O parque de bombeiros de Coruxo permaneceu pechado 72 horas por falta de persoal

A CIG demándalle ao Concello de Vigo a máxima dilixencia para abordar a precaria situación na que se atopa o servizo
Vigo - 15 Xul 2024

A CIG denuncia que o servizo de extinción de incendios de Vigo continúa a deteriorarse pola falta de persoal suficiente e a desidia do Concello. Desta volta, o parque de bombeiros de Coruxo permaneceu inoperativo durante 72 horas seguidas (das 22h do xoves 11 de xullo até ás 22h do domingo 14), marcando o seu récord de tempo inoperativo.

A representación da CIG denuncia que este Goberno municipal, co seu alcalde á cabeza, Abel Caballero, "pasará a historia pola dubidosa honra de ter o parque de Coruxo pechado durante 72 por falta de bombeiros" e por incumprir de maneira reiterada os mínimos aprobados pola propia Corporación para a prestación do servizo.

Por iso, fan un chamamento á responsabilidade para que "o mesmo alcalde que dedica tanto tempo e enerxía a eventos de proxección mediática resolva o problema de persoal do SPEIS de Vigo, dunha vez por todas, e deixe xa de xogar coa seguridade da cidadanía e dos propios integrantes do servizo".

Este novo peche amplía unha vez máis os tempos de resposta ante calquera incidencia, tanto na zona de influencia das instalacións como en toda a cidade. “Alén disto, é máis que evidente tamén a redución do número de efectivos para poder atender a diferentes sinistros, sobre todo dentro dun posíbel contexto de simultaneidade”.

A CIG censura o desidia do Goberno municipal “que non está a abordar coa dilixencia necesaria a precaria situación na que se atopa o servizo de extinción de incendios”. E lembra que as bases da oferta de emprego dos anos 2020, 2021 e 2022 continúan á espera de seren publicadas, “e tampouco se sabe nada da data das oposicións”.

Diante disto, demandan que dunha vez por todas o Goberno municipal “se poña mans á obra" para resolver de xeito urxente un gravísimo problema que se repite de forma reiterada e que compromete a seguridade da cidadanaía e dos/as profesionais.