O obxectivo das negociacións non é falar da folga senón buscar a continuidade industrial da fábrica de San Cibrao
Na reunión telemática deste xoves convocada por Alcoa para reactivar o proceso de venda (a primeira xuntanza tras a sentenza do TSXG que anulou o ERE), a representación social lembroulle ao presidente da multinacional que o obxectivo das negociacións non é tratar a desconvocatoria ou non da folga, senón buscar a continuidade produtiva da fábrica de San Cibrao e manter os postos de traballo.
Así llo transmitiron logo da empresa presentar unha proposta para sentar negociar de novo unha venda (só da planta de aluminio) á SEPI, esixindo como condición a "paz social" mais sen comprometerse á reconstrución das cubas nin a ningunha outra reivindicación do comité, como a contratación do persoal necesario. A sección sindical da CIG advirte que o que pretende Alcoa "é a rendición, pois no prazo dos nove meses que estima durará o proceso de venda, as cubas irían morrendo até producir a caída das series".
Fronte ás pretensións da empresa, a CIG fixo a seguinte proposta que foi compartida e consensuada co comité e que se lle propuxo a Alcoa:
- Suspender temporalmente a folga, non levantala, durante sete semanas.
- Activar as contratacións para acadar no prazo máis breve posíbel o cadro de persoal que, a raíz dos distintos acordos, tiña que haber en xaneiro de 2020; garantindo deste xeito o mantemento e correcto funcionamento das series.
- Compromiso de poñer plenamente operativo o servizo de brascaxe e reparación e cambio de cubas de electrólises, a partir de que se suspenda a folga para evitar a posíbel parada forzosa das series de electrólises.
- Compromiso dun calendario de reunións periódicas de seguimento do proceso de venda coa presenza da SEPI.
No decurso da xuntanza, Alcoa indicou estar disposta a reiniciar as contratacións segundo as necesidades da planta (sen concretar cales son), así como activar un procedemento de información ao comité durante o proceso de venda.
A representación social trasladará a súa proposta ao Goberno español, ao igual que Alcoa remitiu a súa.