O persoal acorda continuar a folga indefinida despois de enterramento simbólico da UCI do Clínico

A Xerencia di de traballan nos pregos das obras que debían estar rematadas en setembro
Compostela - 02 Dec 2020

O Persoal da UCI do Hospital Clínico de Santiago acordou onte en asemblea continuar coa folga indefinida convocada en demanda das melloras estruturais, organizativas e preventivas necesarias para mellorar as condicións de traballo, a calidade asistencial e a privacidade das e dos doentes. A decisión tomouse logo da Xerencia informar de que a reforma comprometida o pasado mes de xuño, e que debía estar rematada en setembro, aínda está pendente de que se elaboren os pregos que rexerán a contratación administrativa do proxecto e que as obras non se iniciarán até abril.

A asemblea coincidiu coa mobilización que realiza todos os luns, desde que comezou a folga, o persoal. Desta volta consistiu nun enterro simbólico da UCI, no que non faltaron nin o cadaleito, nin o cura, nin o cortexo fúnebre, de rigoroso negro. Unha coroa de flores, velas e globos negros completaban a procesión, que deu unha volta por diante dos accesos ao Hospital orando pola unidade.

Ao remate da marcha a comitiva, diante da entrada principal do Hospital e baixo a atenta mirada policial, procedeu a soltar os globos enchendo o ceo azul intenso cunha morea de puntos negros.

Para a CIG-Saúde de Compostela, a Xerencia “esqueceu que é a súa responsabilidade garantir e mellorar as condicións de vida no traballo de todas as profesionais como única solución para posibilitar a prestacións dunha atención sanitaria de calidade”.

Neste sentido, o secretario comarcal, Xosé Manuel Marcote denuncia que a xerencia “desbotou  o plan de prevención fronte o coronavirus ( SARS-COV-2) dos traballadores de área sanitaria, mais tamén o do Ministerio de Sanidade”, nin tampouco contemplou traballar nunha unidade que teña cubículos pechados, para atender en mellores condicións de traballo aos pacientes COVID-19”.

A situación é pois, para a CIG-Saúde de Compostela, “crítica” e nestas circunstancias “ao persoal non lle queda máis remedio que continuar pelexando e coa folga, porque reclama poder vivir non sobrevivir como pretende a Xerencia”, conclúe.