O persoal da AEAT exixe na Coruña a negociación e cumprimento do acordo de carreira
Máis dun cento de traballadores e traballadoras da Axencia Tributaria (AEAT) secundaron esta mañá a concentración convocada pola CIG, SIAT, UGT, CSIF e CCOO para demandar melloras laborais. A mobilización, que tivo lugar diante da Delegación Especial da AEAT en Galiza, na Coruña, celebrouse de xeito simultáneo ás realizadas noutras delegacións da AEAT en todo o territorio estatal.
O persoal da AEAT cuestiona que a dirección da organismo se negue a negociar a mellora das condicións de traballo de todo persoal e que o secretario de Estado e a ministra de Facenda eviten resolver o conflito. "Parece mentira que o Goberno que di ser o máis progresista da historia se comporte así co persoal que se encarga da vixilancia aduaneira e da loita contra a fraude fiscal, que son a base de calquera política redistributiva da riqueza", ironizan desde a CIG (primeiro sindicato da función pública na Galiza).
Exiximos á dirección feitos concretos para sacar da parálise a negociación colectiva e resolver a perda de poder adquisitivo"
Henrique García Outeiral, responsábel da CIG na AEAT, exixiulle á dirección da Axencia Tributaria “feitos concretos para sacar da parálise a negociación colectiva e resolver a perda de poder adquisitivo do persoal”. Neste sentido, a chama a dirección da AEAT a “negociar de boa fe a actualización e aplicación do acordo de carreira para todo o persoal ao servizo da Axencia”.
No últimos 6 anos a dirección do organismo dedicouse a conxelar a negociación colectiva para subir discrecionalmente as retribucións de que máis cobra, de maneira que en 2023 a AEAT tiña 1.265 persoas do grupo A1 que cobran os específicos máis altos de toda a Administración Xeral do Estado, mentres que o persoal do grupo C1 "é o peor retribuído de toda a Administración estatal. Hai funcionarios e funcionarias que non chegan a cobrar o salario mínimo interprofesional” advirte.
O persoal da AEAT reclama “reactivar a carreira profesional para todas as empregadas e empregados da Axencia Tributaria, a negociación dun novo convenio colectivo e de todas as produtividades dun xeito equilibrado e proporcional entre todos os grupos e colectivos que compoñen o cadro de persoal”.
A dirección "xa non é interlocutora válida"
Nos últimos días restrinxiuse o dereito á promoción interna para boa parte do persoal, suprimindo de maneira unilateral dereitos consolidados"
O representante da CIG denuncia que a Dirección da AEAT deixou de ser un interlocutor válido debido á actitude autoritaria que está a manter. Proba disto, asegura, é que “nos últimos días vimos de ver como restrinxe o dereito á promoción interna para boa parte do persoal, suprimindo de maneira unilateral dereitos consolidados de todo o persoal”.
"Non pedimos ser máis ca ninguén, só pedimos que o Goberno español teña a mesma sensibilidade que tivo para solucionar as malas retribucións e condicións laborais doutros colectivos de empregados/as do Estado, como Xustiza ou Prisións", abundan.
“A resistencia da Dirección da AEAT a aplicar o Acordo de Carreira de 2007 "e a negativa a negociar outras melloras, como o convenio colectivo do persoal laboral, o marco do teletraballo ou o modelo de información e asistencia que levan anos impoñendo baixo a trampa e escusa dun 'proxecto piloto' 'voluntario', que leva anos en despregamento e participación obrigadas é o que ten provocado o conflito na AEAT”, conclúen.
Segunda concentración na Delegación da Coruña
Esta concentración é a segunda que se celebra ante a Delegación Especial de Galiza e supón unha máis das actividades de presión do persoal da AEAT no conflito declarado o pasado mes de abril. En paralelo, delegados/as sindicais de CIG, SIAT, UGT, CSIF e CCOO veñen mantendo un peche á porta do despacho da directora xeral da AEAT desde hai dúas semanas para denunciar a falta de diálogo.