O patrón de poder mundial capitalista e a democracia de base

Homar Garcés - 30 Abr 2024

A tendencia á concentración de capital nun círculo cada vez máis reducido de conglomerados europeos e estadounidenses logrou impoñer o devandito patrón ao resto do planeta, nun tipo de subordinación servil que non só afectou a validez das soberanías nacionais senón a existencia -en condicións materiais aceptábeis- de milleiros de seres humanos

 Como clase hexemónica ou opresora, os grandes capitalistas obedecen ao impulso sádico, en palabras de Erich Fromm, «en converter un home en cousa, algo animado en algo inanimado, xa que mediante un control completo e absoluto o vivir perde unha calidade esencial da vida: a liberdade". En coincidencia con isto, en «Pedagoxía do oprimido» Paulo Freire sinala: «Para os opresores, a persoa humana son só eles. Os outros, son obxectos, cousas». Como consecuencia desta concepción racista, imperialista e elitista, instaurouse un proceso de dominación-subalternización e resistencia-liberación desde o cal se lle atribúen trazos negativos de inhumanidade, incivilización, atraso, primitivismo, salvaxismo, animalidade, superstición, ignorancia, fealdade, barbarie e violencia primitiva a todas as culturas, pobos e territorios que foron oprimidos baixo as premisas da ideoloxía colonialista e neocolonialista do eurocentrismo ou modernidade.

 Desta maneira, a modernidade (ou eurocentrismo) dividiu a humanidade en dous grandes segmentos: por unha banda, as persoas, a relixión e a cultura civilizadas, modernas, racionais e superiores que corresponden aos europeos (e aos seus herdeiros, os Estados Unidos) e, en oposición a eles, os seres inferiores, irracionais, primitivos e tradicionais que viven nos resto de continentes, derivando en exclusións, empobrecementos, marxinacións e humillacións de toda clase, sen deixar de lado os crimes de lesa humanidade ou xenocidios cometidos impunemente. Todo, fincado na idea da raza e o racismo instituída desde Europa e, dalgunha forma, sostida até hoxe polos mesmos oprimidos; naturalizándoa e degradándose a si mesmos e os seus conxéneres.

 O patrón de poder mundial capitalista (rexentado, basicamente, polo imperialismo ianqui) require que este proceso de dominación-subalternización e resistencia-liberación non resulte alterado en prol dos intereses de quen sofre a súa opresión, abusos e inxustizas. A este acompáñao unha colonialidade cristiá que inferioriza e sataniza todo deus e credo alleos aos seus preceptos; baseada máis en supersticións e mitos que en algo racionalmente aceptábel. Deste xeito, a civilización, o progreso, o desenvolvemento e a modernización son vistos polos seus promotores e grandes beneficiarios como a culminación inexorábel da historia humana, tal como a pensaron ao implosionar a Unión Soviética e proclamar a fin das ideoloxías.

 A tendencia á concentración de capital nun círculo cada vez máis reducido de conglomerados europeos e estadounidenses logrou impoñer o devandito patrón ao resto do planeta, nun tipo de subordinación servil que non só afectou a validez das soberanías nacionais senón a existencia -en condicións materiais aceptábeis- de milleiros de seres humanos. Entre estes últimos, moitos ilusionáaronse con alcanzar o mesmo estándar de vida que hai en Europa ou Estados Unidos, abandonando os seus países nativos, pero co grave inconveniente de sufrir, nunha gran maioría, o rexeitamento e diversas descualificacións ao seren acusados de usurpar dereitos que non lles corresponden co que se crea unha matriz de opinión favorábel a quen expresa discursos e actitudes abertamente fascistoides, xenófobos e racistas, sen que o feito mereza maior desaprobación que a dalgunhas organizacións filantrópicas e políticas de esquerda.

 A complexa conxuntura global (marcada, sobre todo, polas tensións cada vez máis crecentes e frecuentes entre os Estados Unidos, China e Rusia), non impediu xurdimento e a propagación do que, no seu artigo titulado «Utopías (e distopías) libertarias», Luís Diego Fernández chama «un xiro fascistizante, populista de dereita, no marco do cal a produción de utopías misioneiras ou imperialistas está atravesada por unha estética hiperbólica e grotesca visíbel nas utopías paleolibertarias do século XXI, cuxo exemplo máis acabado quizá sexa Jake Angeli, actor e líder do movemento conspiracionista qanon, cuxa imaxe entrando no Capitolio cun megáfono, cornos de búfalo na cabeza e o corpo inzado de tatuaxes chamánicas, pagás e nórdicas é o emblema do trumpismo utópico».

 Como pano de fondo, a guerra segue sendo o recurso máis utilizado por este patrón de poder mundial capitalista para conseguir configurar do mundo segundo os seus intereses xeopolíticos e económicos, cuestión que empezou a ter unha maior relevancia a partir da era reaganiana; o que se manifesta nos conflitos xerados entre Ucraína e Rusia, sendo os seus instigadores os gobernos dos Estados Unidos e demais países integrantes da Organización do Tratado do Atlántico Norte; entre palestinos e Israel, ameazando con estenderse a todas as nacións de Oriente Medio; entre os gobernos de Güiana e Venezuela, ademais dos existentes en chan africano.

 Non se pode negar, en consecuencia, que a globalización neoliberal está orientada a debilitar e a facer desaparecer calquera alternativa (revolucionaria ou reformista) que queira substituíla, chámese socialista ou non. Con este fin, decretou guerras globais mediante aparentes plans estratéxicos contra o narcotráfico ou o terrorismo e, durante as dúas últimas décadas, coas revolucións de cores, ao cal se engade a súa perversa concepción do «caos construtivo». En todos os casos, o seu voceiro e o seu principal instrumento e beneficiario, o imperialismo ianqui, imponnos o argumento respecto de que estariamos a vivir unha transición cara a unha nova orde mundial, o que comeza a inserirse na mente de moitas grazas á dopaxe mediática lograda a través de internet e a industria cinematográfica do lecer.

 Todo iso, en conxunto, busca causar unha desorde distópica na cal non caiba a posibilidade de que exista a esperanza dun mundo mellor, contrariamente ao que actualmente existe. Iso acompáñao, ás veces dunha forma inconsciente e desfasada, noutras, dunha forma plenamente consciente e servil, a esquerda organizada en partidos políticos, desprovista dunha estratexia efectiva para levar a cabo unha revolución social de ampla envergadura e de argumentos ideolóxicos sólidos que capten a atención das masas populares.

 Ademais, desde hai décadas, a estratexia neoliberal apunta á total autonomía dos bancos centrais, unha medida que os seus apoloxistas consideran un elemento chave para lle facer fronte á inestabilidade económica e ás interferencias políticas que se suscitan nalgúns países, en especial os situados na nosa América, cuxas burguesías están prestas a asumir sempre o seu rol dependente, antinacional e raspiñeiro.

 Como contramedida fronte ao auxe deste patrón de poder mundial capitalista é preciso incentivar (como sempre) entre os sectores populares unha toma de conciencia baseada, sobre todo, nun rescate da súa memoria histórica, a que non se escribiu e fixo valer segundo os seus propios intereses e loitas no canto de darlle continuidade aos paradigmas creados pola ideoloxía dos sectores dominantes. O outro é abrir verdadeiros espazos de debate e de participación desde os cales os sectores populares poidan organizarse dun modo independente e asuman o exercicio da democracia dunha forma directa e creadora.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 22 de abril de 2024]