O MITECO anuncia novos concursos de evacuación de Transición Xusta
O Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECCO) vén de publicar, para a participación e información pública, a Orde reguladora para concesión de nova capacidade nos nós de transición xusta.
Estes nós, que van ter Concurso de Evacuación, afectan ás centrais de carbón térmicas de Velilla (Palencia), Lada (Asturias), La Robla (León), Andorra (Teruel) e á central nuclear de Garoña (Burgos).
Nunha primeira fase, o concurso fai afectar a 1.320 MW, dos 4.700 MW que teñen dispoñibles estas centrais xa pechadas; a salientar o caso de Andorra que xa tivo un Concurso de Evacuación e agora, vai poder optar de novo con outros 100 MW.
Nestes Concursos as empresas competidoras deben presentar proxectos de enerxía renovábel mais tamén proxectos industriais con compromiso de xeración de emprego nas localidades afectadas e, ademais, formalizar un aval sobre o resultado do concurso que, de non cumprirse os compromisos, perderían. Estimase que as garantías por cada MW que va a Concurso está nos 160.000 euros.
Sorprende este anuncio do MITECO cando na reunión do pasado día 7 de setembro, en Madrid, o propio MITECO afirmaba que as centrais de carbón de As Pontes e Meirama non ían ter ningún Concurso de Evacuación ao non teren MW dispoñibles logo do seu peche, xustificando esa situación en criterios técnicos que, para a CIG, non son asumíbeis nin críbeis.
E este anuncio do MITECO tamén deixa “fóra de xogo” ao Alcalde de As Pontes, que tamén é o Secretario Xeral do PSOE galego, pois nun recente Pleno do seu Concello, o 14 deste mes, logo de intentar darlle cobertura política á posición do MITECO, afirmaba que nin Velilla nin La Robla ían ter Concurso, fica claro que o seu coñecemento no tema é ben escaso.
En definitiva, nin o MITECO, nin o PSOE galego, nin ningunha outra institución son quen de explicar por que as dúas Centrais galegas de As Pontes e Meirama quedan sen Concurso de Evacuación e, polo tanto, sen unha garantía plena de reindustrialización.
Non imos ter ningunha Transición Xusta, o que se está acometendo é unha reconversión pura e dura, e hai responsabilidades políticas. Desde a CIG-Industria non imos deixar que xoguen á confusión con falsas desculpas, nin por suposto que se cren campañas de distracción, como pretenden o Alcalde das Pontes e Endesa, se nas Pontes non temos hoxe solo industrial é produto do desleixo e abandono de 16 anos dun goberno municipal que foi inútil para a creación e o mantemento do emprego.