O Ministerio de Traballo considera de oficio parte da impugnación realizada pola CIG-Banca
O pasado 13 de setembro a patronal CECA, que aglutina aos bancos nados das antigas caixas de aforros (entre outras a Abanca, Bankia, ou Caixabank), e as organizacións CCOO, UGT e FINE asinaban un acordo parcial de Convenio Colectivo polo que regulaban a implantación do Rexistro de Xornada. Un acordo que a CIG, que forma parte da Comisión Negociadora, non asinou, presentando unha impugnación ante o Ministerio de Traballo.
Os bancos, malia ter beneficios multimillonarios, son un dos sectores onde a extensión ilegal da xornada é maior, é dicir, horas extraordinarias que non compensan ou pagan e, polo tanto, que non se cotizan á Seguridade Social. Para a CIG “é moi grave que fronte aos recortes no sistema público de pensións e nas prestacións, se permita a empresas con beneficios multimillonarios defraudar cotizacións á Seguridade Social”. Foi por iso que a CIG-Banca impulsou o cambio legal para que o rexistro de xornada fora obrigatorio.
Modelo para perpetuar a fraude
O pasado 17 de setembro os bancos asociados á patronal CECA conseguían impoñer un modelo, coa complicidade do sindicalismo español, que ten coma obxectivo perpetuar a fraude e desactivar o rexistro de xornada. Modelo rexeitado pola CIG.
Os Convenios, para que entren en vigor, deben ser autorizados polo Ministerio de Traballo, no ámbito estatal, antes da súa publicación no BOE. A CIG presentou unha impugnación do dito acordo ante o Ministerio, por entender que partes do mesmo eran contrarias a dereito e que outras xeran inseguridade xurídica.
O pasado 7 de outubro o Ministerio de Traballo dirixiuse á Comisión Negociadora; por unha parte, considera seu de oficio un dos motivos da impugnación da CIG e ordena a subsanación do mesmo por poder ser unha conduta antisindical.
No acordo pretendían que os sindicatos con menos do 10% de representación a nivel estatal, non tiveran aceso aos datos recollidos no sistema de rexistro.
Para a CIG-Banca “esta actuación antisindical vulneraba a Lei Orgánica de Liberdade Sindical, calquera persoa entende que non querían que puidésemos ter datos para que non denunciemos a fraude por parte dos bancos”.
Sobre o resto dos puntos da impugnación o Ministerio deu un prazo de 10 días á Comisión Negociadora para que presentase alegacións. A CIG impugnou o modelo denominado “autodeclarativo” do rexistro no que o traballador/a terán que descontar da súa xornada diaria un suposto tempo “non traballado e dedicado a cousas persoais” (co que pretenden encubrir as horas extras ilegais).
Ademais o tempo de exceso sobre a xornada non terá a consideración de horas extraordinarias sen a autorización dun superior, aínda que sexa para cumprir normativas ou tarefas impostas polo banco; crean numerosos colectivos, ampliables por parte das empresas, exentos do rexistro de xornada. Pactan que as horas extras son "voluntarias para a empresa”, termo de difícil interpretación e que xera inseguridade xurídica.
Por último, tamén impugnou que malia que o rexistro é obrigatorio dende o 12 de maio do 2019, pactaron que nos bancos non o apliquen ata o 1 de xaneiro do 2020.
En todo caso dende a CIG-banca denuncian que “o comportamento antisindical dunha empresa ou patronal é moi grave, pero cando é por parte de CCOO e UGT queda aínda máis claro que intereses defenden, que non son os da clase traballadora”.
Tamén din que non se trata dun erro, dado que a CIG expuxo na Mesa que restrinxir o dereito a información aos sindicatos con máis do 10% da representación era unha conduta antisindical, e ademais o voceiro da Patronal foi premiado no ano 2017 coma un dos “30 mellores avogados laboralistas do mundo”. “Sendo tan bo avogado, debería saber que o que redactou era claramente antisindical, senón que renuncie ao premio”, remarcan dende a CIG-Banca.
Por último, entendendo que haxa traballadores e traballadoras que reclaman de boa fe a unidade sindical, deixan claro que “non é a CIG a que impide a existencia da unidade sindical no sector, son CCOO e UGT, que prefiren ser socios preferentes dos bancos, incluso das condutas antisindicais contra a CIG".