O metal responde ao inmobilismo da patronal secundando masivamente a 5ª xornada de folga
Os traballadores e as traballadoras do metal da provincia da Coruña están secundando de xeito masivo este martes a quinta xornada de folga en demanda dun convenio digno. Esta é a contundente resposta do persoal, un día despois da última reunión da mesa de negociación que rematou sen acordo ante a teimosía da patronal de non asumir o incremento do 6.5%, correspondente ao IPC para 2021, e a súa consolidación nas táboas salariais.
Como nas xornadas anteriores, dende primeira hora da mañá os piquetes informativos percorreron os polígonos de Alvedro, Sabón e Agrela na comarca da Coruña, situáronse ás portas de Navantia Fene e Ferrol e percorreron o polígono da Gándara, mentres que en Compostela recorrían o polígono do Tambre, sumando máis persoas en folga e empresas pechadas e ampliándose a presenza dos piquetes tamén a polígonos de concellos máis pequenos, como Cerceda.
No caso da Coruña, ademais, o piquete desprazouse en manifestación dende Agrela até a sede da patronal ao berro de "convenio do metal solución" ou "se os prezos soben os salarios tamén".
A CIG-Industria calcula un seguimento da folga superior ao 80% naquelas empresas que contan con máis de 50 traballadores/as e un seguimento algo menor naquelas que teñen menos empregados/as, aínda que nestes centros de traballo hoxe tamén aumentou a participación, dando boa conta de que a convocatoria de folga está "consolidada".
Mobilizacións convocadas para a folga deste mércores
Coincidindo co sexto día de folga, para a xornada de mañá, mércores 8, están convocadas as seguintes mobilizacións:
- Carballo: manifestación ás 11:30h dende a rotonda do Polígono de Bértoa
- Padrón: manifestación ás 12:30h con saída de Aluminios Cortizo
-Ferrol: dende ás 07:00h, reunión do piquete informativo diante da empresa Celso Núñez e percorrido polo Polígono de Río do Pozo.
Subrogación e garantir o poder adquisitivo
Sobre a última reunión do convenio, Eduardo Caamaño, voceiro da CIG-Industria na mesa de negociación, cuestionaba "a capacidade desta patronal para negociar, xa que non entende cales son as liñas vermellas da parte social: que non haxa perda do poder adquisitivo e a subrogación sen limitacións".
Aínda que neste último punto a patronal amosa mellor disposición a chegar a acordo ao non pór agora limitación ao número de traballadores/as afectados nos servizos de mantemento, na cuestión económica "as posturas están moi afastadas". "Nós reclamamos levar a táboas o 0.5% de 2020 e o 6.5% de 2021, pero a patronal só ofrece o 3.5%", explica Caamaño. Apunta que a patronal si se moveu algo a respecto dos atrasos, pero manteñen unha rotunda negativa a que o incremento do 6.5% se consolide nas táboas salariais, cando este é a maneira de garantir que non hai perda do poder adquisitivo. "Por iso non foi posíbel o acordo"
Neste senso, o voceiro da CIG-Industria referiuse á perda económica que xa sufriron moitos e moitas traballadoras durante a pandemia a causa de estar en ERTE e agora "non pode ser a clase traballadora quen volva pagar as consecuencias da crise e da alza imparábel do custe da vida".
Seguir na loita para conseguir un convenio digno
Aínda que neste momento non hai chamamento por parte da patronal para unha nova reunión, a representación de CIG-Industria manifesta a súa dispoñibilidade a seguir negociando pero mantendo as mobilizacións previstas e poder conseguir así unhas condicións salariais que permitan ás traballadoras e traballadores do sector facer fronte á carestía da vida.
Neste senso, CIG-Industria chama a todas as traballadoras e traballadores do sector a loitar e a incrementar a participación nas xornadas de folga que hai convocadas para os días 7, 8, 28, 29 e 30 de xuño, para dar unha resposta contundente que posibilite acadar un convenio digno e con dereitos. Porque "está visto que con esta patronal para poder chegar a un entendemento ten que ser a base de folgas e de loitar".