
O Obradoiro énchese do clamor unánime en defensa da nosa lingua

Milleiros de persoas ateigaron este domingo a Praza do Obradoiro ao berro de “Ligua vital xa!”. No Día de Rosalía, Compostela encheuse do clamor unánime que busca transformar a emerxencia lingüística en forza rexeneradora fronte a quen quere “un plan de enterro do galego e demolición da oficialidade”.

“Hoxe aquí comeza un movemento imparábel para a recuperación da lingua galega en todos os espazos e para todos os usos”, salientaba Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego, quen xunto con Celia Armas deu lectura ao manifesto de remate da mobilización. Un acto que estivo conducido por Xurxo Souto e que tamén contou coas actuacións da Treboada do Baixo Miño, Carapaus e Mondra, encargado de pór o broche final a esta multitudinaria manifestación contra a "emerxencia lingüística" que está a vivir o galego e contra a "a mentira, a vergoña e a manipulación" da Xunta de Galiza, con respecto á situación do noso idioma.
"Temos un goberno capaz de chamarlle bilingüismo cordial a que, segundo os datos oficiais, o 32% de menores de 15 non saiban falar galego, a que o 70% de crianzas que entran na escola falando galego saian falando español, a que o galego estea prohibido en varias materias no ensino e con restrición de porcentaxes, a que só o 0,9% da oferta televisiva sexa en galego, que só o 0, 6% dos xoguetes estean en galego ou que o uso na xustiza sexa inferior ao 1%", lamentaba Maceira.

O voceiro da plataforma de defensa da lingua foi moi crítico coas comisións nomeadas pola Xunta, "sen participación das entidades de cada sector do PXNLG que deberían ter presenza se realmente se quer mudar algo". "O único e verdadeiro pacto pola lingua está hoxe aquí", afirmou Maceira, "miles e miles de persoas orgullosamente galegas, centos de colectivos sociais e ducias de concellos xa constituíron plenarios de Queremos Galego". "A nosa conciencia e a nosa acción impedirán que enterren o galego", abunda, "pódese sumar quen quixer, non poñemos máis condición que a do compromiso coa normalización e o futuro do noso idioma".
"A Xunta e Rueda saben como rectificar: propuxemos uns puntos mínimos baseados en acordos unánimes xa existentes que a Xunta debe cumprir, e medidas urxentes que se debe aplicar para o ensino, a cultura, os servizos públicos e as actividades comerciais sen máis dilacións", apuntou. "Se quere sinceramente un proceso para aplicación doutras medidas debe facelo cun proceso transparente, plural e participativo, sen exclusións e por suposto, mostrando verdadeira vontade de aplicación".
Cerco mediático

Pola súa banda, a coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas, agradeceu o "traballo impagábel de centos de persoas, de colectivos sociais e organizacións de todo tipo para garantir o éxito desta manifestación e tamén dos máis de 20 plenarios celebrados ao longo e largo do país", o que permitiu romper "o cerco mediático".
Armas recordou, tamén, que a manifestación contou coa presenza da representación da Plataforma per la Llengua dos Países cataláns, co seu secretario xeral Francesc Marco e de Euskalgintzaren Kontseilua, coa súa secretaria xeral Edurre Eskizabel, vicepresidenta da Rede Europea pola Igualdade das Linguas que denunciou estes días o comportamento estrafalario do presidente da Xunta, o único do Estado incapaz de defender a súa lingua en Europa.
"Afortunadamente", rematou Armas, "onte mesmo en Bruxelas tamén houbo galegas e galegos manifestándose pola lingua. Se non actúa o presidente da Xunta, alí estará Queremos Galego para facelo!"