O monstro estanos a devorar

Isidro Esnaola - 04 Ago 2023

Os altos tipos de xuros xeran unha transferencia de renda da economía produtiva cara á economía financeira, cara aos rentistas, agudizando aínda máis as desigualdades sociais. As políticas regresivas dos bancos centrais agudizan as desigualdades e a pobreza, sen que ninguén se atreva a pedirlles contas

 Antes de se iren de vacacións, a Reserva Federal dos Estados Unidos e o Banco Central Europeo subiron os seus tipos de xuro un cuarto de punto até deixalos no 5,25%-5,5% e o 4,25-4,5%, respectivamente. Xustificaron a alza sinalando que aínda que a inflación deixou de  medrar, continúa sendo demasiado alta. E vista a decisión, non lles parece suficiente manter os xa altos tipos de xuros; hainos que subir máis.

 O máis rechamante é que tanto as declaracións da presidenta do BCE, Christine Lagarde, como as do presidente da Fed, Jerome Powell, deixaron claro que están dispostos a chegar até onde sexa necesario para baixar a inflación ao 2%. Neste aspecto foi máis claro Powell, que dixo que ten a «esperanza» de que a economía poida lograr unha «aterraxe suave», un escenario no que a inflación caia, o desemprego permaneza relativamente baixo e evítese a recesión. Ter esperanza non soa especialmente científico nin connota grandes cálculos; semella unha predición que se sustenta na fe.

 Están a levar conscientemente a economía cara á recesión e o aumento do paro co único fin de rebaixar a inflación até unha cota que é completamente arbitraria. Apartaron das súas preocupacións o benestar da xente e non se formula que se deba reducir o desemprego crónico ou alcanzar unha distribución máis xusta da riqueza. Nada do que importa á xente preocupa aos bancos centrais.

Debilidade en Europa

 En calquera caso, existe unha diferenza substancial entre as economías dos EUA e Europa. Na primeira, a actividade económica foi superior á esperada e o desemprego continúa en mínimos. Algúns analistas sinalan que se debe a que as familias aínda conservan parte dos aforros do confinamento. O que non adoitan apuntar é que a guerra en Ucraína é un forte estímulo para a enorme industria militar estadounidense. Tampouco non fan mención aos grandes programas de axudas gobernamentais á produción de manufacturas estratéxicas que tamén incentivan a actividade económica.

 En Europa, porén, o BCE recoñece que as perspectivas económicas a curto prazo «se deterioraron», debido en gran medida a unha demanda interna débil, afogada pola alta inflación e ás estritas condicións de financiamento, que frea a produción manufactureira. O único que resiste son os servizos, especialmente o turismo, onde se están creando novos postos de traballo que compensan a debilidade da industria. Do que non fala a nota do BCE é dos elevados prezos da enerxía que está desindustrializando Europa.

Sangría internacional

 Os elevados tipos de xuros do dólar e o euro están a aumentar exponencialmente os pagamentos pola débeda externa nos países do Sur global. Uns custos que se suman aos altos prezos dos alimentos e que deixaron a un bo feixe de países a piques de crebar. Fronte ás esixencias de recortes do FMI e do Banco Mundial, algúns países atoparon financiamento alternativo en China, como Arxentina, e outros no golfo Pérsico, como Exipto ou Tunisia.

 Neste contexto de endurecemento do crédito internacional non é estraño que os países do Sur global volvesen a ollada cara aos Brics e o seu proxecto de moeda internacional. A pesar de que as filtracións parecen suxerir que se creará este mes de agosto na cimeira de Sudáfrica, o máis probábel é que leve bastante máis tempo. En calquera caso, a listaxe de países dispostos a formar parte dos Brics continúa crecendo, xa que esta suba dos tipos de xuros do dólar e o euro convida os debedores a buscar alternativas que, de momento, se están a dar en forma de acordos bilaterais.

Transferencia de rendas

 A inflación desgasta o capital: canto máis soben os prezos menos se pode mercar co capital acumulado. Os altos tipos de xuros compensan esa depreciación ao ofrecer aos acredores maiores beneficios por prestar o seu capital. Xuros que pagan empresas e traballadores endebedados. Deste xeito, os altos tipos xeran unha transferencia de renda da economía produtiva cara á economía financeira, cara aos rentistas, agudizando aínda máis as desigualdades sociais.

 

Société Générale demostrou que as ganancias das empresas pequenas superan os intereses pagos en 2,5 veces, mais nas compañías máis grandes as ganancias son 13 veces maiores que os xuros que pagan. Os altos tipos de xuros benefician obscenamente as empresas de maior tamaño.

 As políticas regresivas dos bancos centrais agudizan as desigualdades e a pobreza, sen que ninguén se atreva a pedirlles contas. Creamos monstros que van acabar por nos devorar.

 

[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 31 de xullo de 2023]