O Ministerio de Sanidade pretende sacar adiante unha nova clasificación profesional sen modificar as retribucións actuais

A CIG defenderá unha nova clasificación profesional axeitada á formación académica e en igualdade de condicións que o persoal funcionario
Nacional - 13 Dec 2024

CIG-Saúde reuniuse o 12 de decembro coa Ministra de Sanidade, Mónica García, para falar das cuestións pendentes na negociación do Estatuto Marco. Unha xuntanza na que a Ministra informou de que pretenden negociar unha nova clasificación profesional sen que iso supoña un incremento nas retribucións das/os profesionais que traballan na Sanidade Pública.

Á espera do documento que recolla esta nova “clasificación profesional”, CIG-Saúde xa lle manifestou á Ministra que a nova clasificación profesional que saia da negociación do Estatuto Marco ten que levar parello un aumento nas retribucións para adaptala á normativa actual.

Para CIG-Saúde modificar a clasificación profesional non é só un cambio de nomenclatura senón que ten que responder a situación actual onde moitas profesións do eido da sanidade están mal clasificadas no grupo que non lle corresponde, pero tamén mal retribuídas.

Así mesmo, o Ministerio defende que a clasificación do persoal estatutario debe estar desligada da clasificación do persoal funcionario, e incluso que as retribucións básicas puideran ser diferentes.

CIG-Saúde manifestoulle a súa desconformidade, posto que defende unha clasificación profesional propia e diferente da de función pública pero ligada e con equivalencias, algo que é necesario á hora de percibir as mesmas retribucións básicas.

CIG-Saúde defenderá no ámbito de negociación do Estatuto Marco, que está previsto para a vindeira semana, unha nova clasificación profesional adecuada á formación académica e ligada a unhas retribucións básicas en igualdade de condicións que o persoal funcionario.