O parche do Proa+ non cobre nin as necesidades mínimas solicitadas polos centros educativos
O martes 22 de outubro fíxose pública a resolución definitiva do Programa Proa+, concedéndoselle a 302 centros, menos do 30% dos centros públicos galegos, dos que só 7 deles terán un docente a xornada completa. É dicir, haberá 295 centros que só terán, no mellor dos casos 11,5 horas semanais de atención a alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE), menos se o persoal ten que itinerar entre distintos centros como aconteceu nalgúns casos nos últimos anos. Hai un total de 340 centros que a Consellaría deixa fóra deste programa aínda que o solicitaron.
A Consellaría de Educación non achega ningúns fondos propios a estas contratacións xa que todas elas están financiadas por unha partida finalista con fondos europeos de case seis millóns de euros. A falta de compromiso da Xunta, que nin aumenta o profesorado que demandan os centros nin complementa estas contratacións até facelas de xornada completa (para o cal debería contar cunha partida adicional roldaría os 3 millóns de euros), provoca que os centros non poidan contar cos recursos mínimos que precisan.
A CIG-Ensino reitera a súa oposición a estas modalidades de contratos programa con carácter finalista e temporal e aposta por políticas de continuidade nas que se incrementen os catálogos dos centros, tal e como di o acordo sindical sobre cadros de persoal nos centros de educación infantil e primaria asinado pola CIG-Ensino no 2007:
“Naqueles centros ordinarios que integren alumnado con necesidade educativa específica poderanse incrementar os catálogos en función do número e tipo de necesidades, especialmente de PT e AL”.
En números cóbrense 28 postos de secundaria (Lingua Castelán 6, Lingua Galega 5, Matemáticas 12, Física e Química 2, Inglés 2 e Tecnoloxía 1) e 274 de primaria (Pedagoxía Terapéutica 201, Audición e Linguaxe 34 e primaria 39).
A CIG-Ensino esixe á Consellaría de Educación que dote a todos os centros galegos do profesorado necesario para cubrir as necesidades educativas, e que deixe de lado a propaganda que non é quen de agochar a realidade ante unha comunidade escolar que o sábado 26 de outubro manifestarase en Compostela esixindo un Ensino Público con futuro e sen recortes.