O persoal civil de Defensa maniféstase dende o Arsenal de Ferrol até a delegación de Facenda por unhas retribucións dignas

Ferrol - 13 Nov 2025

O persoal civil de Defensa manifestouse este xoves dende o Arsenal Militar até a delegación de Facenda en Ferrol en demanda de retribucións xustas e para reclamarlle ao Ministerio que convoque a mesa delegada para negociar esta materia. Na mobilización, ademais, participaron traballadoras e traballadores de Navantia e as súas auxiliares.

Coa marcha, que se suma ás protestas que o colectivo está a realizar dende que Defensa anunciou un incremento salarial pero só para o persoal militar, tamén se reivindicou blindaxe para as subas aprobadas e que sexan de aplicación para o todo o persoal civil con independencia do seu réxime xurídico.

Hai que lembrar que a finais da pasada semana, o Ministerio comunicaba que a autorización para ofrecer ao persoal funcionario unha mellora salarial para este ano 2025 nos mesmos criterios aprobados para o persoal de réxime laboral: unha suba con carácter extraordinario e só para este ano, de 2.400 euros brutos, a facer efectivos nas nóminas de novembro e decembro en concepto de produtividade obxectivos do departamento.

A representación da CIG recibiu esta comunicación “con moderada satisfacción” por canto supón un primeiro paso para rematar coa situación inxusta xerada polo propio Ministerio ao subir o salario do persoal militar e excluír desta mellora ao persoal civil, acordaron despois un incremento, pero só para o persoal laboral.

Porén, salientan que hai que lograr blindar a suba salarial aprobada para este ano e que sexa de aplicación a todo o persoal civil independentemente do seu réxime xurídico (laboral, funcionario ou estatutario) e continuar a demandar un complemento salarial que permita reverter a situación da baixa calidade retributiva deste colectivo.

Por esta razón, ademais da mobilización na rúa, solicitou da Subdirección Xeral de Persoal Civil a convocatoria dunha Mesa Delegada cun único punto da orde do día a tratar -as retribucións do persoal civil do Ministerio-, “pois consideramos que as cuestións retributivas deben ser materia de negociación coa representación sindical e non unha mera decisión unilateral do Ministerio”.