga e a empresa para marcar uns servizos mínimos que, de non se chegar a un acordo, fixará a propia administración.
Polas características do 112 eses servizos mínimos adoitan ser do 100%. Porén, segundo explicou Moares, “hai unha sentenza do TSXG que di que o servizo ten que funcionar pero non como un día normal”.
De ser así, consideran que repercutirá na atención das emerxencias, porque haberá chamadas en espera pero non operadores/as abondo, polo que se acabarán atendendo, pero cun tempo de resposta máis alto.
A presidenta lamentou os problemas que se poidan derivar dunha folga á que se viron abocados diante da ausencia de diálogo. “Nós non buscamos os efectos negativos”, asegurou, “non imos á folga porque non teñamos outra cousa que facer senón porque non nos deixaron outra opción. Se algo ocorre a responsabilidade será da administración”, concluíu.