O número de persoas paradas tivo o menor descenso porcentual nun mes de xullo dende 2008
O mes de xullo adoita ser o que rexistra o menor número de persoas desempregadas do ano en Galiza. Nesta ocasión o descenso porcentual foi o menor dende ano 2008, ao inicio da crise, afondando na tendencia negativa que reflectiron os últimos datos da EPA. Ademais, consolídase a temporalidade e medra de xeito salvaxe a precariedade, cunha rotación do emprego brutal: 121.098 contratos asinados fronte a 4328 persoas menos anotadas como desempregadas con respecto a xuño. Fronte a isto, a CIG urxe a necesidade de contar cunha nova lexislación laboral que free os efectos das últimas reformas antisociais e antiobreiras impostas coa escusa da crise.
Segundo os datos do paro que se veñen de coñecer, o mes de xullo rematou no noso país con 4328 persoas menos anotadas como desempregadas que en xuño, polo que o o número de persoas paradas inscritas no SEPE alcanza as 150.921, un 2,79% menos que no mes anterior. Trátase do descenso porcentual máis baixo rexistrado no mes de xullo dende o ano 2008.
Estanse a consolidar a precariedade e a temporalidade, e canto máis tempo tardemos en lograr a derrogación das reformas antiobreiras máis difícil vai ser reverter esta situación
O que non para de medrar é a precariedade laboral e a temporalidade: unicamente o 6,6% dos contratos subscritos neste período foron rexistrados baixo algunha modalidade de contratación indefinida. Ou o que é o mesmo: 9 de cada 10 contratos foron temporais. Ademais asináronse un total de 121.098 contratos, o que amosa unha rotación do emprego elevadísima, xa que as persoas anotadas como paradas diminuíron só en 4328.
Contratación estacional
Trátase unha vez máis de contratación estacional vinculada ao sector servizos, tendo en conta que aínda que o desemprego baixou en todos os sectores o 80% dos novos contratos rexistráronse en actividades ligadas aos servizos.
Fronte a esta situación a CIG urxe a necesidade de contar cunha nova lexislación laboral que free os efectos das últimas reformas antisociais e antiobreiras impostas coa escusa da crise, “porque somos conscientes de que se está a producir un importante afondamento e consolidación da precariedade, da temporalidade e dos baixos salarios e canto máis tempo tardemos en lograr a derrogación das reformas máis difícil vai ser reverter esta situación”.