O persoal da Administración de xustiza inicia mobilizacións para recuperar os seus dereitos
Empregadas e empregados da administración de xustiza de toda Galiza concentráronse este xoves diante dos centros de traballo en rexeitamento "á falta absoluta de negociación" por parte da Xunta para tratar cuestións que entenden fundamentais como os descontos por baixas de enfermidade, a consolidación das prazas de reforzo de máis de tres anos, os plans de amortizacións de prazas, o pagamento do 100% das substitucións ou a recuperación e actualización do complemento autonómico transitorio (CAT).
Sobre este último, dende o sector de Xustiza da CIG apuntan que nestes momento o CAT que perciben as traballadoras e traballadores de Galiza é o de menor contía entre as comunidades con transferencias en xustiza. Pero ademais de ser o máis baixo, nos últimos catro anos, o goberno de Feijoo, no marco do recorte salarial ao conxunto do persoal da administración autonómica, "retirounos a totalidade de dito complemento nos meses de xuño e decembro", sinala Xesús H. Sánchez 'Tuto', secretario nacional do sector de Xustiza da CIG.
Deste xeito, a central sindical calcula que no período 2013-2017 as diferenzas salariais acumuladas con respecto ao persoal de xustiza do resto do Estado poden variar entre os 3.800 e os 10.000 euros, en función do corpo ao que se pertenza. Por iso, unha das demandas dos sindicatos é a subida do complemento transitorio autonómico "que permita recuperar o poder adquisitivo perdido nestes anos".
Pagamento do 100% das substitucións
Outra das reivindicacións das centrais convocantes das mobilizacións (SPJ-USO, CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO) refírese á negociación do pagamento do 100% das substitucións, pois en Galiza o persoal que cubre un posto en substitución vertical non cobra a totalidade do posto que ocupa. "Mentres no resto do Estado se aplica a máxima de a igual traballo, igual retribución, a Xunta distingue entre funcionariado de primeira (neste caso titulares e interinos/as) e funcionariado de segunda (titulares en substitución), roubándolle parte das retribucións correspondentes ao corpo onde desempeñan as súas funcións”, advirten.
Xunto a isto, coas mobilizacións tamén se reivindica que se poña fin á penalización que sofren nas retribucións cando están de baixa por enfermidade común, xa que estes descontos non se aplica a outro persoal dos xulgados como xuíces e xuízas, fiscais ou letrados/as.
Amortización de prazas
A representación social solicita que se negocie o plan de amortización que levou a que dende o ano 2013 quedaran sen cubrir 106 prazas, principalmente nos xulgados do contencioso, de paz, de familia e nas audiencias provinciais. Isto, apunta Sánchez, ten levado a que en determinadas seccións das audiencias xa haxa máis maxistrados/as que traballadores/as ou que nalgúns xulgados de paz só quede unha persoa.
Esta escaseza de persoal tratouse de compensar co plan de reforzo, "pero a día de hoxe, e a pesar do compromiso de consolidar as prazas de reforzo de máis de tres anos de duración, non temos ningunha proposta enriba da mesa e a Dirección Xeral de Xustiza nin sequera nos entregou a relación dos reforzos que existen e a data de aprobación do mesmo".
Para afrontar esta discriminación reiterada e o desmantelamento da administración de xustiza, as centrais sindicais propuxeron iniciar un calendario de medidas de presión. Unha proposta que foi avalada na asembleas de traballadores/as realizadas a pasada semana e que inclúe dúas xornadas de folga no sector os días 1 e 13 de decembro, cuxa convocatoria foi rexistrada onte mesmo.
"Agardamos que a Dirección Xeral de Xustiza da Xunta reaccione e poña propostas enriba da mesa para comezar a negociar como resolver estas cuestións", subliña o responsábel do sector de Xustiza da CIG. Porén, xa advertiu que, de non producírense avances, as centrais sindicais non descartan endurecer as medidas de presión a partir do mes de xaneiro coa convocatoria dunha folga indefinida.
Desmentindo o director xeral de Xustiza
As centrais sindicais saían esta semana ao paso das declaracións do director xeral de Xustiza, quen nunha entrevista radiofónica acusou á representación social de falta de vontade negociadora, e afirmou que dende 2012, a Xunta leva creadas 125 prazas na administración de xustiza e 14 nos equipos psicosociais. Dende as organizacións sindicais lembráronlle as máis de 100 prazas amortizadas dende o ano 2013 a través do concurso de traslado, xubilacións o directamente e que esas 14 prazas dos equipos psicosociais "non son persoal de xustiza. Hai que ter moita cara para atreverse a afirmar algo así", denuncian.
Tamén acusan ao director xeral de "estarse deslexitimando como interlocutor válido", cando asegura que algunhas unha das reivindicacións salariais son competencia do Goberno estatal. "Curiosa aseveración cando o que recortan chámase precisamente Complemento Autonómico Transitorio", apunta Xesús Sánchez.