O novo calote da Reforma Laboral

Àlex Tisminetzky - 11 Feb 2022

Derrogouse ou non a Reforma Laboral do PP de 2012? A resposta é simple: non se derrogou ningún dos fundamentos das reformas dos gobernos anteriores, e os recortes bestiais de Rajoy mantéñense e consolídanse cunha nova norma

 Entre grandes aplausos da Patronal, a prensa oficial e a bendición da FAES, Ana Botín e mesmo de Fátima Báñez (ministra de Traballo do PP que aprobou a lei de 2012), o xoves 3 de febreiro o goberno español validou no Congreso a súa Reforma Laboral, cos votos a favor de Ciudadanos (a dereita unionista), PDCat (a dereita catalá), parte de UPN (o PP rexional navarro), e dun sospeitoso voto do PP, entre outros.

 Como é posíbel que unha norma dun goberno «progresista» sexa aprobada cos votos da dereita? Pódese facer unha reforma da normativa laboral favorecendo á vez a traballadores e empresarios? Derrogouse ou non a Reforma Laboral do PP de 2012? A resposta é simple: non se derrogou ningún dos fundamentos das reformas dos gobernos anteriores, e os recortes bestiais de Rajoy mantéñense e consolídanse cunha nova norma que non supón un avance nos dereitos dos traballadores. E simplemente por iso a dereita e a Patronal están a favor.

A Reforma Laboral do PP de 2012

 Os últimos anos vivimos varias reformas laborais que recortaron importantes dereitos da clase traballadora, algunhas aprobadas por gobernos do PSOE, e seguramente a máis lesiva foi a do goberno de Rajoy de 2012, que se fundamentou principalmente en:

- Abaratamento do despedimento «improcedente»: pasouse dun despedimento improcedente de 45 días por ano cun tope de 42 mensualidades, a unha redución drástica de 33 días por ano cun tope de 24 mensualidades, que supuxo unha redución moi grande das contías aboadas.

- Derrogación dos «salarios de tramitación»: anteriormente se un xuíz determinaba que o despedimento era improcedente, o empresario tiña que aboar ao traballador todos os salarios que percibiría entre o despedimento «ilegal» e a sentenza. Esta «sanción» favorecía que os empresarios o pensasen ben antes de facer despedimentos en fraude de lei, e se era improcedente o recoñecesen antes de que o traballador tivese que chegar a xuízo. A Reforma Laboral do PP derrogou estes salarios de tramitación polo despedimento improcedente, facendo que aos empresarios lles saíse redondo despedir alegando unha causa calquera, pagando o mínimo, e simplemente esperar a que se o traballador os demandaba, meses despois xa aboaría o que lle corresponde.

- Despedimentos colectivos sen control administrativo: a reforma «popular» facilitou moito os despedimentos chamados colectivos, sen a necesidade de ningún control nin autorización das administracións, e polo tanto, sen que ninguén fiscalizase minimamente se se dan as causas alegadas pola empresa para facer unha medida tan traumática.

- Facilidades ao empresario para modificar as condicións laborais: facilitouse que as empresas puidesen modificar moito máis doadamente ámbitos moi sensíbeis do traballo, como a posibilidade de mobilidade dos traballadores de forma unilateral por parte do empresario, imposicións de cambios de xornada ou de clasificación profesional.

- Perda de dereitos debido á subcontratación: certos colectivos de traballadores, como as kellis entre outros, sofren graves dificultades para que se lles os dereitos debido á subcontratación, a práctica de manter traballadores fóra de Convenios para seren subcontratados por outras empresas (ou subcontratados por subcontratos).

Derróganse as medidas de Rajoy de 2012?

 Ningunha das medidas anteriormente citadas foron derrogadas, nin modificadas o máis mínimo. Polo tanto, esta Reforma Laboral supostamente «progresista» consolida os despedimentos máis baratos, fáciles e sen control para os empresarios, mantendo unha normativa que permite grandes cambios de forma unilateral do empresario nas condicións de traballo dos seus empregados (horarios, xornada, mobilidade, categoría profesional...) e deixa tirados colectivos como as kellis, aos que prometeran reformas reais.

As únicas modificacións substanciais da Reforma actual son:

- Modificación da «ultraactividade» dos convenios colectivos: antes de 2012, até que non se aprobaba un novo convenio colectivo, o anterior continuaba vixente, sistema legal que determinaba que os traballadores podían presionar con non asinar un novo convenio, sabendo que se non había acordo mantiñan polo menos os dereitos do antigo. A Reforma Laboral do PP determinou que cando un convenio colectivo finalizaba xa non era aplicábel, e polo tanto agora eran os empresarios os que podían presionar con non asinar un novo convenio, posto que se non se chegaba a ningún acordo os traballadores perdían os dereitos negociados en antigos Convenios.

 Esta polémica medida do PP non foi «derrogada» volvendo á situación anterior a 2012, senón que foi «modificada», creando uns mecanismos de mantemento do convenio anterior pero suxeitos a certos requisitos.

- Redución do tempo posíbel legalmente para certos contratos temporais: a nova norma establece uns límites máis curtos para a duración legal dalgúns dos contratos temporais. Unha medida teoricamente positiva, pero que tristemente tampouco terá uns efectos reais no mercado laboral, atendendo a que algúns contratos temporais pasarán a denominarse fixos descontinuos, pero coa mesma realidade de precariedade, temporalidade e unha realidade no mercado laboral de pouco (ou prácticamente nulo) control da actuación empresarial.

 Dá verdadeira vergoña allea que alguén cun mínimo coñecemento da norma poida defender de forma sincera que esta nova norma mellora as condicións laborais dos traballadores, e moitos menos aínda que «derroga» a Reforma Laboral do PP de 2012.

Un novo calote

 O goberno «progresista» do PSOE e Unidas Podemos, coa inestimábel axuda dos sindicatos institucionais CCOO e UGT, estanos afacendo a grandes declaracións que din defender dereitos das clases populares, mais despois en realidade aproban normas que non o fan. Os xornais estaban cheos de declaracións onde o goberno aseguraba que “prohibir” os despedimentos durante a pandemia, pero os xulgados dos social colapsáronse con miles de despedimentos reais.

 Prometéronnos a suba do IPC ás pensións, mais a última hora os pensionistas volveron perder poder adquisitivo subindo só un 2,5% (cando o IPC foi do 6,5%). Tamén dixeron que se aprobou unha moratoria polo o dereito á vivenda, pero cada día continuaron os desafiuzamentos. Agora tocoulle ao mercado laboral. Prometeron en campañas electorais e pactos de coalición a derrogación da Reforma Laboral, e non hai ningún avogado laboralista minimamente honesto que defenda que o fixeron, senón que, máis ben ao contrario, a lectura da norma deixa claro que os recortes de Rajoy se consolidaron.

 

[Artigo tirado do sitio web catalán La Burxa, do  4 de febreiro de 2022]