Os/as traballadores do naval da ría de Ferrol volven á rúa para esixir carga de traballo
Os traballadores e as traballadoras do naval de Ferrol están desenvolvendo este xoves unha xornada de paros e mobilizacións para esixir nova carga de traballo que permita paliar a falta de actividade prevista para os próximos dous anos. O persoal, tanto de Navantia como das auxiliares, está secundando masivamente os paros de dúas horas por quenda laboral e esta mañá saíron en manifestación dende os estaleiros de Fene e Ferrol para xuntarse na Ponte das Pías. Alí confluíron cos traballadores e traballadoras de Poligal, en loita pola continuidade dos seus empregos e a actividade produtiva na fábrica de Narón.
Pola tarde, haberá un novo paro de 18:30 a 20:30 horas, tempo no que se aproveitará para realizar unha manifestación dende a porta da antiga Bazán até o Concello de Ferrol, coincidindo coa celebración do Pleno municipal. A intención do persoal é intervir na sesión plenaria para dar lectura a un manifesto conxunto no que se reclama o apoio da Corporación ás demandas de carga de traballo.
Visibilizar nas rúas o impacto da falta de ocupación
Con estas protestas, o persoal do naval irrompe coas súas reivindicacións na campaña electoral para esixir carga de traballo para os dous estaleiros e denunciar tanto a demora na sinatura do convenio das fragatas F-110 (que non se comezarán a construír cando menos até finais de 2021) como a decisión de derivar parte das estruturas de eólica mariña que se fan en Fene a Cádiz.
"É abrigado para todos e todas nós saír á rúa masivamente a loitar polo noso futuro e polo futuro da nosa comarca. Precisamos converternos en obxectivo político prioritario e preferente para todo o que teña a ver co sector naval, en calquera dos sectores de actividade: civil, militar, reparacións, turbinas, eólica, etc.", salientan dende a CIG-Industria de Ferrol.
O secretario comarcal da Federación, Vicente Vidal, insistiu na necesidade de que os traballadores e traballadoras saian á rúa para que se visualice cal é o impacto que suporá para a comarca que non haxa contratos nos vindeiros dous anos. Por iso, entende que esta xornada "ten que ser o inicio dun calendario mobilizacións máis contundentes, porque este será o único xeito de forzar e presionar ao futuro goberno para que se implique na busca de carga de traballo adicional".
Vidal criticou tamén que, malia non existir previsión de ocupación entre o remate dos buques australianos e o inicio da construción das fragatas, o persoal está realizando xornadas de traballo interminábeis para a entrega dos AORs. Diante disto, reclamou unha racionalización dos horarios e a non realización de horas complementarias como unha das medidas de presión.
"Solución ponte" para paliar a falta de actividade
Para cubrir este período de inactividade entre o remate dos AORs australianos e o inicio das fragatas, "no que practicamente estaremos sen ocupación na grada e no que quedarán na rúa uns 600 operarios e operarias das industrias auxiliares", advirte Marcelino Amado, do comité de Navantia-Ferrol e responsábel do sector naval da CIG-Industria, a representación social pide que se poña en marcha un novo buque de soporte loxístico -na liña do Cantabria- que suporía "case dous millóns de horas de traballo". Esa sería unha posíbel "solución ponte" para paliar esta falta de traballo, engade.
A este respecto, a CIG-Industria pon a atención no feito de que a ocupación comezará a recuperarse moi amodo dentro dous ou tres anos, "polo que non veremos saturadas as instalacións até non se sabe cando". Con "este horizonte tan desastroso" á vista, a preocupación pola falta de actividade increméntase "ante a evidencia de que as presións políticas exercidas desde Puerto Real conseguen priorizar a ocupación deses estaleiros sobre o futuro da nasa comarca".
Tal é así, advirten, que se desviou unha plataforma flotante para a eólica mariña do contrato KINKARDINE, que se tiña que facer en Fene, para as súas instalacións de Puerto Real, "nun exemplo de decisión política anti-económica polas duplicidades organizativas que provoca".
Complexo Integral da Construción Naval
A CIG volveu reivindicar a necesidade de avanzar na creación dun Complexo Integral da Construción Naval na ría de Ferrol, que abranga a construción civil, militar, offshore e de reparacións, que funcione como unha unidade territorial autónoma con representación da Xunta de Galiza, tanto no capital social como no Consello de Administración, e no que as instalacións de Fene non sexan entendidas como un simple taller auxiliar de Ferrol.
En canto á situación dos estaleiros, Marcelino Amado, apuntou que Carenas ten un nivel alto de ocupación, pero as inversións que se están facendo non van dirixidas a manter ese mercado nin a introducirse noutros mercados novos que permitan lograr máis carga de traballo. Sobre Turbinas, pon a atención no feito de que a última reorganización de Navantia afonda na súa minorazión, e ao tempo que non existe un investimento que propicie ter un produto propio "que a faga despegar". Xunto a isto, pulou pola modernización dos estaleiros "que permitan consolidar as instalacións no mercado militar, un mercado básico para Navantia".