O Ministerio de Defensa elimina o nome franquista do colexio Salvador Moreno de Pontevedra
O Boletín Oficial do Ministerio de Defensa español publicou este mércores 5 de maio unha resolución do pasado 30 de abril pola que se lle cambia o nome ao colexio Salvador Moreno de Pontevedra, que pasa a denominarse Juan Sebastián Elcano. A decisión chega dous meses despois de que a CIG reclamase a eliminación do nome por ter sido Salvador Moreno un activo colaborador do golpe de estado fascista de 1936 e da represión franquista posterior.
A central instaba deste xeito a Defensa a cumprir a Lei de Memoria Histórica, que establece a obriga das Administracións públicas de retirar todos os elementos conmemorativos de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil ou da represión da ditadura. “Na CIG querémonos sumar, como un colectivo máis, a esta petición, cun carácter se cabe máis especial, ao tratarse dun edificio público civil no que o persoal civil ao servizo do Ministerio de Defensa desenvolve a súa actividade laboral e profesional, reafirmando así o compromiso da nosa organización cos valores de xustiza social e de dignidade democrática”, sinalaban dende a federación de Ensino.
Ao mesmo tempo, instaba a Xunta a reclamar a transferencia da xestión do centro educativo, na actualidade baixo control da Armada española. Por iso, aínda que valoran positivamente o cambio de nome, consideran que o paso principal ten que ser a transferencia do centro á Xunta, seguindo o camiño do traspaso dos centros vinculados ao ISM no ano 2007 ou outros centros vinculados tamén ao Ministerio de Defensa na comarca de Ferrolterra (o CEIP Isaac Peral, o IES Saturnino Montojo ou o CEIP Virxe do Mar). "Non ten ningún sentido que administracións que non son educativas xestionen centros docentes".
Dende a CIG lembran as competencias en materia educativa están transferidas ás comunidades autónomas, polo que o feito de que dirección do centro sexa persoal laboral do Estado é contrario ao exercicio destas competencias, porque o Estado asume unha que non lle corresponde.
Tamén sosteñen que o colexio non pode considerarse privado ao estar sostido con fondos públicos, no que a titularidade é da Armada, o persoal docente e directivo é persoal ao servizo da Administración e o financiamento é con cargo aos orzamentos do Estado, como recoñece o propio centro na súa páxina web.
Colocación da bandeira galega
Outra das demandas pasaba pola colocación da bandeira galega no edificio, xa que actualmente só figura a española, “porque debe de considerarse un centro público civil aos efectos contemplados no artigo 4 da Lei 39/1981, de 28 de outubro, pola que se regula o uso da bandeira española e doutras enxeñas e bandeiras”.
Así como pola eliminación do ideario relixioso que o colexio obriga a aceptar a toda a comunidade escolar, tal e como recolle na súa páxina web: <<El ideario del centro, que deberá ser aceptado tanto por el personal docente como por los alumnos y las personas que legalmente los representen, perseguirá la consecución de una formación integral, fomentando los valores humanos, religiosos, patrióticos y cívicos>>.
Ademais, o terceiro dos principios que fundamentan este ideario é, segundo o sitio web do Salvador Moreno: <<El proyecto educativo del colegio se inspira en una concepción cristiana del hombre y de la vida>>. De feito, até o ano 2015 en que a CIG demandou no Xulgado e logrou unha sentenza favorábel, o centro obrigaba a todo o profesorado a ter a acreditación para impartir relixión católica.
Por todo isto, a CIG remitíralles escritos á Subdelegación do Goberno, ao Concello de Pontevedra e ao Valedor do Pobo para que instasen os Gobernos español e galego a corrixir esta situación.
Campaña pola retirada dos nomes franquistas doutros centros
A CIG-Ensino vén de anunciar a posta en marcha nos próximos días unha campaña para instar ás diferentes Administracións públicas a eliminar dos nomes dos centros escolares as referencias a persoas cun pasado fascista e que se significaron claramente coa represión da ditadura e o apoio ao réxime franquista.
O sindicato vai dirixirse á Xunta, á Deputación da Coruña, ao Ministerio de Educación e a diferentes Concellos con colexios con nomes franquistas ou con distincións honoríficas para que se cumpra estritamente a lexislación e as diferentes resolucións relacionadas coa Lei de Memoria Histórica de 2007, que no seu artigo 15 afirma que:
<<As Administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura”.
O sindicato tamén se vai dirixir aos grupos con representación no Parlamento galego para que se faga unha revisión do grao de cumprimento da Proposición non de Lei aprobada no 26 de marzo de 2008 no que se instaba á Xunta a <<eliminar de todos os edificios públicos dependentes da súa administración toda a simboloxía fascista e a promover a supresión dos nomes destes edificios que fan referencia a persoeiros representantes ou partidarios da Ditadura franquista>>.
Unha posición que mantivo o propio Parlamento en 2016 cando se aprobou por unanimidade unha declaración institucional de <<condena do golpe de Estado perpetrado por Franco o 18 de xullo de 1936, o réxime ditatorial consecuencia dese golpe de estado e os crimes e represións exercidas sobre as persoas vencidas>>, indicando tamén que se deberían <<eliminar os símbolos, as denominacións e as referencias franquistas de rúas e edificios públicos>>.
A CIG-Ensino considera que en pleno ano 2021 se está a vulnerar tanto a lei como as resolucións do Parlamento galego e demanda tanto do máximo órgano de representación do pobo galego como das Administracións afectadas "unha actuación inmediata para borrar do recoñecemento institucional todo rastro de compracencia ou enxalzamento de quen foron parte da represión franquista, da colaboración en primeira liña coa ditadura, ben desde a estrutura política do réxime ou no enriquecemento desde institucións civís e privadas".