O naval vigués parará este venres para mobilizarse en solidariedade co operario falecido no estaleiro Cardama
O naval da Ría de Vigo vístese novamente de loito pola morte en accidente laboral dun traballador da industria auxiliar e convoca unha parada e unha manifestación para este venres día 25, que sairá dos diferentes estaleiros en columnas até o edificio da Xunta para esixir medidas de seguridade e que se retomen as mesas do sector, entre elas a de Prevención de Riscos, que leva máis de 12 anos sen convocarse.
Os cadros de persoal dos estaleiros e da industria auxiliar concentraranse a primeira hora na entrada das empresas para definir o percorrido da marcha e informar do sinistro que lle custou a vida a un operario no estaleiro Cardama. A continuación arrincarán en manifestación cara ao edificio autonómico, a onde prevén chegar por volta das 11:30 horas.
Así, os traballadores/as de Metalships reunirase diante das instalacións ás 9:30 horas para saír despois cara á Xunta, pasando por Astilleros San Enrique. Os de Cardama, Freire, Armón e Ría de Vigo farano á mesma hora e partirán conxuntamente até a Xunta. Mentres que as empresas auxiliares de Bouzas incorporaranse á marcha que se inicia en Cardama, ao igual que o persoal de Nodosa (Marín).
Dende a CIG, CCOO e UGT lembran que levan moito tempo reclamando maiores medidas de seguridade para o sector, xa que tanto as empresas como a Xunta” foron baixando a garda, até o punto de levar máis de 12 anos sen convocar as mesas do sector naval da Ría de Vigo, entre elas a específica de Prevención e Saúde Laboral”.
Presións e malos tratos
Por iso inciden en que é necesario volver a activar unhas mesas nas que participaban todos os actores do sector, incluída a Inspección de Traballo, para que se garanta o traballo seguro e se recupere o respecto polos traballadores/as das auxiliares, “que están a sufrir todo tipo de presións e malos tratos por parte das súas empresas e das principais”.
Ao tempo que demandan da Inspección un maior control sobre as “auxiliares piratas” que regresaron ao sector e consideran urxente “frear o modelo de presión, precarización e baixo custo que se intenta implantar na ría co beneplácito da Xunta e que levou o sector a un modelo de negocio ruinoso, sen futuro e no que se perde a vida traballando”.
Finalmente, fan fincapé en que é necesario un cambio de rumbo, non só nas mentalidades empresariais senón tamén nas políticas de sector, con modelos de negocio abocados ao fracaso e sen rumbo fixo. “É o momento de reclamar políticas activas en materia de prevención, de reactivar os axentes fiscalizadores e de sentar a todas as partes para acordar o modelo de sector e o seu futuro”.