O Ministerio do Interior condena as traballadoras do servizo de limpeza á quebra económica
A CIG quere denunciar publicamente a actuación do Ministerio do Interior que, en lugar de rescindirlle de maneira fulminante os contratos dos servizos de limpeza que ten adxudicados a Yaunde SL, premia o roubo que esta empresa está a facer dos salarios das traballadoras manténdolle o contrato e, segundo parece, coa intención de prorrogarllo outros tres meses máis.
Cómpre lembrar que Yaunde ten adxudicado, entrou outros, o servizo de limpeza das Agrupacións de Tráfico da Garda Civil de Galiza, Asturias e Cantabria, cuxa vixencia remata o próximo 1 de xuño. Data que as traballadoras agardaban con ansiedade, ante a falta de actuacións por parte do Ministerio e tendo en conta que esta empresa xa lles debe nove meses de salario.
Pero a información achegada á CIG vai no sentido contrario, que o Ministerio estuda prorrogarlle o contrato a esta empresa pirata durante tres meses máis, "condenando así as traballadoras á quebra económica, sen darlles solución e roubándolles as súas expectativas dun futuro laboral estable no seu posto de traballo".
Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, explica que, a falta de confirmar esta información, na reunión mantida a pasada semana coa subdelegada do Goberno, a representante estatal non se referiu en ningún momento á posibilidade de prórroga do contrato, limitándose a sinalar que o Goberno está estudando como saír deste despropósito.
Para Paz resulta incomprensíbel que o Ministerio valore sequera a posibilidade de manter a Yaunde no servizo, tendo en conta que está a incumprir a maioría das cláusulas administrativas que son motivo de rescisión, comezando polo impago reiterado e continuados dos salarios.
As dúas traballadoras de Lugo, en folga indefinida
Por este motivo, as dúas traballadoras que prestan o servizo na Comandancia da Garda Civil de Lugo decidiron pórse en folga indefinida hai xa catro meses, xa que estaban perdendo cartos por ir traballar. Neste senso, Paz lembra que o FOGASA só cubre os primeiros 120 días de impago de salarios, polo que as traballadores e traballadoras de Yaunde terán que pelexar nos xulgados o dereito a cobrar o que lexitimamente é seu.
Pero o incomprensíbel desleixo da administración estatal neste conflito tamén dificulta unha solución, posto que ao permitir que se acumule esta enorme débeda salarial "córrese o risco de que ningunha empresa se queira facer cargo do servizo". A este respecto, critica a falta de dilixencia do Ministerio "para quen resulta moi doado non facer nada porque o servizo de limpeza se sigue prestando igual aínda que o persoal non cobre, porque as únicas traballadoras que se puxeron en folga foron as dúas de Lugo".
Neste punto, Paz lembra que no caso da Comandancia de Lugo xa se presentou denuncia na Inspección de Traballo por esquirolaxe, porque o propio persoal da Garda Civil estaba facendo as tarefas da traballadoras en folga. Porén, a Inspección descartou actuar alegando que este estabelecemento militar queda fóra do seu ámbito material e non é competencia súa efectuar control sobre a Garda Civil.
Diante deste roubo descarado, CIG reclámalle a administración que rescinda de inmediato todos os contratos que ten con Yaunde, que se impida a esta empresa participar en calquera outro concurso público, e que se adxudique o servizo a unha empresa solvente que garanta o pagamento puntual dos salarios e o respecto aos dereitos das traballadoras