O metal de Pontevedra lánzalle unha mensaxe clara á patronal no quinto día de paro masivo e de protestas multitudinarias
O sector do metal da provincia de Pontevedra non desfalece e rexistrou hoxe o seu quinto día de folga por un convenio colectivo digno, unha xornada marcada de novo por un seguimento masivo do paro e por manifestacións multitudinarias en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía. Mais tamén polas cargas policiais en Vigo para impedir o remate da manifestación diante da porta principal de Stellantis, que deixaron unha vez máis ducias de persoas traballadoras feridas.
Dende a CIG insisten en sinalar a responsabilidade da patronal na violencia policial ao instigar actuacións desproporcionadas coas que se pretende boicotear o éxito dunhas xornadas de folga que comezaron o pasado 15 de xuño precisamente pola actitude inmobilista do empresariado, que non dubida en criminalizar a lexítima loita do persoal do sector en demanda dunhas condicións de traballo dignas.
De feito, para a central sindical as recentes declaracións do secretario xeral de ASIME asegurando que o 80% dos empregados/as do metal “queren ir a traballar pero non lles deixan” incapacítano e deslexitímano para negociar, “tendo en conta o seguimento practicamente total que están a rexistrar os paros”.
Esta foi precisamente a tónica xeral durante toda a mañá de hoxe, na que os piquetes informativos que percorreron os principais polígonos e empresas puideron comprobar que se atopaban sen actividade na maioría dos casos.Xa ao mediodía, coincidindo co inicio das manifestacións en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía, as rúas das tres localidades ateigáronse de traballadores/as, que novamente desenvolveron protestas pacíficas a pesar do excesivo celo co que se empregaban os axentes da unidade antidisturbios.
Até o punto de que en Vigo volveron a producirse cargas policiais para impedir que a manifestación rematase diante da porta principal da fábrica de Stellantis. En consecuencia, ducias de persoas resultaron feridas, entre elas o propio secretario comarcal, Alberto Gonçalvez.
Dende a central condenan este xeito de proceder e queren deixar moi claro que “non van conseguir amedrentarnos, por moito que a patronal instigue este tipo de actuacións policiais coas súas declaracións intentando criminalizar a loita dos traballadores/as”. Ao mesmo tempo, anuncian que as xornadas de folga previstas para este venres 7 e para os vindeiros días 12 e 13 de xullo continuarán, “porque non imos permitir a chantaxe do empresariado, que di que só se sentará a negociar coa condición de que suspendamos os paros”.
Neste senso sinalan que dende a última xornada de folga, que tivo lugar o pasado 28 de xuño, “tiveron tempo dabondo para retomar as conversas, pero preferiron non facelo e optaron por mentir e insultar a través dos medios de comunicación”. Por iso inciden en que a patronal ten que volver á mesa de negociación sen tratar de impoñer condicións e con vontade de achegar posturas que permitan pechar o conflito coa mellora das condicións laborais do persoal do sector.