O persoal civil de Defensa volve reivindicar salarios xustos e a fin das discriminacións retributivas

Traballadores e traballadoras mobilizáronse este mércores en Ferrol e Marín
Ferrol/Marín - 20 Mai 2026

Ao berro de “Defensa escoita, o persoal está en loita”, persoal civil adscrito a este ministerio continuou este mércores coas accións de protesta contra a discriminación salarial, para reclamar incrementos xustos e que se consolide a “gratificación” retributiva aplicada pola administración estatal en resposta á contundente mobilización das traballadoras e traballadores.

As mobilizacións desenvolvéronse de xeito simultáneo en Ferrol, cunha manifestación que partiu da porta do Parque do Arsenal Militar e rematou na porta do Dique; e en Marín, cunha concentración diante da Escola Naval Militar.

A representación da CIG animou a todo o persoal a continuar coas medidas de presión e xa avanzou que haberá outra mobilización a mediados xuño. Neste mes está previsto que se convoque reunión da Mesa Xeral de Negociación Delegada de Defensa na que se agarda que o ministerio dea solución definitiva a este conflito “que só precisa de vontade política”.

Neste senso, reiteran que a solución xusta para este colectivo laboral pasa por acadar o mesmo que se fixo co persoal funcionario militar, tanto na contía do incremento salarial, como na forma da súa aplicación. 

“É dicir, aplicar un incremento de 2.800€ brutos anuais (ao que habería que engadirlle a suba salarial aprobada para o conxunto do persoal público do 4% correspondente a 2025 e 2026) consolidados no complemento específico do persoal funcionario e no complemento singular de posto do persoal laboral, mediante a modificación das súas Relacións de Postos de Traballo”.

Así mesmo, a representación da CIG rexeitou a decisión política do Goberno do Estado de continuar aumentando de maneira obscena o gasto público en Defensa, -da orde de 12.000 millóns de euros no último ano-, “debido ás presións exercidas polo imperialismo dos EUA e da OTAN, empeñados na aposta por un escenario belicista internacional cunhas consecuencias evidentes que sofre a clase traballadora na perda de poder adquisitivo ante o elevado incremento do custo da vida”.

Nesta lóxica de exaltación do militarismo encadraron o desfile militar organizado o 30 de maio en Vigo, e salientaron que este excesivo gasto do erario público “podería ser utilizado para mellorar os nosos servizos públicos como sanidade ou ensino, ou para mellorar a calidade salarial dun colectivo como o persoal civil público de Defensa”.