A ORGACCMM chama a mobilizarse o vindeiro sábado, día 15, en defensa do monte veciñal

A manifestación, que terá lugar en Compostela, sairá ás 12:00 horas da estación do tren
Nacional - 11 Out 2022

A Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común vén de anunciar a convocatoria dunha manifestación baixo o lema “Por unha Lei de montes veciñais ao servizo da veciñanza comuneira e da sociedade galega”, que terá lugar o vindeiro sábado día 15 de outubro en Compostela. Unha mobilización para a que sairán autobuses gratuítos de distintos puntos do país para que todas e todos os comuneiros poidan sumar as súas voces e evitar "que nos rouben os montes veciñais mediante a privatización”

Segundo explicou o seu presidente Xosé Alfredo Pereira, o obxectivo desta mobilización é frear a pretensión da consellaría de Medio Rural e, polo tanto, da Xunta de Galiza, de privatizar os montes veciñais.

Neste sentido denunciou que “de forma escura e antidemocrática”, a consellaría está elaborando un Libro Branco sobre o Monte Veciñal, de onde vai saír unha modificación da actual Lei. Un Libro Branco que “máis ben é negro” do que denunciou que para a súa elaboración non se tivo en conta a opinión das comunidades de montes, nin foron convocados.

Porén si souberon cales van ser as modificacións que se propoñen, porque estivo a consulta pública hai uns meses, non o articulado da lei, senón as liñas estratéxicas da mesma, que van en tres sentidos:

Por unha banda dotar as comunidades de montes de personalidade xurídica, o que implica eliminar o seu carácter xermánico da propiedade veciñal e convertelas de golpe nunha propiedade de tipo privado e que se poidan vender, mercar ou repartir.

Por outra, definir de novo o concepto de veciño ou veciña comuneira que, tal e como explicou, hoxe “só se adquire se se vive no lugar, na aldea ou na parroquia onde existe monte veciñal”. Fronte a isto, denunciou, “o que pretende a consellaría é incluír como persoas con dereito á opción de ser comuneiro/a, a aquelas persoas físicas e xurídicas que sen vivir na aldea, no lugar ou na parroquia teñan unha relación co monte veciñal”. Isto implica, de se aprobar, que “poderán ser membros de pleno dereito todos os e as accionistas das empresas que teñen aproveitamentos no monte, chámese Fenosa, mineiras, eólicas…”, denunciou.

E a terceira modificación é que todos aqueles alugueiros, servidumes, contratos que pasen a ter un mínimo de 50 anos, sen ningunha capacidade das comunidades de montes para poder recuperar a xestión das súas terras. “Isto implica perder a memoria histórica de que naquel lugar existiu algún día monte veciñal en man común”, advertiu.

Iniciativa Lexislativa Popular

Pereira explicou que a ORGACCMM, hai xa un par de anos e diante das agresivas modificacións que foi introducindo a través das leis de acompañamento, “un mecanismo que, se ben é certo que é legal, entendemos que non é democrático”, co obxectivo sacarlle a xestión á veciñanza comuneira, puxo en marcha unha campaña con asembleas polas comunidades de montes de todo o territorio galego para elaborar un proxecto de montes veciñais, de forma democrática e participativa”.

 

Dese proceso saíu a ILP para a que se comezaron a recoller sinaturas a principios de ano, superando as 12.000, e que seguramente será debatida no Parlamento no segundo pleno de novembro.

Esta ILP contempla o recoñecemento do monte veciñal como unha titularidade máis, distinta e en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas; que se reforce o carácter xermánico dos montes veciñais en man común; considerar a veciñanza como único requisito para ser titular destas terras comunitarias; impedir todo tipo de expropiación dos montes veciñais; considerar como aproveitamentos e usos dos montes veciñais todos os que se dean nos mesmos ou garantir a capacidade de decisión da veciñanza comuneira para pór en valor as súas terras comunitarias.

Ademais, demandan a declaración como nulos de pleno dereito de todos os actos de ocupación e usurpación, así como das súas posteriores transmisións, que se fixeran de xeito ilegal, e a declaración dos montes veciñais en común como figuras de protección ambiental e cultural en si mesmos.

A historia da resistencia veciñal

Xosé Alfredo Pereira considerou que o contexto no que se vai tramitar a ILP é “agresivo”. Lembrou que o monte veciñal, ao longo da historia, padeceu 5 vagas hostís: catro procedentes de gobernos do Estado, pero esta última, a diferenza das anteriores, procedente do propio goberno galego “amparando os intereses capitalistas, urbanísticos e especulativos pretende que estas terras desaparezan, que pasen a ser entidades privadas ao servizo das multinacionais”, denunciou.

Salientou que con esta recollida de sinaturas e con esta manifestación, “a veciñanza comuneira do século XXI seguimos a historia dos que nos antecederon para, por todos os medios, conseguir que o monte veciñal en man común siga sendo hoxe unha realidade importante para o noso país”.

Lembrou que a historia do monte veciñal “é a historia da resistencia da veciñanza comuneira para preservar estas terras comunitarias que non son nin públicas, nin privadas senón que pertencen a un grupo de veciños e veciñas non considerados como entes administrativos senón considerados como grupos sociais”.

E concluíu facendo un chamamento a participar na manifestación -coa que se pretende reforzar a ILP para que pase o trámite parlamentar e siga o seu curso como unha lei normal- a todas as entidades que viven, traballan e xestionan o medio rural.