O metal pontevedrés clama por un convenio digno con protestas simultáneas en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía
A CIG, CCOO e UGT desenvolveron hoxe protestas en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía para reclamar un convenio provincial do metal digno e instar a patronal a retomar as negociacións. As tres centrais manterán unha xuntanza a próxima semana para deseñar un calendario de mobilizacións e consensuar un novo comunicado dirixido ao persoal do sector.
As concentracións de hoxe tiveron lugar tras a ruptura das conversas por parte das organizacións patronais presentes na mesa: Asime, ATRA e Instalectra. No caso de Pontevedra a protesta celebrouse diante da sede da Asociación de Empresarios/as da Pequena e Mediana Empresa; en Vigo foi ás portas de Asime á mesma; e en Vilagarcía o lugar escollido foi casa sindical, na rúa Castelao.
Tras a mobilización de Vigo, unha representación dos tres sindicatos foi recibida por responsábeis de Asime, que reiteraron as propostas postas enriba da mesa na última xuntanza e cuxa non aceptación polas centrais motivou a ruptura das conversas. Segundo sinalan os representantes sindicais, o abandono das negociacións por parte da patronal obrígaos a seguir defendendo “noutros escenarios” un convenio que afecta a 30.000 traballadores/as en toda a provincia. “Pasamos da negociación á acción para intentar que se volvan sentar e sermos capaces de chegar a un acordo”, indican.
Neste senso, lembran que os contactos comezaron en febreiro deste ano, e cada central sindical achegou as súas propostas co obxectivo de modernizar o convenio. O proceso paralizouse a consecuencia da pandemia cando se produciran dúas xuntanzas, “e no mes de outubro tivemos que forzar a patronal a que se volvese sentar para seguir coas negociacións”.
En total celebráronse 11 reunións, “moitas delas estériles”, que remataron sen achegamentos e das que as centrais saíron coa impresión que a patronal pretendía deixar pasar o tempo. “Queren que remate este ano sen actualización do convenio, e semella que a súa intención é que tampouco se faga o ano que vén; non nos parece unha actitude responsábel, que ademais non beneficia para nada a actividade económica”.
Sosteñen que os tres sindicatos fixeron o esforzo de unificar as tres propostas -mesmo renunciando a certos avances en función da situación actual- para non dilatar o proceso, “e non estamos dispostos a pasar un ano en branco nin a aceptar recortes no convenio, sobre todo tendo en conta que o sector non deixou de traballar en todo este tempo, máis alá dos oito días nos que se paralizaron todas as actividades”.
Por iso consideran que o feito de que a patronal se levante da mesa é unha falta de respecto cara as organizacións sindicais e incluso cara aos seus propios asociados. “Con esta actitude pretende tirar proveito de xeito miserábel da situación de crise, xa que para seguir negociando esixe que retiremos puntos que foron conquistados en anteriores convenios coa loita dos traballadores/as”.
Con esta actitude a patronal pretende tirar proveito de xeito miserábel da situación de crise
En concreto, explicaron que por exemplo pretende deixar entrar as ETT no sector ou cambiar o plus de eventualidade que se pagaba mes a mes para pasar a abonalo ao final do contrato, algo que se modificara precisamente porque moitas empresas chantaxeaban o persoal para non pagalo. E tampouco está disposta a incluír cláusulas sobre protocolos para previr o acoso sexual nas empresas.
A nivel salarial a proposta patronal é dun 0% para este ano e dun 1% para 2021, cando as reivindicacións sindicais pasan por un 1% para este ano e un 2% para o que vén. “En todo momento estivemos dispostos a negociar, e mesmo fixemos novas achegas, pero a patronal só quere que negociemos a partir das súas propostas, como por exemplo a respecto da subrogación do persoal entre empresas privadas, que para nós é unha cuestión moi importante”.
Chamamento a CCOO e UGT
Finalmente, dende a CIG-Industria reiteran o seu chamamento a CCOO e UGT “para que aguanten o pulso e non se descolguen das propostas que figuran no documento conxunto que elaboramos coas nosas reivindicacións”. Ao mesmo tempo, inciden que a CIG non vai aceptar nunca un acordo que pase por eliminar a cláusula que prohibe as ETT no sector ou por renunciar ao plus de eventualidade, “tal e como están redactadas”.