O paro baixa en 154 persoas en Galiza en febreiro, mais o número de contratos dispárase até os 62.323
O mes de febreiro rematou con 211.924 persoas rexistradas como paradas nas oficinas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) en Galiza, 154 menos que en xaneiro, o que en termos porcentuais equivale a un descenso do 0,07%. Este dato contrasta co elevado número de contratos rexistrados neste período, 62.323, o que amosa claramente a cada vez maior rotación do emprego.
Na media do Estado o descenso do desemprego foi lixeiramente superior, atinxindo o 0,25%; en ambos os casos podemos falar de estancamento nas cifras, algo habitual no mes de febreiro. A nivel sectorial o tónica é moi semellante.
Esta pequena baixado do paro en febreiro Galiza -154 persoas- contrasta co elevado número de contratos rexistrados nese mes, 62.323, e co incremento da afiliación á Seguridade Social en 2816 persoas. Esta aparente contradición tan só se pode explicar pola forte rotación e a escasa duración dos contratos; é dicir, que un mesmo posto de traballo sexa desempeñado por varias persoas ó longo do mes, o que aumenta a afiliación e a contratación, pero apenas inflúe nas persoas paradas, xa que estas van rotando. Esta explicación é perfectamente factíbel se temos en conta o 35% dos contratos duran, de media, menos dunha semana.
Os datos amosan que se están a crear postos de traballo de moi escasa duración e con xornadas parciais, compartindo un mesmo traballo varias persoas ao longo do mes, o que por un lado agrava a precarización do mercado de traballo, pero por outro maquilla as cifras de desemprego, permitíndolle ao Goberno centrral falar de recuperación do emprego e non afrontar o grave problema existente.
Figura do traballador/a pobre
Neste senso, o secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, incide en que as sucesivas reformas laborais serviron unicamente para precarizar aínda máis as condicións laborais, sinalando a rotación como un dos principais problemas do actual mercado de traballo. Ademais, alerta sobre a consolidación da figura do traballador/a pobre a causa do aumento da temporalidade e da perda de poder adquisitivo.
Diante disto, lembra que a CIG ten en marcha unha campaña de información e mobilización centrada na recuperación de dereitos laborais e sociais “roubados coa escusa da crise económica” que ten como un dos principais obxectivos a derrogación de todas as contrarreformas aprobadas nos últimos anos.