O naval galego para e bótase á rúa para denunciar un novo “asasinato” pola precariedade laboral
A morte onte en accidente de traballo dun operario da industria auxiliar do naval vigués sacudiu o sector de norte a sur do país, que se botou á rúa hoxe para denunciar un novo “asasinato” pola precariedade laboral e reclamar medidas de seguridade que paren “esta sangría”. As rúas de Vigo acolleron unha masiva manifestación, na que tamén participou persoal de Nodosa, en Marín, e en Navantia Ferrol celebrouse unha concentración de apoio.
A partir das 9:30 horas os traballadores/as dos estaleiros e das compañías auxiliares da Ría de Vigo foron concentrándose ás portas das empresas, dende onde partiron en columnas cara ao centro da cidade para facer visíbel a súa rabia polo acontecido na mañá de onte no estaleiro Cardama, cando o compañeiro Iván Costas Comesaña, da empresa auxiliar Tunafer, perdeu a vida aos 42 anos en accidente laboral no estaleiro Cardama.
Ademais de trasladar publicamente a súa indignación e solidarizarse coa familia, cos compañeiros/as e coas amizades do falecido, o principal motivo da marcha era reivindicar medidas de seguridade no traballo ante a crecente precarización do sector, que pasan en primeiro lugar por retomar a Mesa do Sector Naval, que leva 12 anos sen convocarse.
Por volta das 11:30 horas chegaron á delegación da Xunta, que estaba tomado por un forte dispositivo policial que lles impediu situarse ás portas do edificio. Tras unha breve negociación cos axentes optaron por concentrarse na praza da Estrela, xusto diante da sede da Autoridade Portuaria. Unha vez alí gardaron un minuto de silencio en memoria do compañeiro falecido e berraron consignas como “Traballo temporal, terrorismo patronal”.
Proliferación de empresas auxiliares "piratas"
Tamén interviron representantes sindicais das tres centrais convocantes da mobilización, a CIG, CCOO e UGT. O secretario comarcal da federación de Industria da CIG de Vigo, Xulio Fernández, quixo deixar claro que o acontecido co traballador foi un “asasinato” pola precariedade laboral que non deixa de medrar non sector, coa proliferación de empresas auxiliares “piratas” e un cada vez maior aumento das cadeas de subcontratación.
Neste senso, censuraron que o modelo de estaleiros de síntese está a provocar a fragmentación do sector e impiden a consolidación de estruturas empresariais fortes que garantan unha formación axeitada do persoal que se incorpora ás compañías. Apelaron así mesmo á necesidade dun maior investimento tanto en formación como en medidas de seguridade no traballo.
Fernández denunciou tamén o papel que están a xogar as Administración e a Inspección de Traballo, “que miran cara a outro lado mentres os empregados/as do sector son tratados/as como carne de canón”. Diante disto, chamou a todos/as os asistentes a “prepararse para o que está por vir”, en referencia á próxima negociación do convenio colectivo provincial.
Os tres sindicatos incidiron na necesidade de retomar canto antes a Mesa do Sector Naval, que leva 12 anos sen convocarse a pesar das continuas demandas da parte social, para abordar aspectos referentes á prevención e á saúde laboral. Finalmente, apelaron a non deixar que esta nova morte no sector se transforme nunha estatística máis, “porque non pode ser que ir a traballar se converta nun deporte de risco”.