O Ministerio de Traballo descualifica a Servicarne como cooperativa
O Ministerio de Traballo vén de comunicar a descualificación de Servicarne como cooperativa, decisión que significa a perda administrativa desta cualificación e que podería supoñer, unha vez esgotados os recursos, a súa disolución e a apertura do proceso de liquidación. A CIG leva anos denunciando que Servicarne é unha falsa cooperativa que a patronal do sector cárnico utiliza como instrumento para contratar man de obra barata sen cumprir os convenios colectivos nin o Estatuto dos Traballadores/as.
A resolución, asinada pola directora xeral de Traballo Autónomo, da Economía Social e da Responsabilidade Social das Empresas, chega tras as alegacións presentadas por Servicarne contra o expediente sancionador aberto por presunta infracción administrativa e pon fin a esta vía, polo que a partir de agora a falsa cooperativa unicamente poderá presentar recurso contencioso administrativo.
Entre os argumentos que xustifican a decisión salienta o feito de que Servicarne non conta con organización produtiva propia e que, a pesar das aparencias, a estrutura organizativa e empresarial apenas existe e as ordes proveñen da empresa principal. Tamén se pon de manifesto que se ben hai un número importante de “socios/as traballadores/as”, o título é puramente nominal, ao non gozar de autonomía algunha.
Ademais, sinálase que as condicións de traballo dos socios/as resultan inferiores aos dos traballadores/as que prestan servizos nas empresas clientes, así como que a incorporación como socio/a traballador/a á cooperativa é unha condición obrigatoria para poder acceder ao emprego. Ao mesmo tempo, as baixas están condicionadas polas necesidades de man de obra <<e realízase un uso torticeiro e abusivo do período de proba de seis meses, como elemento de flexibilidade absoluta>>.
Outras das cuestións ás que se alude na resolución teñen que ver con que nas asembleas non participan nin o 2% dos socios/as, que non reciben persoalmente a convocatoria, <<e nunca se reúnen no centro de traballo para elixir ou nomear representantes ou delegados/as para a asistencia a asembleas, nin para discutir sobre a súa orde do día>>. Neste senso, sinálase que o Consello Rector reúnese exclusivamente para xestión de recursos humanos (baixas de socios/as).
Por último, citan a falta de estrutura e funcionamento democrático e o feito de que Servicarne non corre risco empresarial algún como outros elementos que xustifican a súa descualificación como cooperativa.
Ofensiva da CIG
A decisión do Ministerio de Traballo chega anos despois de que a CIG iniciase unha ofensiva de denuncias e mobilizacións para rematar con esta nova forma de explotación laboral que padece o persoal asociado a esta falsa cooperativa que traballa para as principais compañías cárnicas do país, como Coren (Ourense), Frigolouro (O Porriño), Novafrigsa (Lugo), Cogal (Pontevedra) ou Grupo Sada (Lugo).
A presión da central sindical obrigou a Inspección de Traballo a actuar, optando por recoñecer que os traballadores/as de Servicarne non era autónomos/as senón empregados/as por conta allea, e polo tanto teñen que figurar no réxime xeral da Seguridade Social. Neste tempo, a CIG tamén fixo fincapé na millonaria fraude á Seguridade Social que esta situación significaba.
A decisión da autoridade laboral beneficiou a centos de traballadores/as galegos/as e a milleiros no conxunto do Estado, xa que as empresas non tiveron máis remedio que dalos/as de alta no réxime xeral a aplicarlles as condicións laborais do resto do cadro de persoal. As compañías optaron nun primeiro momento por dalos/as de baixa de xeito unilateral e a continuación coaccionalos/as para que renunciasen aos seus dereitos e mantivesen a súa condición de falsos/as cooperativistas, pero finalmente tiveron que desistir de novo obrigadas polas denuncias da CIG.