O naufraxio de Pylos e a política europea de migración e asilo

Eirene Gaitanou - 29 Xun 2023

As bágoas de crocodilo e a hipocrisía non traerán de volta aos mortos e non impedirán unha próxima traxedia. A única solución é a reforma radical das políticas de asilo e migración europeas e gregas, co fin de garantir os dereitos fundamentais das e os refuxiados e migrantes

 Hai momentos en que as palabras non poden dar conta da verdade, en que as imaxes semellan incapaces de captar a realidade vivida. Na mañá do mércores 14 de xuño, informáronnos dun novo naufraxio no Mediterráneo, un daqueles dos que quen nos ocupamos da cuestión das e os refuxiados, ouvimos falar constantemente, con máis intensidade nos últimos tempos.

 As primeiras noticias informaron de 17 mortos e 104 persoas rescatadas. Axiña, Watch The Med Alarm Phone, a organización independente que estabeleceu unha liña de axuda autoorganizada para as e os refuxiados en apertos no Mediterráneo en apoio dos servizos de rescate, sinalou que recibira unha chamada o día anterior, pola tarde, sobre un barco con 750 refuxiados a bordo, preto da mesma zona, e que informara as autoridades. Foi entón cando as noticias comezaron a dar un xiro estarrecedor.

 O balance final fala de 78 mortos, cuxos corpos foron recuperados, e de 104 sobreviventes, todos homes. Isto significa que, segundo a información que indicaba que en realidade había unhas 750 persoas a bordo, o número de persoas “desaparecidas” é de aproximadamente 550. Que saibamos, trátase do naufraxio máis mortal que se produciu en Grecia. Desafortunadamente, as esperanzas de máis sobreviventes son nulas. Ademais, segundo os testemuños dos refuxiados rescatados e os familiares que buscaban os seus seres queridos, moitas mulleres (algunhas embarazadas) e moitos nenos quedaron atrapados na adega do barco [razón pola que non hai sobreviventes entre elas].

Cronoloxía sucinta e responsabilidades das autoridades

 A embarcación saíu de Tobrouk, Libia, o venres 9 de xuño. Transportaba persoas de Exipto, Paquistán, Siria, Palestina e Afganistán, dadas as nacionalidades das persoas rescatadas e as procuras realizadas polos seus familiares. Seguía a chamada “ruta de Calabria”, unha ruta particularmente perigosa, que adoita ser tomada por persoas que fuxían do sur de Turquía, ou Libia, para chegar a Italia, tratando de evitar Grecia, onde as violacións dos dereitos humanos e os casos de retorno forzados (pushbacks) son comúns. O naufraxio tivo lugar cerca do punto máis profundo do mar Mediterráneo, coñecido como a fosa ou pozos de Oinoussa.

 A viaxe por esta ruta leva varios días e obviamente é moito máis perigoso que as vías máis directas [pero máis próximas ás augas gregas]. É practicamente imposíbel saber cantos barcos e cantas vidas pereceron nesta ruta. O valioso traballo de vixilancia e rexistro das necesidades de procura e rescate é realizado por organizacións independentes como Alarm Phone ou os buques de Médicos Sen Fronteiras, que operan na zona ampliada de Italia e Malta (e non en Grecia).

 O martes 13 de xuño á mañá, foron contactados por primeira vez polo barco que pedía axuda. Nawal Soufi, unha activista de Alarm Phone, que estaba en contacto coas persoas refuxiadas a bordo do barco, pero tamén Frontex, rexistraron estas primeiras comunicacións e informaron as autoridades gregas competentes. A cronoloxía de sucesos rexistrada por múltiples fontes (véxase a transcrición detallada de Alarm Phone) mostra que había tempo suficiente para planificar, organizar e desenvolver unha operación de rescate acaída: pasaron polo menos 16 horas entre a notificación inicial ás autoridades gregas e o naufraxio final do barco. Porén, non só non se organizou tal operación, senón que o relato da Garda Costeira grega ten serias deficiencias, como demostraron varios medios de comunicación (por exemplo, aquí, aquí e aquí).

 Aínda que polo momento non podemos tirar conclusións definitivas sobre o que realmente aconteceu, algúns feitos son innegábeis:

- O barco estaba en augas internacionais pero nunha zona de responsabilidade de rescate (SAR: Search and Rescue) grega, algo que ninguén cuestionou nunca. Por tanto, as autoridades gregas eran responsábeis do salvamento.

- Ademais, e sobre a base da cronoloxía trazada anteriormente, as autoridades gregas tomaran pleno coñecemento do feito de que o barco estaba en perigo desde había varias horas. En xeral, as operacións de procura e rescate, cando as vidas están en perigo, deben ser axeitadas e rápidas, o que, neste caso, non foi así.

- Nestas condicións, a intervención foi, como mínimo, errónea e demasiado tardía. Os gardacostas deberían ter buques de rescate axeitados, capaces de rescatar inmediatamente as persoas que estaban no mar ao redor do barco. E isto sobre todo porque os barcos da Garda Costeira viran a embarcación e estaban presentes no momento do naufraxio. Con todo, un dos barcos de rescate privados máis modernos atopábase na zona e nunca foi chamado polo centro de operacións. O feito de que mesmo as persoas rescatadas foron rescatadas por un iate privado e non por un barco das autoridades gregas é revelador.

- Calquera incriminación das e os refuxiados é inaceptábel. As xustificacións da Garda Costeira e as autoridades gregas, que afirman que un rescate foi tentado pero rexeitado polas e os refuxiados, son chocantes. Ademais, as imaxes que se difundiron mostran os refuxiados pedindo axuda coas mans erguidas. Estas mesmas imaxes foron gravadas polo activista Nawal Soufi, que estaba en comunicación coas persoas a bordo.

- Porén, mesmo se este fose o caso, as autoridades tiñan unha responsabilidade inmediata en materia de asistencia. O barco non enarboraba bandeira (o que daba ás autoridades gregas o dereito de se achegaren e subir a bordo para a súa inspección), obviamente non estaba en condicións de navegar, non tiña certificados nin equipo de rescate. Estaba sobrecargado e, desprovisto dun comandante, estaba á valga, o que cara a necesaria unha asistencia inmediata. Por tanto, medidas preventivas e proactivas moi serias deberían ser tomadas polos gardacostas gregos, cos barcos axeitados.

- Como continuación das graves deficiencias no relato proporcionado polas autoridades gregas, é revelador que os gardacostas tentasen amarrar a embarcación cunha corda para tentar remolcala. Mentres que, ao principio, os sucesivos comunicados oficiais non o mencionaban, os testemuños dos refuxiados rescatados (en vídeo, mais tamén a través de líderes e responsábeis políticos) revelaron o xoves pola noite que os gardacostas tentaran remolcar o barco cunha corda. Desde o venres pola mañá, sucedéronse declaracións contraditorias dos representantes do goberno e da Garda Costeira durante varias horas, até que finalmente se admitiu que efectivamente abordaran a embarcación para verificar as condicións no seu interior. Ademais, o remolque dunha embarcación deste tipo cunha corda, supondo que se realizou como parte dunha operación de rescate (e non dun traslado do barco fóra da zona de responsabilidade grega), debe considerarse inaceptábel e perigoso, xa que leva un alto risco de envorcala.

 En calquera caso, a magnitude da traxedia, as graves contradicións e as deficiencias lóxicas das versións oficiais, así como as pasadas prácticas ilegais por parte das autoridades gregas (por exemplo, as devolucións en Lesbos recentemente reveladas polo vídeo publicado polo New York Times, e moitas outras), subliñan a necesidade urxente dunha investigación inmediata, exhaustiva, transparente e independente sobre as circunstancias do naufraxio. A investigación débese centrar no que se desprende das comunicacións rexistradas (que deberían facerse públicas), así como nos testemuños das persoas sobreviventes e de todas as persoas implicadas, co fin de determinar as responsabilidades políticas, penais e disciplinarias e garantir a total responsabilidade e transparencia.

Sobre a política europea (e grega) en materia de asilo e migración

 Por suposto, se queremos falar seriamente de responsabilidades políticas, hai que designar o primeiro culpábel: a política europea en materia de migración e asilo, cuxa política grega é unha versión ofensiva. Porque este naufraxio non é máis que unha traxedia predicíbel, consecuencia desta mesma política.

 A realidade é tan simple como tráxica: as políticas institucionalizadas e os dispositivos de disuasión sistemática estabelecidos nas fronteiras exteriores da UE, noutras palabras, a externalización e a militarización das fronteiras que caracterizan a política europea e grega en materia de asilo e migración, combinadas con prácticas ilegais como as devolucións, violan os dereitos humanos fundamentais, deixan os refuxiados a mercé de traficantes e, á fin de contas, levan a xente á morte.

 Entre estes dereitos violados está, por suposto, o dereito fundamental ao asilo: toda persoa ten dereito a solicitar asilo, veña de onde veña e sen importar como chegue ao país onde presente a súa solicitude. As políticas de externalización da UE teñen como obxectivo bloquear as persoas fóra das fronteiras europeas, polo que nin sequera poden presentar unha solicitude de asilo. Trátase dunha violación flagrante da Convención de Xenebra e unha violación dun dereito fundamental.

 Estas políticas aplícanse tanto dentro como fóra da UE. No exterior: proporcionando apoio financeiro, loxístico e político a réximes que violan os dereitos fundamentais (como Libia) para evitar que as e os refuxiados cheguen á UE. Por suposto, o mesmo ocorre no interior: a enquisa de Apostolis Fotiadis publicada o xoves 15 de xuño pola web de Solomon revela que a Comisión Europea fixo máis que duplicar as cantidades asignadas a Grecia durante o período 2021-2027 para o fortalecemento dos equipos, sistemas de vixilancia e recursos humanos destinados ao control de fronteiras en comparación co período anterior. Así, o orzamento para a vixilancia das fronteiras ascende a 800 millóns de euros, mentres que só están previstos 600 mil euros (!)para as operacións de procura e rescate.

 O compoñente “interior” destas políticas ordénase ao redor dun obxectivo simple e estarrecedor: facer da vida dos refuxiados e migrantes na UE un verdadeiro inferno. Hoxe en día, a realidade da “Europa fortaleza”, incluíndo Grecia, está a converterse en normalidade. En resumo, as políticas en cuestión articúlanse en torno ao seguinte eixo: restricións severas e atrancos permanentes ao acceso ao asilo -retención-, devolucións e expulsións. En tal réxime, a persoa solicitante de asilo debe demostrar constantemente a súa “boa fe” para non ser privada automaticamente dos seus dereitos. El ou ela atópase a mercé de calquera decisión política feita sen o seu coñecemento e privada dun acceso elemental á información e as disposicións relativas á súa vida. Debe aceptar a privación dos seus dereitos sociais e económicos fundamentais (saúde, traballo, educación) e, ao mesmo tempo, superar atrancos permanentes para non ser expulsado, devolto ou encarcerado. Ou todo isto á vez, en calquera orde.

 Un dos efectos secundarios desta política é a presenza de miles de indocumentados e persoas privadas dos seus dereitos, confinadas a unha especie de nada social, guetizadas e marxinadas. A asfixiante realidade na que viven as e os solicitantes de asilo nas “estruturas de acollida” das illas do Exeo, totalmente financiadas pola UE, é reveladora. Segundo unha recente enquisa de Refugee Support in the Aegean (RSA), miles de persoas viven en condicións indignas, privadas de asistencia xurídica, atención médica, alimentos, produtos de primeira necesidade e acceso a un intérprete. As súas vidas desenvólvense en condicións de severa vixilancia, control e represión, pero tamén en illamento, lonxe do tecido urbano.

 O vergoñento acordo entre a UE e Turquía, que constitúe en todo caso unha aberración institucional e un pesadelo para os dereitos humanos, o peche espacial que se lles impón nas illas, os procedementos acelerados en materia de asilo e fronteiras, formalizan a negativa total da UE a garantir os seus compromisos en materia de protección internacional aos refuxiados tal e como se derivan das convencións internacionais. Estas políticas seguen tendo un efecto devastador na vida dos miles de persoas que logran sobrevivir.

 Por suposto, estas políticas son seguidas, intensificadas e desenvolvidas polo goberno grego cun celo a toda proba, envoltas nunha retórica de extrema dereita, sempre cínica, e dirixida a dereitizar constantemente o sentido común arredor desta cuestión. Co apoio da maioría dos medios de comunicación, van acompañadas de prácticas ilegais, da denigración das e os refuxiados e migrantes, da súa criminalización, así como da dos grupos e organizacións de solidariedade que tentan resistir a súa aplicación.

 Esta orientación da política europea de asilo e inmigración alcanzou recentemente un novo punto: o futuro vese aínda máis sombrío. Unha semana antes do naufraxio, o xoves 8 de xuño, o Consello da UE validou un mandato de negociación sobre as propostas lexislativas para o novo Regulamento sobre Procedementos de Asilo (APR) e o Regulamento sobre Asilo e Xestión da Migración (AMMR). Seguirán conversas tripartitas co Parlamento Europeo, co obxectivo de completar inmediatamente a reforma do marco lexislativo europeo en materia de asilo, que está en suspenso desde 2016. O mandato do Consello agrava as desigualdades entre os países da UE en materia de protección das e os refuxiados introducindo procedementos obrigatorios nas fronteiras, reforzando o concepto de “primeiro país de entrada” como criterio de responsabilidade e introducindo procedementos extremadamente complexos.

 Ademais, e de maneira máis fundamental, o marco proposto restrinxe drasticamente o acceso das persoas aos procedementos de protección internacional mediante unha chea de normativas que violan o dereito fundamental ao asilo. Limita a posibilidade de presentar unha solicitude de asilo e adopta unha definición extremadamente ampla de “terceiro país seguro”. Deste xeito, permite que Estados que perseguen os seus propios cidadáns, que non outorgan status xurídico e dereitos ás persoas refuxiadas, sexan designados como “terceiros países seguros” e ás solicitudes de asilo dentro da UE ser rexeitadas no marco de procedementos acelerados invocando esta noción, que permite prescindir do exame da solicitude sobre o fondo.

 En realidade, as cousas son moi simples: as bágoas de crocodilo e a hipocrisía non traerán de volta aos mortos e non impedirán unha próxima traxedia. A única solución é a reforma radical das políticas de asilo e migración europeas e gregas, co fin de garantir os dereitos fundamentais das e os refuxiados e migrantes. E isto non se pode facer sen crear rutas seguras e legais que as e os refuxiados e migrantes poden tomar. Só así se deterán as viaxes da morte.

Detrás dos números hai vidas humanas

 Volvendo ao naufraxio de Pylos, existe outro nivel esencial de responsabilidade, o referido ás persoas que estaban a bordo deste barco da morte, ás e os sobreviventes, as e os mortos, as e os desaparecidos e os seus seres queridos. Trátase, sobre todo, do respecto ás vidas humanas: as que se perderon, as que se salvaron e as das familias das vítimas. Os precedentes naufraxios en Grecia puxeron de manifesto enormes lagoas na información, o apoio e o coidado das persoas sobreviventes e as e os familiares das vítimas, o rexistro das persoas desaparecidas e a información aos seus familiares, así como a identificación das persoas falecidas. Nos casos anteriores, as e os sobreviventes mesmo foron trasladados ao centro de retención de Amygdaleza.

 En canto ás persoas sobreviventes deste naufraxio, o trato que se lles deu amosa graves cuestións. Segundo as fotografías que se fixeron públicas, aloxáronse desde o mércores en condicións sórdidas, nun almacén de Kalamata, durmindo no chan, sen recibir produtos de primeira necesidade. Están excluídas de calquera contacto co mundo exterior, a sociedade civil e xornalistas, á vez que están custodiadas por policías con armas, o que, polo menos, intensifica o trauma sufrido. Ao día seguinte, aparecían descalzas nas fotografías. Foi un médico do hospital de Kalamata quen deu o seu número de teléfono persoal aos doentes hospitalizados para que se puidesen pór en contacto coas súas familias, o que debería ser a primeira preocupación das autoridades. Este simple feito é revelador das deficiencias do procedemento. O vídeo no que un mozo sobrevivente se comunica co seu irmán, que viaxou a Kalamata para velo, mentres estaban separados polas reixas da habitación na que estaban encerrados as e os sobreviventes, tamén espertou unha gran emoción.

 Posteriormente, a tarde do 16 de xuño, 71 persoas sobreviventes foron trasladadas ao campamento de Malakasa e, no momento en que escribimos estas liñas, 24 deles foron hospitalizados e outros 9 foron detidos. Para as persoas detidas, destacamos a inaceptabilidade da criminalización das e os refuxiados, que adoitamos ver no pasado. As persoas sobreviventes de naufraxios foron obxecto de graves acusacións; ás veces foron absoltas despois de longos períodos de detención preventiva, e en calquera caso son designadas como chibos expiatorios.

 Para as persoas trasladadas a Malakasa para ser rexistradas, as condicións do campamento non son de ningunha maneira axeitadas para as persoas máis vulnerábeis, como as vítimas de naufraxio, tampouco o son para calquera ser humano. Estas persoas corren o risco de estar suxeitas a un réxime de restrición de liberdade por un período de até 25 días á espera do proceso de rexistro. Tendo en conta os problemas de funcionamento do servizo de asilo, é moi probábel que a súa detención supere ben esta duración.

 O asilo e a protección deben concederse agora mesmo ás vítimas desta traxedia. O Estado debe tratalas como sobreviventes dun naufraxio e proporcionarlles todas as garantías necesarias. Deben beneficiarse de todas as condicións de acollida, hospitalidade e apoio psicosocial e xurídico necesarias, e en ningún caso deben manterse en campos de detención, nin ser obxecto de ningunha incriminación.

 As vítimas do naufraxio, as persoas sobreviventes, as mortas, os seus familiares, teñen dereitos. E todas e todos temos o dereito e a obrigación de construír á súa ao redor un escudo de solidariedade e unirnos a elas e a eles para reclamar estes dereitos, para que se renda un mínimo de xustiza en memoria das vítimas. Debemos esixir, por todos os medios, unha investigación exhaustiva e o establecemento de responsabilidades, e debemos loitar para reverter a política europea que afoga miles de vidas e a dignidade de cada un de nós e nós na barreira do Evros, no fondo do mar Exeo.

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 23 de xuño de 2023

]