O metal pontevedrés rexeita na rúa o convenio pactado por CCOO, UGT e a patronal

A folga convocada pola CIG está a ter unha incidencia importante no sector nunha xornada na que varios milleiros de persoas mobilizáronse en Vigo
Vigo - 19 Mai 2026

O metal da provincia de Pontevedra amosou hoxe na rúa o seu rexeitamento ao convenio colectivo pactado por COO, UGT e a patronal, nunha xornada na que a folga convocada pola CIG -a cuarta dende que comezaron as negociacións do convenio- está a ter unha importante incidencia no sector e na que varios milleiros de persoas traballadoras se mobilizaron en Vigo.

 

A xornada de loita acordada onte en asemblea polo persoal do sector como resposta ao preacordo asinado o pasado venres está a rexistrar un amplo seguimento a pesar dos intentos de boicot por parte das centrais estatais e de determinados medios de comunicación. A indignación das persoas traballadoras deixouse notar xa dende primeiras horas da mañá ao inicio dos piquetes informativos, que ao igual que nas folgas anteriores visitaron as principais empresas e polígonos industriais da provincia.

Tamén durante a manifestación celebrada en Vigo a partir das 10:00 horas dende a zona dos estaleiros, na Avenida de Beiramar, até a delegación da Xunta, ao berro de “UGT e Comisións vendéronse aos patróns”, “Convenio digno para o metal” e “A loita é o único camiño”. Precisamente nesta última idea incidiron especialmente os responsábeis sindicais ao remate da marcha. “Isto non remata aquí aínda que vaian asinar o convenio; imos visitar cada centro de traballo para ir preparando a próxima batalla, para pelexar por melloras laborais concretas, sobre todo para as persoas traballadoras que se atopan en peores condicións. É necesario seguir a loitar para garantir a subrogación, limitar a subcontratación e regular as ETT, para reclamar os pluses e para poder xubilarnos antes”.

Tal e como lembraron os responsábeis da CIG-Industria ao remate da marcha, o principal obxectivo desta xornada de loita é amosar a nosa repulsa ao convenio “á baixa” asinado por CCOO e UGT “a pesar de que había forza para conseguir moito máis”. Ao tempo que advertiron de que o acordo ten “letra pequena” que vai impedir que algunhas das cuestións que recolle se poidan aplicar, como a subrogación; ademais, contempla melloras “ben escasas”, como a xornada continua para evitar o estrés térmico só durante un mes.

Convenio de duración excesiva

Por outra banda, no actual contexto de incerteza económica e alza inflacionista asinar un convenio a catro anos e coa revisión salarial topada é unha “hipoteca” para o sector e non garante a capacidade adquisitiva, “polo que nós demandabamos un convenio a dous ou a tres anos como moito e sen topes na actualización de soldos”.

Segundo sosteñen dende a central sindical, a sinatura do preacordo xa lle está a “pasar factura” aos sindicatos estatais. “Algúns comités de empresa xa están a contactar con nós para pasarse á CIG ante esta nova traizón ao sector de CCOO e UGT”. Até o punto de que os responsábeis sindicais auguran que estas dúas centrais van rematar por perder boa parte da súa representación no metal. “A CIG é cada vez máis forte; agora temos o 60% da representación no sector no conxunto da provincia, pero o 40% na mesa de negociación do convenio; é fundamental que incrementos a nosa forza na mesa para que CCOO e UGT non teñan capacidade de tombar na mesa o que as persoas traballadoras do sector reclaman na rúa”.

Finalmente, puxeron en valor o “exercicio de dignidade” que fixo hoxe o persoal do sector e chamaron a seguir esixindo “no día a día da empresas” melloras laborais até lograr a dignificación das condicións de traballo. “A partir de mañá poderedes regresar aos vosos postos coa cabeza ben alta, mentres que outros terán que dar explicacións polo seu xeito covarde de actuar cun acordo totalmente insuficiente pactado pola porta de atrás”, remataron dirixíndose a todas as persoas presentes.