O mito da dereita democrática

Atilio A. Boron - 25 Xun 2021

Cando gaña a dereita, a esquerda admite o veredicto adverso das urnas; cando gaña a esquerda, a dereita apela á chantaxe, á fraude ou ao golpe militar ou institucional, ratificando por enésima vez que a dereita non é nin será democrática. Non esquezamos esta lección

 Malia que o veredicto da historia é irrefutábel, o saber convencional das ciencias sociais e a opinión establecida difunden sen cesar a errada concepción de que a dereita latinoamericana se reconciliou coa democracia; que xa cortou amarras coa súa xénese oligárquica, racista, patriarcal e colonial; que puxo fin á súa historia como conspicua instigadora e frecuente executora directa de innumerábeis golpes de estado, atentados, sabotaxes, masacres e toda clase de violacións dos dereitos humanos e as liberdades políticas. A pesar desa orixe perversa agora, din algúns académicos e “opinólogos” despistados (ou que xogan para a dereita), esta “aggiornouse” e acepta as regras do xogo democrático. Tráxico erro, confirmado, como diciamos ao principio, pola vida práctica: a dereita nunca foi democrática, non o é hoxe e endexamais o será no futuro.

 Polas súas raiceiras e intereses de clase está chamada a defender con uñas e dentes a orde social do capitalismo dependente do cal é a súa exclusiva beneficiaria. Por iso apela a todos os inmensos recursos de que dispón (diñeiro, folga de investimentos, fuga de capitais, evasión e elusión tributarias, ataques especulativos contra a moeda local, despedimentos de persoal, peche de establecementos, terrorismo mediático, invocación ao intervencionismo militar, o favor de xuíces e fiscais, protección da “Embaixada”, etcétera) ante calquera ameaza, por moderada que sexa. No meu Siete tesis sobre reformismo, revolución y contrarrevolución en América Latina (incluído no libro de descarga gratuíta que compilara CLACSO baixo o título Atilio Boron. Bitácora dun Navegante ) fornezo algúns antecedentes decisivos sobre o tema. Por iso suxiro ás persoas interesadas no tema que lean o devandito artigo para acceder a unha elaboración máis completa sobre este argumento.

 De momento, confórmome con este breve recordatorio sobre a conduta da dereita latinoamericana para que os lectores extraian as súas propias conclusións. Na Arxentina, no ano 2015, a dereita, representada por Mauricio Macri, triunfou na segunda volta das eleccións presidenciais sobre Daniel Scioli. A diferenza foi dun 3 por cento, e a coalición perdedora admitiu a derrota esa mesma noite. En 2017 o narcopolítico Juan O. Hernández impúxose nas eleccións presidenciais hondureñas grazas a unha escandalosa fraude que foi tan descarada que adiou durante varias semanas o recoñecemento de Washington, do cal aquel era o seu alfil. Malia as protestas da oposición, esta non tivo máis remedio que admitir a súa “derrota”. Nas presidenciais brasileiras do 2018 triunfou Jair Bolsonaro, voceiro dos golpistas que desaloxaron, lawfare mediante, a Dilma Rousseff da presidencia. A pesar das grosas e múltiplas violacións da lexislación electoral (entre as cales a non comparecencia de Bolsonaro no debate presidencial); ao sinistro papel xogado polo poder xudicial -que ilegalmente impediu que Lula fose candidato- e os medios de comunicación, ferreamente controlados pola dereita, a derrotada alianza opositora respectou o veredicto das urnas. Os políticos brasileiros no Congreso, a “xustiza” dese país e os grandes medios de comunicación de masas, a cada cal máis corrupto, están facendo pagar un prezo inmenso ao pobo dese país por instalar no Palacio do Planalto a un sociópata como Bolsonaro, que co seu negacionismo da pandemia enviou a máis de medio millón dos seus compatriotas á morte.

 En Uruguai, en 2019, o candidato da dereita Luis Lacalle Pou derrotou a Daniel Martínez, da Fronte Ampla por un 1.5 por cento dos votos válidos, e o perdedor admitiu a súa derrota sen chistar. A pouco de asumir a presidencia Lacalle Pou fixo gala dun suicida negacionismo, proclamando cunha actitude chauvinista que ao Uruguai non lle ocorrería o mesmo que aos seus veciños arxentinos e brasileiros. Tivo que tragar as súas palabras e hoxe Uruguai está pagando un prezo moi elevado pola soberbia do seu presidente.

 En México, o candidato da esquerda Cuauhtémoc Cárdenas ía gañando as eleccións presidenciais de 1988 até que unha sospeitosa “caída do sistema” da Comisión Federal Electoral obrou o milagre: ao reiniciáreanse os ordenadoras o candidato de Washington, Carlos Salinas de Gortari, aparecía gozando dunha ampla vantaxe sobre o seu opoñente e foi proclamado ganador. De nada valeron as protestas populares ante unha fraude tan descarada coma esa. A dereita quería gañar “como fose” e, co visto e prace de Washington e a OEA. fíxoo.

 Tamén en México, en 2016, a dereita fixo outro atraco electoral. Varios días despois de finalizados os disputados comicios o Instituto Federal Electoral emitiu un comunicado anunciando a fin do reconto dos votos e que o candidato conservador Felipe Calderón se impoñía por unha diferenza do 0,62 por cento dos sufraxios a Andrés M. López Obrador. Malia o xeneralizado repudio ante tan descarada estafa electoral -por exemplo, en numerosas mesas de votación votou moita máis xente da que figuraba censada- Calderón foi proclamado gañador da contenda electoral.

 Nas eleccións presidenciais de Nicaragua (25 febreiro de 1990) triunfou a candidata da Unión Nacional Opositora, Violeta Barrios de Chamorro. Obtivo o 55 por cento dos votos, dobregando a Daniel Ortega, naquel momento presidente de Nicaragua e candidato do sandinismo, que foi apoiado polo 41 por cento do electorado. Dous días despois de finalizados os comicios, Ortega recoñeceu publicamente a súa derrota e felicitou a candidata triunfante. Ortega recentemente volvería ser electo como presidente no ano 2007.

 Na Arxentina da década dos trinta a fraude da dereita adquiriu un status case institucional, baixo o nome de “fraude patriótica”. O propósito: impedir a calquera custo que a “chusma radical” e os socialistas e comunistas accedesen a calquera cargo de elección popular. A fraude era exaltada como un servizo que unha virtuosa oligarquía, cos seus partidos, xuíces e diarios rendían á patria. Até o día de hoxe persisten nesa actitude de pretender burlar a vontade popular, claro que apelando ás novas tecnoloxías do neuromarketing político para manipular, mediante o odio e o temor, as actitudes e as condutas das masas. A dereita non só apelou á fraude; ademais proscribiu durante dezaoito anos o peronismo, a principal forza política do país. E cando nin o un nin o outro eran suficientes, a “carta militar” sempre estaba a man: unha interminábel sucesión de “propostas militares” chuchaban os débiles e ilexítimos -por mor da proscrición do peronismo- gobernos civís xurdidos despois do derrocamento do peronismo en 1955. Dúas brutais ditaduras marcaron este proceso de descomposición política: primeiro, a encabezada por Juan C. Onganía en 1966 e, dez anos despois, a apoteose do crime e o xenocidio coa ditadura cívico-militar instaurada co golpe militar do 24 de marzo de 1976 que sumiría o país nun inesquecíbel e imperdoábel baño de sangue. En ambos os casos, a colaboración da dereita arxentina foi esencial fornecendo ideas, proxectos, funcionarios, diplomáticos e poñendo o seu aparello mediático ao servizo dos ditadores.

 En contraposición, o 20 de outubro do 2019 Evo Morales gañou as eleccións presidenciais de Bolivia ao obter o 47.08 por cento dos sufraxios contra o 36.51 do candidato da oposición Carlos Mesa. A lexislación electoral dese país establece que se ningún candidato alcanza o 50 por cento dos votos válidos debería chamarse a unha segunda volta electoral, salvo cando se superase o 40 por cento e houbese unha diferenza de dez por cento ou máis en relación ao segundo, cousa que efectivamente se verificou por aproximadamente o 0.60 por cento do voto electoral. Malia iso, senllos informes da OEA, un anterior e outro posterior á votación, sinalando supostas irregularidades no reconto dos votos instalaron un clima de fraude e sospeita que potenciou até o infinito as denuncias dunha dereita que xa antes dos comicios afirmara que non recoñecería outra vitoria que non fose a do candidato da oposición. Despois dunha serie de violentas manifestacións e ante a incomprensíbel indefensión oficial, os altos mandos do Exército e a Policía apoiaron as denuncias da dereita racista e esixiron a dimisión do presidente Morales. Poucas semanas máis tarde diversos informes de organismos académicos estadounidenses, especializados na temática electoral, confirmaban a transparencia e honestidade das eleccións bolivianas, pero xa era tarde e Bolivia desangrábase ante a violencia do novo réxime. Un ano despois, o MAS boliviano recuperaba a presidencia esmagando electoralmente a dereita golpista.

 O máis recente capítulo desta fraudulenta saga da dereita latinoamericana estase escenificando estes días, en xuño do 2021, no Perú, onde o candidato presidencial da esquerda, Pedro Castillo, se impón ante a corrupta representante dos poderes fácticos nese país, Keiko Fujimori. Malia as virulentas demandas da oposición o reconto definitivo outórgalle unha vantaxe clara, aínda que pequena, ao candidato de Perú Libre. Complexos procedementos de revisión de actas con irregularidades realizadas por organizacións especializadas conclúen que en ningún caso estas alteran o resultado electoral. A pesar diso a coalición dereitista apelou a toda clase de recursos, incluíndo o subrepticio chamado a un golpe militar feito por Mario Vargas Llosa para impedir que Perú “caia baixo as gadoupas do totalitarismo chavista”. Houbo mesmo un pronunciamento de militares retirados nese sentido, enerxicamente repudiado polo presidente Francisco Sagasti. De todos os xeitos non se desbota que se poida producir un golpe parlamentario encamiñado a anular as eleccións ou a descualificar o seu gañador, Pedro Castillo Desgraciadamente, o Congreso da República do Perú, composto por 130 membros, conta con atribucións para destituír o presidente por múltiplas causas, entre elas a moi enigmática “incapacidade moral”. A presidenta desa institución, Mirtha Vásquez -fronteamplista de extensa experiencia en defensa dos dereitos humanos no seu país- chamou á reflexión dos seus colegas para evitar converterse en cómplices da manobra destituínte ou golpista da dereita. Para que tal cousa suceda esta debe controlar os dous terzos dos votos no Congreso, ou sexa 87 congresistas. Que polo de agora non ten pero, como se rumorea en Lima, “non os ten, pero pódeos alugar”. O éxito ou non desta manobra dependerá, como sempre, da capacidade de mobilización e organización das forzas de esquerda que se opoñan a ela. O desenlace destas eleccións coñecerémolo nos próximos días.

 Conclusión deste breve repaso: cando gaña a dereita, a esquerda admite o veredicto adverso das urnas; cando gaña a esquerda, a dereita apela á chantaxe, á fraude ou ao golpe militar ou institucional, ratificando por enésima vez que a dereita non é nin será democrática. Non esquezamos esta lección. Na dereita non se pode confiar nin “un tantito así, ¡nada!”, como dicía o Che Guevara en relación ao imperialismo. E a mesma actitude cómpre seguirmos cos fillos putativos do imperio, esparexidos por toda América Latina e o Caribe.

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 21 de xuño de 2021]