O persoal da AEAT exixe a dimisión do secretario de Estado de Facenda
Varios centos de traballadores e traballadoras da Axencia Tributaria (AEAT) concentráronse na mañá deste mércores en Madrid diante Dirección Xeral deste organismo para demandar melloras laborais. A concentración foi convocada pola CIG -primeiro sindicato da función pública na Galiza-, SIAT, UGT, CSIF e CCOO.
Durante a protesta, o persoal demandou a dimisión do secretario de Estado de Facenda, Jesús Gascón, que preside a AEAT, e a intervención da ministra de Facenda para emprazar a dirección do organismo a que negocie melloras laborais e salariais. A representación sindical, que ten presentado conflito colectivo para exixir xustiza salarial, lembra que nos últimos 6 anos a dirección da AEAT dedicouse a conxelar a negociación colectiva para subir discrecionalmente as retribucións do persoal que máis cobra. De feito, en 2023 a AEAT tiña os 1.265 grupos A1 que cobran os específicos máis altos de toda a Administración Xeral do Estado.
Henrique García Outeiral, responsábel da CIG na AEAT, reclamoulle á dirección da Axencia Tributaria “un xesto que amose a vontade de virar o rumbo desta situación de parálise na negociación colectiva”. Neste sentido, chamou a “negociar de boa fe a aplicación do acordo de carreira para todo o persoal ao servizo da Axencia”.
Ademais, o persoal da AEAT reclamou “reactivar a carreira profesional para todas as empregadas e empregados da Axencia Tributaria, a negociación de todas as produtividades e dun novo convenio colectivo, dun xeito equilibrado e proporcional entre todos os grupos e colectivos que compoñen o cadro de persoal”.
Logo desta primeira concentración, secundada por varios centos de traballadores e traballadoras, a CIG e os restantes sindicatos acordaron estender as mobilizacións ás principais delegacións da AEAT no Estado. Deste xeito, o vindeiro 22 de maio terá lugar unha protesta diante da Delegación Especial de Galiza, na Coruña.
Tras a declaración do conflito colectivo o pasado 4 de abril e o arranque das mobilizacións coincidindo co inicio da campaña de renda, as centrais sindicais non descartan estender estas concentracións a todos os centros de traballo da AEAT nas vindeiras semanas nin a convocatoria dunha folga se as súas demandas seguen sen ser atendidas.