O movemento sindical de Ferrol reclama a concesión do indulto para Pintos
Ducias de persoas concentráronse na tarde deste xoves diante do edificio administrativo da Xunta en Ferrol para reclamar a concesión do indulto ao compañeiro Xesús Anxo López Pintos, ex secretario comarcal da CIG de Ferrol. A protesta foi convocada pola CIG, CCOO, UGT e CGT e constitúe o arranque dun novo calendario de mobilizacións que terá continuidade nos próximos meses ante a falta de resolución da petición.
Neste senso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembrou que a solicitude formal foi presentada o pasado 14 de novembro e estivo acompañada por máis de 5500 sinaturas, e as adhesións aprobadas por varios plenos municipais e comités de empresa da comarca. "Porén oito meses despois continuamos sen resposta ante a inxustiza da sentenza condenatoria. Resulta lamentábel que ao final da lexislatura se manteña a criminalización da loita obreira e da mobilización popular ao non terse derrogado a represiva e antidemocrática lei mordaza", lamentou Carril.
Aínda que a derrogación da Lei Orgánica 4/2015 de seguridade cidadá ía no acordo programático de goberno de PSOE-UP, esta segue plenamente en vigor despois dunha insuficiente reforma que non saíu adiante, e co agravante agora da modificación do Código Penal para fixar un novo delito de desordes públicas agravadas. Todo isto, nun contexto de medre da carestía da vida e de importantes mobilizacións sociais derivadas da extensión da pobreza e a precariedade laboral "ao que se suma o perigoso avance da dereita e da ultradereita, negadoras de calquera tipo de dereito".
A petición de indulto está en tramitación no Ministerio de Xustiza polo que Carril demandou axilidade no proceso e unha resposta positiva por parte do Goberno. "O Estado español ten a oportunidade de emendarse coa concesión do indulto e que non volva ser Ferrol quen deixe en descrédito a xustiza española cunha nova condena do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos por vulneración dos dereitos fundamentais, como ocorreu coa recente sentenza polo caso das inxurias á bandeira", aseverou.
Na mesma liña, o secretario comarcal da CIG, Manuel Grandal, insistiu na necesidade de que se faga xustiza con Pintos e subliñou que o propio Tribunal Constitucional nomeou unha sala para estudar o recurso de amparo pola vulneración dos dereitos fundamentais. "Polo tanto o indulto está máis que xustificado", concluíu.