O mito da guerra boa
Ao igual tamén que na Segunda Guerra Mundial, os EUA están a facer todo o posíbel para que a guerra se prolongue no tempo, como mecanismo de desgaste de Rusia e ao tempo como forma de prolongar o negocio das súas corporacións
Estou a ler o libro El mito de la guerra buena: EE.UU. en la Segunda Guerra Mundial, do que é autor o historiador belga Jacques R. Pauwels (publicado pola Editorial Hiru no ano 2002). Un libro que se sae dos estudos convencionais e da versión oficial que a respecto desta guerra dan as potencias occidentais participantes nela, e que clarifica moi ben o papel xogado polo Reino Unido, Francia, os Estados Unidos e a mesma Unión Soviética, e é especialmente concluínte á hora de desmontar a versión oficial dos norteamericanos sobre as verdadeiras motivacións que os levaron a participar na Segunda Guerra Mundial, así como o por que, o cando e as formas de como o fixeron.
Son precisamente as semellanzas, en aspectos importantes, co que está a pasar hoxe coa guerra de Ucraína, o que me levou a facer este artigo de opinión.
No libro, o autor desmente a versión interesada dada polos EUA (e que contribuíu a popularizar de forma significativa a industria cinematográfica hollywoodiense e publicacións como Life e Reader’s Digest) de que a súa participación na “cruzada” contra Hitler e o nazismo foi en defensa dos ideais de liberdade, xustiza e democracia, cando as verdadeiras razóns viñan motivadas por intereses industriais, comerciais e financeiros, das elites de poder norteamericanas.
Nada novo, por outra banda, se temos en conta de que esas mesmas xustificacións e eses mesmos intereses son os que están detrás de todas as guerras imperialistas que promoveron e seguen a promover os EUA polo mundo adiante (Afganistán, Iraq, Siria, Libia, Somalia...), ou os numerosos golpes de Estado. Segundo un informe do propio Congreso dos Estados Unidos, o seu país ten emprendido até 251 intervencións militares desde 1990. Ten ademais repartidas por todo o mundo máis de 800 bases militares, con especial acoso e cerco de Rusia e China, cando á súa vez as súas fronteiras están totalmente libres de bases militares dos seus teóricos inimigos.
Vexamos algúns dos feitos probados que o autor expón no seu libro.
A chegada de Hitler ao poder contou abertamente co apoio político e financeiro da alta burguesía alemá. As elites norteamericanas simpatizaron rapidamente co comportamento ultraconservador de Hitler nos aspectos sociais e económicos. Non só non puxo en cuestión os intereses das clases altas alemás, senón que procedeu á inmediata eliminación de sindicatos e partidos políticos de esquerda. O ditador alemán e as súas ideas fascistas foron pois admiradas polos propietarios, directivos e accionistas das grandes empresas americanas que procederon a facer grandes investimentos en Alemaña e a asociarse con empresas dese país, xa desde os anos trinta. Grandes corporacións como Ford, General Motors, Standar Oil, Du Pont, General Electric, Singer, Kodak, Coca-Cola, IBM ou ITT, entre outras, fixeron lucrativos negocios coa Alemaña nazi, ao igual que fixeron coa Italia de Mussolini, sendo algunhas delas fundamentais no fornecemento de todo tipo de material ao exército alemán. Sen eses fornecementos proporcionados polas empresas norteamericanas ou as súas filiais en Alemaña (camións, tanques, avións, caucho, combustíbeis varios, etc.) sería moi difícil que o exército alemán puidese levar adiante con éxito, nos anos 1939 e 1940, a invasión de Polonia, Holanda, Bélxica, Luxemburgo, Francia e posteriormente Rusia.
As elites no poder norteamericanas, levadas do seu anticomunismo, eran bastante máis temerosas da URSS que da Alemaña nazi, mesmo vían en Hitler un aliado que podía xogar un papel fundamental na destrución da Unión Soviética e acabar así co perigo vermello, a súa grande preocupación. De aí o interese das grandes corporacións económicas americanas (o verdadeiro poder en Estados Unidos, cun peso determinante no goberno e en todas as súas políticas, ademais de no exército ou nas axencias de intelixencia), en prolongar a guerra entre Alemaña e Rusia, como mecanismo de debilitamento desta última, por unha banda, e por outra, como grande negocio á hora da venda de armamento e outro tipo de materiais e tecnoloxía, á propia Alemaña, ao Reino Unido, e mesmo nalgún momento, xa moi avanzada a guerra, certo material en pequenas cantidades á URSS. É significativo neste aspecto, o atraso deliberado da apertura dunha segunda fronte de guerra contra Alemaña, na parte occidental, tal como lles tiña solicitado Stalin en numerosas ocasións.
A Segunda Guerra Mundial xogou pois un papel chave para os EUA á hora de superar a forte crise económica na que estaban metidos desde a Grande Depresión do 29, así como tamén para facilitarlles o ampliar a súa área de influencia, política e económica, a nivel mundial, especialmente á conta do imperio británico, abrindo novos mercados e o acceso a novas fontes de materias primas. Estes e non motivos idealistas foron as verdadeiras razóns que levaron os EUA a participar na Segunda Guerra Mundial.
Se vemos, no fondo e nas formas, son moitas as semellanzas coa guerra que nestes momentos se está a dar en Ucraína. É unha guerra tamén en chan europeo co cal os EUA se libran da destrución material e de vidas humanas que esta guerra leva consigo. Foi fomentada directamente polos EUA, e sostida economicamente na súa maior parte, buscando o confronto coa Federación Rusa (e con China) por cuestións xeoestratéxicas (políticas, económicas e tecnolóxicas), relacionadas coa hexemonía mundial. Unha hexemonía que está a deixar de ser unipolar, encabezada polos EUA, para pasar a ser multipolar cun peso moi importante, como novos polos de referencia, de Rusia e especialmente de China. Esta guerra está a ser, ao igual que o foi a Segunda Guerra Mundial, un grande negocio para os EUA, afectados tamén nestes momentos por unha profunda crise económica, ao permitirlles incrementar de forma significativa as vendas á UE en materia de armamento e gas, favorecendo así as grandes corporacións norteamericanas da industria militar e enerxética, e mesmo provocando a deslocalización de empresas da UE aos Estados Unidos na busca de mellores prezos da enerxía.
Ao igual tamén que naquela ocasión, os EUA están a facer todo o posíbel para que a guerra se prolongue no tempo, como mecanismo de desgaste de Rusia e ao tempo como forma de prolongar o negocio das súas corporacións. Tamén nesta ocasión as elites norteamericanas non só non rexeitan o nazismo, senón que, polo contrario, financiaron e utilizaron os grupos nazis para dar o golpe de Estado en Ucraína, así como principal forza de represión contra a cidadanía ucraína de orixe rusa e mesmo como forza de choque contra o exército ruso.
Certamente na Segunda Guerra Mundial, e con posterioridade durante a Guerra Fría, a estratexia dos EUA coa URSS obedecía á confrontación entre dous modelos políticos e socioeconómicos, o socialismo e o capitalismo, claramente antagónicos. Hoxe isto é evidente que non é así, aínda que moitos mandatarios americanos no fondo seguen a ver a Rusia como a herdeira da URSS. Rusia é un Estado abertamente capitalista, polo tanto o confronto promovido polo imperialismo americano, co respaldo da UE, obedece fundamentalmente aos intereses xeoestratéxicos da oligarquía financeira dos EUA en clara conivencia coa oligarquía financeira anglosaxoa, de non perder a hexemonía económico-financeira e tecnolóxica a nivel mundial e, para isto, están a recorrer ao que sempre fixeron e mellor saben facer, ir ao confronto contra todos aqueles Estados que non se pregan ás súas directrices, vulnerando a súa soberanía vía golpes de Estado, sancións económicas, bloqueos comerciais e financeiros, apropiación dos seus recursos económicos e fontes de materias primas, asasinato dos seus dirixentes..., e cando iso non é suficiente tamén á guerra.
O sistema capitalista está nunha profunda crise estrutural (económica, enerxética, ambiental, institucional...) e dentro das grandes potencias hai visións diferentes de que modelo a seguir para saír dela. Non é a mesma visión a que ten Rusia, China, os EUA, Reino Unido ou Brasil, nin mesmo como deben de ser as relacións entre os Estados nesta nova orde mundial, empezando polo respecto á soberanía de cada un deles. O que está a acontecer a nivel mundial coa política imperialista seguida por Estados Unidos, co acompañamento da Unión Europea, demostra que á oligarquía financeira angloamericana só lles vale unha saída hexemonizada por eles, en función dos seus intereses e co esquema que xa teñen perfectamente deseñado.
[Teo, 23 de novembro de 2022]
_____________________________________________________________________________
Suso Seixo é presidente do Padroado da Fundación Moncho Reboiras