O ovo da serpe

Atilio Boron - 06 Xun 2023

Na conxuntura europea actual, marcada pola guerra en Ucraína, o rearmamento de Alemaña, urxido por Washington a todos os seus aliados, ten como necesaria contrapartida o encubrimento ou a trivialización dos crimes do nazismo e o fascismo

 Na conmemoración da derrota do nazismo e o final da Segunda Guerra Mundial en Europa (non sinalei no Pacífico que, lembremos, só finalizaría despois do bombardeo atómico sobre Hiroshima e Nagasaki) que tivo lugar o 8 de maio en Berlín, as autoridades alemás prohibiron a exhibición das bandeiras da antiga Unión Soviética e da Federación Rusa. Ao principio xogouse coa idea de manter esa decisión tamén en relación á bandeira de Ucraína dada a guerra actualmente en curso nese país, mais daquela esta iniciativa foi desbotada. A ignorancia ou falta de memoria histórica dos gobernantes alemáns impediu que lembrasen que a actual bandeira de Ucraína, agora sen o tridente medieval, é a que veneraban os «colaboracionistas» ucraínos, partícipes activos dos crimes das SS de Hitler que encarceraron, torturaron e masacraron a decenas de miles de xudeus, polacos, rusos e mesmo ucraínos, sospeitosos de albergar ideas contrarias ás do réxime ou ser membros de colectivos sociais indesexábeis para o nazismo. E tamén lembrar que a presenza das bandeiras da Unión Soviética e Rusia eran un honorábel e merecido recoñecemento ao país que inmolou a máis de 27 millóns dos seus habitantes para liberar a Alemaña dos horrores do réxime nazi.

 Cómpre preguntarse acerca das razóns de tan inxusta e ingrata decisión e as súas consecuencias máis preocupantes, máis aló do anecdótico. A risco de adiantar unha hipótese, ou se cadra algunhas conxecturas, paréceme que esta conduta non só ten a ver coas brutais presións dos Estados Unidos e os seus aliados da OTAN no marco da guerra que actualmente se libra en Ucraína, senón tamén que cos decepcionantes resultados da campaña de «desnazificación» que se lanzou logo da Segunda Guerra Mundial e a lenta pero constante instalación dun certo sentido común que trivializa ou banaliza os crimes perpetrados polo nazismo. Non deixa de ser significativo que partidos ou movementos fascistas ou nazis se denominen coa expresión máis inocua de «ultradereita» ou que ningún partido político alemán se opuxese a aquela prohibición de exhibir as bandeiras do país que desempeñou o papel máis importante na derrota do nazismo. O certo é que a comezos do 2020 estes nazis travestidos estaban presentes como «membros das coalicións gobernantes en cinco países europeos e con representantes en 22 parlamentos da Unión Europea. Só cinco países da UE teñen parlamentos libres de partidos deste tipo: son Irlanda, Malta, Luxemburgo, Croacia e Romanía».

 A aludida campaña de «desnazificación» promovida en Alemaña Occidental, a rexión ocupada polos Estados Unidos, Reino Unido e Francia tras a derrota de Hitler, tivo resultados decepcionantes. En parte porque os aliados, e especialmente os Estados Unidos, adoptaron unha actitude moi oportunista na verdadeira «cazaría de talentos» que practicou na Alemaña de Hitler. Talvez o caso máis salientábel, mais non o único, sexa o de Werner von Braun, quen desenvolveu a foguetaría do exército alemán e que, a pesar da súa total complicidade coas políticas do réxime nazi, foi convidado polo Goberno de Estados Unidos para continuar os seus labores no incipiente programa aeroespacial dese país. En 1955 outorgaríaselle a nacionalidade estadounidense e pouco despois sería posto á fronte do equipo técnico da NASA, onde se convertería no principal referente científico do programa espacial estadounidense.

Banalidade do mal

 Foi só a política de «caza de talentos» dos Estados Unidos e os seus aliados a responsábel do fracaso da «desnazificación»? Non, houbo outros factores que puxeron límites a esa política. Entre eles a resistencia do Goberno de Alemaña Occidental, presidido polo chanceler Konrad Adenauer, da Democracia Cristiá e, pouco despois, o estouro da Guerra Fría e a importancia estratéxica da rápida recuperación económica e militar de Alemaña o que fixo que as potencias occidentais, nomeadamente os Estados Unidos, comezasen a perder interese no programa, polo que este se levou a cabo dunha maneira cada vez máis condescendente até o seu remate en 1951. Doutra banda, segundo moitas fontes, esa iniciativa non contaba con moita aprobación popular en Alemaña Occidental, onde moitos nazis mantiveron posicións de poder no aparello estatal, a xudicatura, a prensa, as universidades e os partidos políticos. Un segmento importante da opinión pública, doutra banda, revelaba un pertinaz apoio a Hitler. A pesar do derrubamento do réxime, os horrores da guerra, o Holocausto e os xuízos de Nuremberg en 1952, un 37% dos entrevistados respondía que Alemaña estivo mellor unha vez que os xudeus foron «expulsados» do seu territorio. Un par de anos máis tarde, en 1953, un de cada catro consultados declaraba que tiña unha boa opinión de Hitler. Esa proporción pouco variou até o día de hoxe. En realidade, a clase dominante alemá nunca terminou por asimilar a derrota de Hitler. Só corenta anos despois da capitulación do nazismo un presidente alemán, Richard von Weizsäcker, puido referirse ao 8 de maio como o «Día da Liberación da tiranía nazi e o seu sistema contrario á dignidade humana». Mais, engadía, «pouco había para celebrar» nese día.

 Na conxuntura europea actual, marcada pola guerra en Ucraína, o rearmamento de Alemaña, urxido por Washington a todos os seus aliados, ten como necesaria contrapartida o encubrimento ou a trivialización dos crimes do nazismo e o fascismo. En 1986, un dos máis enxalzados historiadores alemáns, Ernest Nolte, escribiu que os crimes de Hitler eran unha comprensíbel resposta ao «barbarismo asiático do bolxevismo». No 2014, e novamente no 2017, o profesor da Universidade Humboldt de Berlín, Jôrg Baberowski (un clásico «converso»: fervoroso maoísta na súa mocidade, e inclusive partidario de Pol Pot, e neonazi nos seus anos adultos) retomou o tema en senllas entrevistas, na última das cales asegura que «Stalin era un psicópata, Hitler non. Stalin gozou da violencia, Hitler non. Hitler sabía o que estaba a facer. (Pero) era un “autor de cadeira de brazos” que non quería saber das consecuencias sanguentas dos seus actos». Como apunta Schwarz no seu artigo, todo o seu argumento constitúe unha «banalización monstruosa dos peores crimes cometidos na historia da humanidade».

 En Latinoamérica, a banalización das ditaduras xenocidas e a descualificación da política dos dereitos humanos preparou o terreo para a irrupción aberta, a plena luz do día, de discursos e políticos neonazis. En Arxentina o expresidente Mauricio Macri fala con total impunidade do «curro dos dereitos humanos» e as hostes da dereita fan do negacionismo dos crimes da ditadura xenocida unha das súas bandeiras de loita sen que os partidos «democráticos» ou os medios hexemónicos, autoproclamados defensores da democracia e a república, polemicen coas devanditas expresións. Se apareceron líderes fascistas en varios dos países da rexión como Bolsonaro en Brasil, Kast en Chile, Milei en Arxentina, Zury Ríos (filla do genocida Efraín Ríos Montt en Guatemala e candidata para as eleccións presidenciais do 25 de xuño) é precisamente porque os gobernos posditatoriais (ou democracias de moi baixa intensidade) que xurdiron tras as caídas das ditaduras non fixeron o necesario para informar a poboación sobre os crimes perpetrados por aqueles réximes, xulgar os responsábeis e educar a cidadanía acerca das ameazas dunha posíbel restauración de gobernos ultradereitistas. Co xulgamento das Xuntas Militares e os seus cómplices na desaparición de 30.000 persoas Arxentina constitúe unha excepción a esa regra, pero aínda así é moita a tarefa que queda por facer. Mais en xeral, os gobernos da inacabada transición democrática latinoamericana non alertaron sobre a presenza do ovo da serpe, en cuxo interior se revolven as peores paixóns humanas prestas a apoderarse do Goberno aproveitando a desilusión provocada por democracias que incumpriron coas súas promesas de crear sociedades máis xustas, máis inclusivas e máis libres.

 

[Artigo tirado do sitio web arxentino Acción, en defensa del cooperativismo y del país, do 20 de maio de 2023]