O Ministerio de Traballo consente que se vete a participación da CIG no evento ministerial previsto para esta tarde
O Secretario de Estado de Emprego vén de comunicar ao Secretario Xeral da CIG, Paulo Carril, o veto á participación da central sindical no evento ministerial previsto para esta tarde. Segundo explicou o secretario de Estado é a Confederación Europea de Sindicatos, CES, quen veta a presenza da central sindical. Mantense, porén, a xuntanza prevista co Comisario Europeo para mañá venres, de 14:00 horas a 15:00 horas. Por iso Carril denuncia que “resulta grave que si reciba á CIG un Comisario europeo, pero que o Ministerio español acepte o que lle digan a CES, UGT, CCOO”.
Segundo explicou o Secretario de Estado, a CES entende que o sindicato non forma parte desta confederación e que, polo tanto, sendo este un cumio social europeo no que está na CES, non pode estar a CIG.
Carril considera este feito “gravísimo porque sexa a CES, que ao fin, é unha rexional dunha internacional, quen vete a presenza doutro sindicato”. A este respecto incide en que “o máis clamoroso é que UGT e CCOO participan disto calando a boca”. Por iso entende que “isto non é a CES, impútanllo á CES porque foi o brazo executor, porque se fora quen tomara a iniciativa é porque hai un consentimento, unha aprobación de CCOO e UGT de que iso tivese lugar”.
O secretario xeral da CIG, que cualifica esta decisión de “lamentable”, manifesta o seu rexeitamento a que o Ministerio de Traballo “consinta un veto a un evento convocado polos Ministerios, sendo ademais o Ministerio español o anfitrión”.
Subliña ademais que “non ten antecedentes que se nos desconvoque dúas horas antes do inicio das sesións de traballo” e conclúe considerando que isto “fai máis grave aínda que se deixen extorsionar, que se deixe arrastrar, que se deixen condicionar ou que obedezan a un veto sindical, deixando sen efecto os dereitos de participación institucional que a CIG ten recoñecidos por lei”.