O naval vigués parará e mobilizarase para denunciar unha nova morte no sector
O naval da Ría de Vigo vese obrigado a saír unha vez máis á rúa para rexeitar unha nova morte no sector, esta vez no estaleiro Armón. Dende a CIG trasládanlle todo o seu apoio e solidariedade á familia do compañeiro falecido hoxe en accidente laboral, advirten da crecente precarización derivada do actual modelo de estaleiro de síntese e reclaman máis medidas de seguridade no traballo.
A resposta ao sinistro que lle custou a vida a un empregado da industria auxiliar que desenvolvía o seu labor nas instalacións de Armón consistirá nun paro total e nunha manifestación este xoves que rematará diante da Inspección de Traballo para esixir medidas efectivas de fiscalización que garantan o cumprimento da normativa en materia de seguridade e saúde laboral.
Os traballadores/as saírán das súas respectivas empresas para posteriormente iniciar unha marcha a pé a partir das 9:00 horas cara a sede da autoridade laboral, na rúa Cánovas del Castillo.
A CIG leva anos reclamando que se garanta o traballo seguro e se recupere o respecto polo persoal das auxiliares, “que padece todo tipo de presións e malos tratos por parte das súas empresas e das principais” e demandando da Inspección un maior control sobre as “auxiliares piratas” que regresaron ao sector.
Finalmente, na central consideran urxente frear o modelo de estaleiro de síntese “baseado na presión, precarización e baixo custo que se está a implantar na ría co beneplácito da Xunta e que levou o sector a un modelo de negocio ruinoso, sen futuro e no que se perde a vida traballando”.