O negocio das vacinas

Isidro Esnaola - 02 Feb 2021

Do que se trata é de gañar diñeiro, non de salvar vidas. Xa o deixaron moi claro cando informaron á prensa dos datos de efectividade, provocando espectaculares subas das súas propias accións. Estamos, xa que logo, nun momento no que as farmacéuticas queren rendibilizar ao máximo o monopolio que posúen

O atraso na entrega das vacinas comprometidas, o enfado da Unión Europea coa empresa AstraZeneca e a decisión de impedir a exportación de vacinas producidas en Europa dan a medida exacta do que significa a colaboración público-privada.

 O Fondo de Acceso Global para Vacinas Covid-19 (máis coñecido polas súas siglas en inglés, Covax) é unha alianza de axentes públicos e privados (a maioría fundacións como a de Bill & Melinda Gates) que conta coa participación da OMS. O seu obxectivo é garantir o acceso equitativo ás vacinas e acelerar a súa produción. É dicir, a idea era mercar as vacinas en común para que despois se puidese facer un reparto equitativo. Máis de 180 países se adheriron a esa alianza pero parece -non está do todo claro- que de momento non logrou comprar nin unha soa vacina.

 Os países con gran poder de compra preferiron pechar acordos directamente coas compañías farmacéuticas e neste momento están acaparando todas as vacinas que poden. Así o denunciaron esta semana tanto o director da OMS, Dr. Tedros, como o presidente de Sudáfrica, Cyril Ramaphosa. Así, tres países superan xa o 10% de persoas vacinadas pero na maioría nin sequera empezou a campaña. Asinan polo ben común pero despois todos intentar arranxar o seu, esquecéndose da solidariedade. Tan arraigada está esa visión egoísta que os líderes mundiais non comprenden que a solución parcial non existe. O máis sinxelo sería que todas esas patentes das vacinas que demostraron a súa eficacia fosen de dominio público para que calquera as puidese fabricar.

 Pero ninguén promove semellante herexía, todo o mundo considera lóxico que agora esas empresas gañen diñeiro. Pero unha vez alimentada, a besta vólvese insaciábel de súpeto as farmacéuticas deixaron de cumprir os prazos sen dar unha explicación clara. Se cadra é porque están vendendo a prezada mercadoría a compradores que ofrecen moito máis. Un exclusivo club de viaxes británico ofrecía unha viaxe a Dubai con vacina polo módico prezo de 45.000 euros. Tras o escándalo rectificaron o anuncio, pero quen asegura que os seguros privados non están comprando esas vacinas para os seus clientes VIP?

 Porque do que se trata é de gañar diñeiro, non de salvar vidas. Xa o deixaron moi claro cando informaron á prensa dos datos de efectividade, provocando espectaculares subas das súas propias accións. Estamos, xa que logo, nun momento no que as farmacéuticas queren rendibilizar ao máximo o monopolio que posúen; de aquí a pouco, cando a maioría da poboación estea inmunizada e haxa outras vacinas, as súas xa non valerán nada.

 O peor de todo é que esas farmacéuticas recibiron un importante apoio estatal. Hai controversia sobre o montante dos fondos públicos que obtiveron. É posíbel que directamente non sexan grandes cantidades, pero indirectamente estes consorcios aseguraron todo o investimento: a maioría dos precontratos asinados cos Estados asegurábanlles o cobro da vacina aínda que esta resultase ineficaz. Como adoita ser habitual, pouco risco, pero á hora de recoller beneficios, que non escape nin un euro!

 Este apoio mutuo entre algunhas farmacéuticas e Estados non parece que sexa completamente desinteresado. Dá a impresión de que os países occidentais apoiaron técnicas moi sofisticadas, algunhas das cales -como o ARN- aínda non se usaron, deixando sen financiamento outras. Algo parecido ao que ocorreu coas PCR ao principio da pandemia e que a día de hoxe segue sen unha explicación clara. Talvez, os poderosos Estados occidentais valoren o fomento desas técnicas coa escura intención de obter un monopolio que lles outorgue réditos xeopolíticos a medio prazo. O ascenso de China desacouga moito máis do que parece. Tamén neste caso, a saúde é o de menos. O importante é o diñeiro e o poder asociado.

 

[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 31 de xaneiro de 2021]