O persoal civil de Defensa leva ás portas do Ministerio as demandas de melloras salariais

A CIG ten convocadas novas protestas no Arsenal de Ferrol e na Escola Naval de Marín para o 18 de xuño
Nacional - 12 Xun 2025

Persoal civil do Ministerio de Defensa continuou este xoves coas mobilizacións en demanda de melloras salariais. Despois da concentración convocada pola CIG diante do Arsenal de Ferrol, as protestas trasladáronse nesta ocasión a Madrid en resposta á nula disposición amosada polo Ministerio para incrementar as retribucións do persoal civil e rematar coa discrimanción xerada tras aumentarlle este ano os salarios ao persoal militar.

A concentración, convocada por todas as organizacións que integran a Mesa Xeral de Negociación neste ámbito, desenvolveuse ás portas do edificio ministerial e nela denunciouse que “a pesar de existir un mesmo pagador, unha parte do cadro de persoal fica excluída dunha mellora retributiva”.

A decisión conxunta de erguerse da Mesa Negociadora, explica Carlos Seoane, delegado da CIG, tamén vén fundamentada nas declaracións “oficiosas” realizadas pola ministra de Defensa nas que afirmaba “que o seu ministerio xa emitira un expediente de mellora retributiva para todo o persoal civil e que xa estaba en mans de Facenda.”

Ante a dúbida e desconcerto xerado por estas declaracións, “que desacredita e deslexitima este organismo de negociación legalmente establecido para tratar as condicións económicas e sociais de todo o persoal civil de Defensa”, a representación sindical decidiu non participar en ningunha mesa de negociación “mentres a ministra nsa non se reúna presencialmente coas organizacións sindicais que temos representación ou haxa unha mostra de vontade negociadora por parte do ministerio”.

A CIG tamén considera estas declaración da responsábel de Defensa como un intento de calmar o crecente descontento do persoal civil ante esta situación de discriminación, como se evidenciou na concentración feita o pasado 7 de maio no Arsenal de Ferrol.

De feito, no marco da concentración fixo acto de presencia a ministra Margarita Robles e tras un encontro coa representación sindical comprometeuse a convocar reunión presencial para dentro dun par de semanas.

Un xesto cara ao diálogo, valora Seoane, pero sen garantías de ningún tipo, polo que a CIG xa ten convocadas novas concentracións no Arsenal ferrolá e na Escola Naval de Marín para o mércores 18 de xuño ás 11 horas.

“Na CIG seguimos coa convicción de que o camiño da mobilización e concienciación é a única vía para lograr a tan necesitada mellora retributiva para o persoal civil de Defensa”.