O persoal da automoción galega fai historia coa primeira folga no sector a nivel estatal

Nacional - 20 Dec 2024

A histórica xornada de folga convocada pola CIG o pasado 28 de novembro para reclamar medidas urxentes ante a grave crise que atravesa a automoción galega tivo un seguimento notable por parte das persoas traballadoras do sector, que deron unha “auténtica lección de unidade, de forza e de dignidade” en defensa do emprego e dunhas condicións laborais dignas.

A repercusión do paro, o primeiro convocado no sector do automóbil tanto en Galiza como a nivel estatal, xa se fixo evidente nas quendas de noite, até o punto que empresas como BorgWarner en Vigo, Treves en Pontevedra e Faurecia en Ourense estiveron practicamente paralizadas por falta de persoal. Noutras, aínda que o seguimento foi menor, a produción tamén se resentiu, así como a actividade das distintas contratas (limpeza, mantemento, loxística, etc). 

Vigo rexistrou unha manifestación masiva, mentres que Pontevedra e Ourense acolleron concorridas mobilizacións

Nas quendas de mañá e tarde a situación volveu repetirse e a participación foi elevada, como así o evidenciou a masiva manifestación rexistrada en Vigo e as concorridas protestas en Pontevedra e Ourense que tiveron lugar pola mañá.

Dende a CIG-Industria valoran moi positivamente a capacidade de loita do persoal, “que é consciente dos desafíos aos que se enfronta a automoción e entendeu a necesidade de pasar á ofensiva contra a precarización das súas condicións laborais”. Fan fincapé en que a folga chegou despois de numerosas mobilizacións, reunións, asembleas e labor de socialización –tanto nas rúas como nos centros de traballo– alertando das ameazas que enfronta o sector. E lembran que a convocatoria en solitario responde a que o resto de sindicatos “escóndense tras comunicados e redes sociais, pero traballo sindical e iniciativas mobilizadoras, cero”.

Ao mesmo tempo, inciden en que son as empresas e as Administracións central e autonómica as que someten as persoas traballadoras a unhas “durísimas” condicións laborais e sociais, “mentres os fabricantes de automóbiles aumentan os seus beneficios e a clase traballadora sofre perda de poder adquisitivo e de dereitos e precariedade laboral, porque o plan da UE e das empresas non é outro que facer que as persoas traballadoras asuman os custes da transición ao vehículo eléctrico, que suporá o peche de plantas”.

A isto hai que sumar a “inoperancia” do Goberno galego en política industrial, “sendo a Xunta marioneta das transnacionais do automóbil, sen ningún tipo de criterio e deixando o futuro da súa poboación ao azar das decisións dos consellos de administración das grandes empresas”.

Rematar coa deslocalización

Por iso censuran que o presidente galego veña de anunciar axudas millonarias ao sector “pero non diga nada de manter os postos de traballo, de reducir a precariedade, de acabar coa desregulación da xornada, de non admitir mais ERTE fraudulentos, nin de rematar coa contratación a través das ETT, empresas multiservizos e centros especiais de emprego”. E que tampouco fale de esixir que os proxectos que subvenciona con diñeiro público se desenvolvan en territorio galego.

“Vemos como miles de millóns de euros dos fondos europeos se adxudican ao mandato das multinacionais e non dos intereses da clase traballadora. E a día de hoxe aínda non sabemos o plan industrial que se vai aplicar nos vindeiros anos. Pero si sabemos que se lles vai dar máis diñeiro público a cambio de nada”.

Entenden que o futuro do sector pasa por rematar coa deslocalización, coa precariedade e cos baixos salarios. “As empresas do sector teñen que deixar vivir e conciliar a vida laboral e familiar. E as axudas directas á compra de vehículos teñen que ter o mesmo orzamento que as axudas para o persoal afectado por períodos de inactividade”.

Finalmente, chaman a continuar na loita e na mobilización nas empresas e na rúa para reverter esta tendencia e para lograr erradicar do sector termos como “precarización, explotación, deslocalización e reconversión”.