O persoal civil de Defensa concéntrase en Ferrol e Marín para reclamar melloras salariais xustas e consolidadas
O persoal civil de Defensa concentrouse este mércores diante do Arsenal Militar de Ferrol e da Escola Naval Militar de Marín para exixir unhas retribucións dignas e blindar os incrementos que o Ministerio se viu forzado a aplicar en resposta ás mobilizacións que as traballadoras e traballadores iniciaron tras acordarse unha suba salarial nesta administración, mais só para o persoal militar.
As protestas ademais realízanse na véspera da reunión da Mesa Delegada que terá lugar mañá xoves en Madrid, despois da solicitude feita pola representación da CIG para que o Ministerio aclare cal é a súa proposta en materia de mellora das retribucións (xa que a oferta presentada en marzo ficou superada); o motivo da cantidade da “gratificación” de 2.400 euros e a financiación ofrecida por Facenda para sufragar as gratificacións aprobadas ultimamente; se ese financiamento se vai manter nos próximos anos; e se son certas as informacións que apuntan a un novo incremento salarial para o persoal militar.
O persoal civil comezou a cobrar nesta nómina de novembro o primeiro dos pagos correspondentes aos 2.400€ brutos comprometidos polo Ministerio en concepto de “gratificación extraordinaria” para este ano 2025. Unha suba, apuntan dende a representación da CIG-Administración, que “non é o que reclamamos ao Ministerio, nin na cantidade nin no concepto de complemento salarial que poida quedar blindado nas nosas nóminas”.
Explican que esta é unha mellora ofrecida de xeito unilateral por Defensa, “sen negociación de boa fe e que, sen dúbida de ningún tipo, corresponde á presión exercida pola mobilización do persoal civil nestes meses”. Consideran que con esta “gratificación” o Ministerio pretende gañar tempo “e intentar apagar as mobilizacións e o descontento do persoal” e por iso animan a continuar na loita “porque é momento de consolidar o conseguido e traballar por melloralo”.
Concentración o próximo venres no Arsenal
A CIG-Administración, ante a visita da ministra de Defensa o próximo venres, 19 de decembro, con motivo do derrubo da muralla do Arsenal, ten convocada unha nova concentración diante a Porta do Parque do Arsenal ás 15:30h para demandar melloras salariais.
Pero con esta protesta tamén se quere reclamar a participación do persoal público do Ministerio nas obras de remodelación que se están a acometer en instalacións dependentes de Defensa ante a “excesiva intervención da empresa privada” e co obxectivo “de conseguir a eficiencia na utilización dos recursos públicos e para que o beneficio económico da asignación millonaria destas obras repercuta no propio persoal”.
Lembran que o persoal civil empregado no Arsenal de Ferrol está composto por traballadores e traballadoras -de tipo laboral e funcionario- que exercen funcións que van desde do mantemento das instalacións, pasando polo administrativo, enxeñaría, e o desenvolvemento tecnolóxico e de inspección. No actual contexto de conflito laboral por motivos retributivos valoran “como unha excelente oportunidade para incentivar economicamente ao propio persoal” asignarlle obras de mellora das instalacións en lugar de externalizalas á empresa privada.