O perigo de converter os habitantes de Gaza nun problema humanitario
Cando somos testemuñas das condicións apocalípticas nas que están os palestinos de Gaza, os máis ben intencionados tendemos a cualificar a situación como unha "crise humanitaria". O problema non é que esta linguaxe sexa apolítica; ao contrario, a linguaxe do humanitarismo corre o risco de facilitar a limpeza étnica dos palestinos.
Israel e os Estados Unidos buscan o apoio dos seus homólogos europeos e do Golfo para presionar o goberno exipcio a fin de que reasente os refuxiados palestinos desprazados de Gaza no deserto do Sinaí. O 20 de outubro de 2023, a Casa Branca enviou ao Congreso dos Estados Unidos unha solicitude de fondos para o devandito reasentamento. Segundo un grupo de defensa, esta "axuda humanitaria" é un engano e un pretexto para financiar a expulsión forzosa de palestinos a países veciños.
Desde o 7 de outubro, Israel apenas agochou que ve o momento actual como unha oportunidade para completar a Nakba ("catástrofe" en árabe) iniciada en 1948. Nun memorando político filtrado do 13 de outubro de 2023, o Ministerio de Intelixencia israelí recomenda o traslado forzoso masivo da poboación de Gaza ao Sinaí exipcio creando condicións sobre o terreo que a "motiven" a "aceptar o plan". Explica o ex xefe do Consello de Seguridade Nacional israelí que "Israel necesita crear unha crise humanitaria en Gaza, obrigando a ducias de miles ou mesmo centos de miles a buscaren refuxio en Exipto ou no Golfo".
Este plan é cruelmente evidente en Gaza: un bloqueo total de alimentos, medicamentos, auga e combustíbel a 2,1 millóns de persoas; o lanzamento de 12.000 toneladas de bombas desde o 7 de outubro, equivalentes a unha bomba atómica de Hiroshima, co resultado da morte de máis de 8.500 persoas, case a metade delas nenos; e a destrución do 42% de todas as unidades residenciais da Franxa; a emisión de ordes de evacuación masiva para 1. 1 millón de gazatís, xunto co bombardeo de escolas, hospitais, "pasos seguros" e "zonas seguras" para a evacuación. Entrementres, en Cisxordania, os colonos israelís xa baleiraron as aldeas palestinas, co apoio do seu exército.
Esta política é familiar para os palestinos. A Nakba de 1948 foi tanto un proceso da súa expulsión mediante campañas de terror e matanzas por parte das milicias de colonos xudeus, como un proceso para estabelecer as condicións do seu non retorno. O Estado israelí inaugurou unha política de "traslado retroactivo" que pretendía "garantir que a fuxida [dos palestinos] da zona de guerra fose un feito irreversíbel". Esta é a lóxica na que se basea a destrución das infraestruturas básicas para a vida en Gaza hoxe en día, un espello dos 500 lugares e cidades palestinas que foron arrasados na Nakba do ano 48.
Ademais, segundo o memorando, o Estado israelí quere que a comunidade internacional financie o desprazamento palestino. Isto non só implicaría fondos para reasentar os refuxiados no Sinaí, senón que o memorando suxire animar os gobernos europeos, en particular a Grecia, o Estados español e Canadá, a acoller a algúns dos refuxiados. O consentimento dos países occidentais da OTAN para financiar a política israelí de "transferencia retroactiva" non é novo. O custo de aloxar e manter os refuxiados da Nakba do 48, en campos estabelecidos en Líbano, Xordania, Siria e os Territorios Ocupados, foi sufragado pola chamada comunidade internacional, a través da UNRWA, axencia de Nacións Unidas para a poboación refuxiada de Palestina, creada en 1949.
A idea de que os doadores occidentais e os seus aliados rexionais debían asumir o custo da colonización israelí de Palestina ampliouse nos Acordos de Oslo de 1993. Oslo supuxo unha continuación de facto da ocupación de Cisxordania e a Franxa de Gaza, e así obrigouse a Israel, en virtude do dereito internacional humanitario, a atender as necesidades básicas da poboación ocupada. Mais foron os doadores occidentais e os países do Golfo os que asumiron o custo de sustentar a economía palestina con axuda ao desenvolvemento e proxectos humanitarios.
Implícito no proceso de Oslo estaba tamén o entendemento por parte dos seus patrocinadores financeiros de que a solución á cuestión dos refuxiados palestinos pasaba por un asentamento permanente fóra das fronteiras históricas de Palestina. Promoveron ideoloxicamente a Nakbaconvertendo as reclamacións palestinas de retorno á terra nun "problema de refuxiados" humanitario que se debía resolver mediante lóxicas contractualistas liberais de compensación, restitución e reasentamento.
Até o 31 de outubro, Exipto resistiuse a abrir o paso fronteirizo de Rafah, no sur da Franxa de Gaza, aos refuxiados palestinos, alegando que "calquera intento de liquidar a cuestión palestina por medios militares ou mediante o desprazamento forzoso dos palestinos da súa terra [non debe] facerse a expensas dos países da rexión". Aínda que os réximes exipcio e xordano manteñen estreitos vínculos con Israel (con acordos de normalización asinados en 1979 e 1994, respectivamente) e dependen en gran medida do patrocinio estadounidense, deben xestionar o apoio popular masivo nos seus países e no mundo árabe en xeral aos palestinos. Para Exipto, albergar a centos de miles de refuxiados no Sinaí constitúe tamén un risco político importante. Unha futura resistencia palestina desde este territorio podería precipitar un enfrontamento directo entre Exipto e Israel.
O xeneral Abdel Fateh Al-Sisi reiterou a súa preocupación por manter a soberanía territorial exipcia, suxerindo que, no seu lugar, se expulse os gazatís ao deserto do Néguev (en Palestina-Israel) até o final da guerra. Con todo, Israel e os Estados Unidos están a xogar coa fonda crise económica na que está inmersa Exipto e coas aspiracións de Al-Sisi nas próximas eleccións. A cambio do reasentamento palestino, Israel propuxo que o Banco Mundial condone unha gran parte da débeda externa de Exipto, que ascende a 165.000 millóns de dólares.
Neste contexto, parece manifestamente claro que a actual promoción occidental dunha "solución humanitaria" ao sufrimento palestino é un medio para promover a limpeza étnica e o xenocidio dos palestinos, non para impedilo. Así é como temos que interpretar o feito de que os gobernos occidentais da OTAN, que apoian de xeito entusiasta o goberno fascista de Israel, boicoteen os chamamentos a un cesamento do fogo, mentres se envolven na linguaxe da preocupación humanitaria que cambia os termos do debate público. Como vemos no Reino Unido e noutros países europeos, este enfoque da actual limpeza étnica en Gaza goza dun forte apoio entre os partidos, tanto entre os conservadores como entre os chamados progresistas.
En consecuencia, deberiamos ter claro o que está en xogo hoxe en Gaza. Aínda que é vital que se permita a chegada de subministracións humanitarias ao devastado enclave, así como de artigos de primeira necesidade como electricidade, auga, alimentos, combustíbel e refuxio, non se pode permitir que Israel e os seus patrocinadores occidentais "faciliten, financien e recompensen de maneira efectiva o traslado forzoso" de palestinos, como pretende facer a Casa Branca. De feito, en virtude do disposto no artigo 25 do Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional, ese apoio faría aos funcionarios dos gobernos occidentais responsábeis de complicidade en crimes de guerra. Deberiamos avogar e organizarnos para exercer unha presión política concertada sobre o goberno israelí e os seus patrocinadores. A esixencia debería ser non só un cesamento do fogo inmediato, senón tamén, e sobre todo, a fin do apartheid israelí.
_____________________________________________________________________________
https://www.972mag.com/intelligence-ministry-gaza-population-transfer/
https://new.thecradle.co/articles/leaked-israeli-plan-to-ethnically-cleanse-gaza
https://newleftreview.org/issues/ii10/articles/gabriel-piterberg-erasing-the-palestinians
https://www.ft.com/content/75971d8b-e2fd-4275-8747-0bd443673483
_____________________________________________________________________________
Nithya Nagarajan viviu en Palestina e traballou como investigadora, profesora visitante, e é activista do movemento sindical independente.