O mundo do traballo dixital, flexíbel e precario
Movida por unha lóxica destrutiva, espállase a escala global o que podemos denominar como “uberización” do traballo, que se converteu no novo elixir do mundo empresarial. Así como o traballo en liña desfixo a separación entre o tempo de vida no traballo e fóra del, podemos presenciar o crecemento exponencial dunha era de “escravitude dixital”
En plena era informacional-dixital, máis que nunca miles de millóns de homes e mulleres se ven en situacións cada vez máis inestábeis de traballo, ademais de ampliaren exponencialmente as fileiras do subemprego e do desemprego. Nos tristes trópicos xa son millóns sen traballo, sen contar o “desemprego por desalento”, o que amplía en moito o que por si só xa é descarado.
Ao mesmo tempo que se amplía o continxente global de traballadores e traballadoras en loita por un lugar baixo o sol, hai unha redución monumental dos empregos, e os que se manteñen empregados presencian a corrosión completa dos seus dereitos sociais. E, cando conseguen algún choio, fano en traballos ocasionais, intermitentes, sexa en call centers, telemarketing, hostalaría, hipermercados, fast food, gran comercio, fábricas flexíbeis e empresas en xeral. Lonxe do que o ideario dominante pomposamente denomina como “nova clase media”, o que se expande explosivamente polo mundo son os precarios, os intermitentes globais, os superfluos que corroboran as teses da precarización estrutural do traballo. Pero que, exactamente a raíz diso, tamén se rebelan (Antunes, 2018 e 2014; Linden, 2013).
Algúns exemplos son emblemáticos. En Portugal, en marzo de 2011, explotou o descontento da “xeración precaria”. Miles de manifestantes, xente nova e inmigrantes, precarizados e precarizadas, desempregados e desempregadas, cualificados ou non, estamparon as súas revoltas a través de movementos como Precari@s inflexíbeis. Simultaneamente, no Estado español desencadeouse o movemento dos indignados, mozos loitando contra as altas taxas de desemprego que impiden calquera perspectiva de vida digna. Estudando ou non, son candidatos preferenciais ao desemprego ou, na mellor das hipóteses, ao traballo precario.
En Inglaterra ocorreu un forte levantamento social iniciado despois de que un taxista negro fose asasinado pola policía. Mozos pobres, negros, inmigrantes, desempregados e desempregadas deron en rebelarse e foron responsábeis da primeira gran explosión social en Inglaterra despois do Poll Tax, revolta que sepultou o goberno de Thatcher.
En Estados Unidos florece o movemento de masas Occupy Wall Street, que denuncia a hexemonía dos intereses do capital financeiro, coas súas nefastas consecuencias sociais: o aumento do desemprego e do traballo precarizado que afectou aínda máis as duras condicións de vida de mulleres, negros e inmigrantes.
En Italia, coa eclosión coñecida como do MayDay -en Milán, en 2001- floreceu a revolta do precariado, loitando por dereitos e por unha representación autónoma dos mozos, inmigrantes, cualificados ou non-cualificados, desprovistos de dereitos(1). En Nápoles desencadeouse tamén un movemento similar, o Clash City Workers(2), unha simbiose entre o antigo proletariado agora aínda máis precarizado e as novas xeracións. De aí a denominación “precariado”, que se torna cada vez máis visíbel e global(3).
As causas da precarización global
Onde atopan as súas raíces estes movementos? Nun novo mosaico perverso do cal o zero hour contract (contrato de cero hora) é emblemático. Trátase dunha modalidade de traballo que prospera en Reino Unido e noutros países onde os contratos non determinan as horas de traballo. Traballadores e traballadoras (sempre tamén en feminino, dada a división sociosexual que conforma o mundo do traballo) das máis diversas actividades están a disposición esperando unha chamada. Cando a reciben gañan estritamente polo que fixeron e non reciben nada polo tempo que quedaron á espera. E os capitais informáticos da era financeira, nunha enxeñosa forma de escravitude dixital, cada vez utilizan máis esa pragmática da flexibilización total do mercado de traballo (Antunes, 2018, Huws, 2003 e 2014). En Reino Unido os sindicatos agrupan a máis dun millón de traballadores e traballadoras, especialmente no sector dos servizos.
Uber é outro exemplo máis que emblemático: traballadores e traballadoras, cos seus instrumentos de traballo (automóbiles), cargan cos seus gastos de seguro, manutención, alimentación, etcétera. Entrementres, a “aplicación”, en realidade unha corporación global, practicante do traballo “ocasional” e “intermitente”, aprópiase do excedente xerado polos servizos dos condutores, sen se preocupar polos dereitos laborais. A diferenza principal con relación ao “contrato de cero hora” é que o Uber non pode rexeitar o traballo. Se así o fixese, despois dalgunhas chamadas estaría definitivamente descartado.
É por iso polo que neste mundo do traballo dixital e flexíbel, o dicionario empresarial non para de “innovar”. Véxase un exemplo en Brasil: “pejotização”(3) nas máis distintas actividades, como médicos, avogados, profesores, bancarios, electricistas, traballo de care (coidadoras). Están tamén os “emprendedores”, un exemplo de propietarios e proletarios de si mesmos. Todos e todas con “metas” impostas que xeran acosos, enfermidades, depresións e suicidios. Os acosos que veñen ocorrendo na empresa Uber asumiron recentemente tal dimensión que levaron até á renuncia do seu conselleiro delegado.
E, de novo nos tristes trópicos, a prensa informou de que a Prefectura de Ribeirão Preto pretende contratar profesores como traballadores independentes, sen dereitos, unha especie de “Uber da educación” ou, como foi denominado polos docentes de alí, “Profesor delivery”. Non está de máis lembrar que unha das máximas da (contra) reforma laboral do goberno terceirizado de Temer e a súa tropa parlamentaria -imposición da Confederación Nacional da Industria, a Federación Brasileira de Bancos e os grandes capitais- é a legalización do traballo intermitente, que se suma á terceirización total, aprobada anteriormente. Brasil xa dá sinais dunha indixencia que se aproxima perigosamente á de India. Abonda con observar as principais capitais do país. Explota tamén a vaga de contratación de traballadores e traballadoras intermitentes en grandes corporacións que actúan en Brasil.
Outro exemplo recente destas formas disfrazadas de explotación do traballo vémolo en Italia, onde se desenvolve outra modalidade de traballo ocasional, o traballo pago con vouchers (cupóns). Os asalariados gañan un voucher polas horas de traballo efectivas segundo o salario mínimo (hora) practicado. Por se xa non abondase con ese abuso, o empresariado ofrece traballos excedentes por fóra do voucher, con pagamento menor que o mínimo. Por ese motivo esa modalidade de traballo foi repudiada polo sindicalismo de perfil máis crítico, o que levou a que o goberno a suspendese.
Por iso, máis aló dos movementos do precariado que indicamos anteriormente, esa corrosión dos dereitos do traballo xerou tamén novas formas de representación sindical para este novo continxente máis precarizado do proletariado, como é o caso da Confederazione Unitaria di Base (Cub), e máis recentemente a Nuove Identità di Lavoro (Nidil), vinculada á Confederazione Generale Italiana do Lavoro (Cgil).
Así, movida por esa lóxica destrutiva, espállase a escala global o que podemos denominar como “uberización” do traballo, que se converteu no novo elixir do mundo empresarial. Así como o traballo en liña desfixo a separación entre o tempo de vida no traballo e fóra del, podemos presenciar o crecemento exponencial dunha era de “escravitude dixital”. Na empresa “moderna”, “liofilizada” (que reduce o traballo vivo no proceso de produción), os capitais financeiros esixen un formato laboral flexíbel: sen xornadas preestablecidas, sen remuneración fixa, sen actividade predeterminada, sen dereitos, nin sequera o dereito de organización sindical. E mesmo o sistema de “metas” é flexíbel: aquela determinada para o día seguinte debe ser sempre maior que a do día anterior (Antunes, 2018).
Cos servizos cada vez máis “comoditizados”, coas tecnoloxías da información e a comunicación en galope desenfreado, a división sectorial existente entre agricultura, industria e servizos está cada vez máis intersectorializada (agroindustria, servizos industriais e industria de servizos), cada vez máis mergullada na lóxica da mercadoría e o valor, importando pouco se este é resultante de traballos predominantemente materiais ou inmateriais. Desde que a empresa taylorista e fordista foi suplantada pola liofilización “toyotista” e flexíbel, estamos presenciando o que Daniele Linhart denominou como “desenfreo (desmedida) empresarial”.
Contra a “rixidez” vixente nas fábricas do século do automóbil, a era do móbil dixital xera, entón, a súa tríade destrutiva con relación ao traballo: terceirización, informalidade e flexibilidade convertéronse en partes inseparábeis do léxico da empresa corporativa, o seu novo leitmotiv. Expándese o traballo intermitente: hoxe hai traballo por algunhas horas e mañá esváese. As grandes corporacións enriquécense e o traballo pauperízase. O “voluntariado” vólvese un consolo imposto de xeito case obrigatorio, e o “emprendedorismo” é o novo elixir dunha vida desprovista de sentido, visíbel cando o mito se esvae.
Como contrapunto real, os enormes continxentes de inmigrantes globais, nos seus novos fluxos migratorios, amplían aínda máis as grandes bolsas de traballadores sobrantes, desbotábeis, subempregados e desempregados en amplitude planetaria (Basso e Perocco, 2008; Roncato, 2013). O ingreso de China, A India e outros países asiáticos mundializaron o “discreto encanto da burguesía” que, algunhas décadas atrás, era trazo distintivo de América Latina.
Abonda con lembrar que o traballo en liña e dixital que produce Iphones, Ipads e similares, non pode existir sen o traballo que extrae os minerais. O traballo dixital, entón, non se efectiviza sen o peor dos traballos manuais(4). É ese, entón, o novo “espírito do tempo”: dunha banda, a dispoñibilidade perpetua para o traballo, facilitada pola expansión do traballo en liña. Do outro, propágase a flexibilidade total. Florecen, entón, os novos escravos intermitentes globais.
________________________________________________________________________
Notas:
(1) Véxase San Precario en http://www.precaria.org/
(2) Clash City Workers é un colectivo de traballadores e traballadoras, desocupados e desocupadas, denominados “mozos precarios”. A tradución do noso nome significa algo como “traballadores da metrópole en loita”. Nado na metade de 2009, somos activos particularmente en Nápoles, Roma, Florencia, Padua, Milán e Bérgamo…”. Véxase http://clashcityworkers.org/chi-siamo.html
(3) Consiste en obrigar o traballador ou traballadora a constituírse como “persoa xurídica” para realizar traballos propios das persoas físicas, coa intención de agochar a real relación existente, que é de patrón-asalariado.
(4) Na recente Mostra Contemporánea Internacional de Ecofalante foi presentada unha espectacular serie fotográfica sobre o traballo precario global: “Behemoth”, de Zhao Liang (China, Francia, 2015), “Machines”, de Rahul Jain (A India, Alemaña, Finlandia, 2016); “Consumed”, de Richard Seymour (Reino Unido, 2015); “Brumaire”, de Joseph Gordillo (Francia, 2015); “What We Have Made”, de Fanny Tondre (Francia, 2016) e “Factory Complex”, de Heung-Soon Im (Corea del Sur, 2015).
________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web uruguaio Brecha, do 13 de abril de 2018]