O mundo multipolar en ascenso, o "hegemón" imperialista en descenso

Adrián Sotelo V. - 21 Feb 2024

A torpeza da agresión imperialista para preservar a súa hexemonía contra calquera país ou forza que, ao seu ver, ameace os seus intereses xeoestratéxicos abre novos focos de tensión e conflito militar que os Estados Unidos xa non están en capacidade de contrarrestar ou resolver como historicamente o fixeron no pasado

 O xenocidio e os crimes de lesa humanidade perpetrados pola entidade sionista-fascista contra o pobo palestino; a guerra en Ucraína e a inminente derrota dos nazis ucraínos polas tropas rusas e o recente ataque do imperialismo anglosaxón (Reino Unido e os Estados Unidos) contra os patriotas de Iemen que, en solidariedade co pobo palestino, perpetraron ataques no mar Vermello contra os barcos que apoian a guerra de exterminio de Israel, son só os símbolos máis inmediatos da profunda crise de supremacía que experimenta o imperialismo global e, en especial, o norteamericano.

 Eses puntos vermellos do conflito rexional, xuntamente cos ataques de distracción de Israel e Washington contra Siria e Iraq, articúlanse coa profunda crise de reprodución do modo de produción capitalista que, polo menos desde a crise financeira e estrutural de 2007-2009, experimenta na produción de valor e de plus valor para garantir altas taxas de ganancia e de rendibilidade para o gran capital internacional e as súas poderosas empresas e corporacións multinacionais.

 Ante a fonda crise que experimenta o capitalismo, o sistema activa o seu poderoso complexo industrial militar para abrir mercados de guerra e de armamentos que favorecen as grandes corporacións da morte, nomeadamente as norteamericanas. Non importa a vida humana, nin a barbarie contra a natureza, responsábel, en parte, do colapso climático en curso.

 A torpeza da agresión imperialista para preservar a súa hexemonía contra calquera país ou forza que, ao seu ver, ameace os seus intereses xeoestratéxicos abre novos focos de tensión e conflito militar que os Estados Unidos xa non están en capacidade de contrarrestar ou resolver como historicamente o fixeron no pasado. Hoxe teñen que recorrer aos seus monicreques do occidente colectivo (os gobernos neoliberais de Alemaña, Francia, Reino Unido, España, entre outros) para tentar alcanzar os seus obxectivos. Iso ocorre no contexto do ascenso internacional de potencias como Rusia, China, Irán ou, mesmo, a India, e da consolidación de institucións internacionais e de cooperación multilateral como os BRICS ampliados ou a Organización de Cooperación de Shanghai (OCS).

 Ante estes acontecementos, a resposta de Washington é a de tentar contelos ou destruílos mediante intervencións militares, agresións económicas como a imposición das mal chamadas sancións contra nacións soberanas (Rusia e Venezuela) reimpoñendo a chamada doutrina Monroe e tentando entrar militarmente en países como Perú e Ecuador (aproveitando a chegada ao goberno nestes países das forzas de dereita, ou introducindo quintacolumnas como a ultradereita apátrida en Venezuela e agora en Arxentina), co fin de instalar bases militares protectoras dos seus intereses rexionais (como no caso de Güiana contra Venezuela a propósito do conflito territorial da Güiana Esequiba) que lle aseguren a apropiación dos recursos naturais en beneficio dos seus procesos de acumulación e reprodución de capital no seu enfrontamento coas potencias en ascenso.

 Ao revés do que pensan os tanques de pensamento do imperialismo, o mundo actual xa non é o mesmo que no pasado de hai cincuenta anos; mudou, tanto nas súas formas como nos seus contidos, no que evidentemente os Estados Unidos seguen desempeñando, e seguirán como ocorreu historicamente co imperialismo británico, un papel dentro desa nova orde internacional máis diversificada e cooperativa, pero acoutando, cada vez máis, a súa dominación global, así como a imposición dos seus intereses xeoestratéxicos e xeopolíticos que, desde a segunda posguerra, impuña a sangue e ferro, a un lado e a outro, sen ningún tipo de limitación, nin de oposición estratéxica por parte doutros países e potencias como hoxe ocorre co ascenso de China e Rusia que lideran o mundo vindeiro.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 19 de febreiro de 2024]