O PEMA, novo pacto europeo contra a clase traballadora
Cando se fan 32 anos do Tratado de Maastricht, a Unión Europea, con este novo Pacto Europeo de Migracións e Asilo (PEMA), dá un paso máis, na liña de se consolidar como unha arquitectura política, ao servizo do capital e nomeadamente do capital financeiro, debilitando aínda máis o seu carácter social
Hai uns meses soubemos que o goberno do Reino Unido quería deportar a Ruanda aquelas persoas que consideraba que chegaran ao país de maneira “irregular”. Despois chegou a nova que a Corte de Apelación de Londres ditaminara que Ruanda “non é un terceiro país seguro”. É dicir, o goberno británico decide expulsar masivamente as persoas que acaban de chegar, e o tribunal cuestiona o lugar de destino, mais non o feito de as poder deportar. O goberno británico agora tentará atopar algún outro país, ou de lle lavar a cara á inseguridade ruandesa. Entrementres, continuará dando continuidade á súa política, facendo negocios cunha compañía que xa hai máis de dous séculos se dedicaba ao comercio de escravos, e á que agora lle alugará e cederá a xestión de barcos-prisións, destinados ao mesmo colectivo de persoas migrantes ou solicitantes de asilo. A maioría das persoas deste colectivo chegan fuxindo do temor pola súa vida ou da pobreza, xerada maioritariamente polas políticas impostas desde as metrópoles. Excepcionalidade británica ou desvergoñada política nun dos países que lideraron a contrarrevolución neoliberal?
Se nos atemos a aquilo que estamos a coñecer estes días sobre o que será o novo Pacto Europeo de Migracións e Asilo, PEMA, que pode ser aprobado os próximos días ou semanas, estas inhumanas leis do Reino Unido non serán ningunha excepción a Europa. E xa non será só un tema que afecta a países que están fóra da UE ou que se significaron negativamente polo peche de fronteiras ante as ondas migratorias xeradas pola guerra en Siria, por exemplo Polonia, Hungría, Chequia ou Eslovenia. Agora parece que será un pacto “solidario” entre os 27 estados da UE, para facer fronte conxuntamente ás crises migratorias que se poidan producir, facendo legais as praxes antiimmigratorias que algúns países xa ían practicando a varias escalas, mais que facían por agochalo ou por disfrazalo de accidentes puntuais. Os asasinatos na praia do Tarajal en Ceuta, as “devolucións en quente” sistemáticas practicadas polo Estado español, ou o terríbel masacre melillense son bos exemplos.
A solidariedade interestatal europea, que parece o leitmotiv do PEMA, non foi a de obrigar os estados membros a respectaren o dereito de asilo (práctica de acollida e protección que se coñece desde o antigo Exipto), senón a de dar cobertura legal aquilo que agora xa estaban a facer os estados “fronteira” mais que non era legal e sobre todo a de facer asumir os gastos económicos e o desgaste político entre todos os membros do club.
Así, o modelo practicado na illa grega de Lesbos, con macrocampamentos para reter miles de persoas nun limbo legal e sen as infraestruturas mínimas para garantir a saúde e a dignidade, irá mutante a peor nas marxes de Europa. Un exemplo son as dúas macroprisións en Albania financiadas por Italia, para pechar os e as solicitantes de asilo e migrantes forzosas. Créanse estas macroprisións en terceiros países, fóra da UE, pero con xurisdición do estado membro da UE que a constrúe e onde se poderán encarcerar familias enteiras con nenos e nenas até seis anos. Albania exemplifica o paradoxo destas políticas; un país que solicitou ser membro da UE convértese nun territorio moi escuro onde encarcerar migrantes e persoas que piden asilo a Europa, cando como país, ten a que é considerada a terceira maior diáspora do mundo.
Consolidarase así co PEMA a externalización da xestión das fronteiras, e poñeranse aínda máis en risco as vidas de quen tentarán chegar a Europa por rutas cada vez máis perigosas. Segundo a parte do texto do PEMA que se coñeceu, a UE poderá determinar sen argumentar nin xustificar, unha listaxe de países que denominaron “terceiro país seguro”. Calquera persoa destes países xa NON poderá pedir asilo, cousa que denominaron Criterio de Inadmisibilidade, e que se recolle no Regulamento de Procedementos (en fronteira).
Coido, poréon, que o PEMA, ademais de responder á “necesidade” dos estados de harmonizar as leis europeas á práctica real dos seus membros, responde tamén a un obxectivo máis de fondo, como é o obxectivo de estruturar máis e mellor todos os recursos do capitalismo europeo na súa loita coa competencia polos mercados no ámbito mundial. De feito, o control do fluxo de persoas migrantes ou recentemente chegadas (regulándoo, prohibíndoo, ou con aperturas de fronteiras segundo os casos) é un dos mecanismos para a regulación dos salarios tanto nas metrópoles como nos países emisores de traballadores/se. Ás metrópoles, utilizando a irregularidade forzosa, como competencia para baixar o conxunto dos salarios e limitar os dereitos. Nos países emisores, este mecanismo convértese nun regulador á baixa da masa salarial e nun instrumento de transvasamento de rendas dos países empobrecidos aos do centro capitalista. Cando interesa, tamén é unha forma de expulsión/absorción dos sectores sociais máis formados debilitando así as posibilidades de facer fronte nos gobernos neocoloniais, e un mecanismo de regulación, que as metrópoles usan a distancia como válvula de control da presión social xerada pola desesperanza, para condicionar as políticas dos estados neocoloniais.
Paralelamente, en Europa, o fluxo de persoas recentemente chegadas, tamén é usado polo capital como regulador político, convertendo o racismo e a xenofobia, en elementos centrais para facer subir ou baixar a vontade as opcións electorais da extrema dereita, modulando ao tempo todo o arco político, facéndoo bascular cara á dereita. Neste marco conceptual, toda a política cara ás persoas máis pobres de entre os pobres, é utilizada para apontoar e fortalecer ideoloxicamente os valores do capitalismo. Cando a dereita ataca os dereitos das persoas recentemente chegadas, faino xerando medo ao resto da cidadanía; cando a esquerda do sistema regula algúns mínimos dereitos para este colectivo, o feito convértese en argumentos ideolóxicos a favor da extrema dereita. Un círculo vicioso que só pode ser crebado e vencido desde o cuestionamento global do sistema capitalista, incapaz pola súa natureza (acumular as máximas ganancias nas mínimas mans posíbeis) de dar resposta ás necesidades da humanidade.
Cando se fan 32 anos do Tratado de Maastricht, a Unión Europea, con este novo PEMA, dá un paso máis, na liña de se consolidar como unha arquitectura política, ao servizo do capital e nomeadamente do capital financeiro, debilitando aínda máis o carácter social que durante un tempo era publicitado como o seu sinal distintivo, e lapidando as achegas que historicamente se foron logrando co recoñecemento dos dereitos humanos. O PEMA é como unha especie de derrogación parcial da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. E faino no 75 aniversario da súa declaración.
Descoñezo se aínda estamos a tempo de impedir esta involución política que, de se consolidar terá graves consecuencias non só para as persoas recentemente chegadas ou as que poidan tentar vir, tamén para o conxunto da cidadanía europea. Unha Europa sen dereito de asilo ou cun dereito de asilo moi limitado e aleatorio, será unha Europa cunha democracia de moi baixa calidade. Do que si estou seguro é que ningunha norma xurídica poderá impedir a loita da humanidade en favor dunha sociedade máis xusta e inclusiva.
[Artigo tirado do sitio web catalán el Món, do 13 de decembro de 2023]