O metal de Lugo dá unha demostración de forza no segundo día de folga e anuncia tres xornadas máis de paro
Unha multitudinaria manifestación percorreu as rúas da cidade para reclamar subas salariais xustas, garantía de mantemento do poder adquisitivo e a redución da xornada laboral
Os traballadores e traballadoras do siderometal e do comercio do metal de Lugo deron este mércores unha demostración de forza na segunda xornada de folga para demandar convenios colectivos dignos. Coa maioría da actividade paralizada en ambos sectores da provincia, unha multitudinaria manifestación percorreu as rúas da cidade amurallada advertindo que, de non desbloquear a negociación a patronal, os paros continuarán os 28 de outubro e os días 3 e 5 de novembro.
Incrementos salariais que permitan acurtar as enormes diferenzas retributivas cos compañeiros e compañeiras do metal da Coruña, garantías de mantemento do poder adquisitivo a través dunha cláusula de revisión ligada ao IPC real e a redución da xornada laboral anual para avanzar nos dereitos de conciliación son as principais reivindicacións do persoal para estes convenios.
O secretario da CIG-Industria de Lugo-A Mariña, Afonso Losada, lamentou que dende a folga do pasado mércores non se produciu ningún movemento por parte da patronal que posibilite acadar un acordo e tampouco está fixada ningunha reunión da mesa de negociación. “Seguimos agardando pola patronal e pedímoslle que tome nota do seguimento maioritario que están tendo as folgas, que cada vez van a máis e con máis forza”, aseverou.
Chamada a secundar a folga xeral do 11 de novembro
Losada enmarcou a loita do persoal do metal de Lugo no contexto máis amplo de mobilización social fronte á precariedade e ao empobrecemento polo medre constante da carestía da vida “sen que os gobernos adopten medidas para reverter esta situación”. Neste senso, apuntou, “a clase traballadora é consciente da necesidade de saír á rúa a protestar para reivindicar o dereito a unha vida digna e termos futuro”.
Por iso, o representante da CIG lanzou un chamado a secundar as tres novas xornadas de folga convocadas no metal, mais tamén instou ao conxunto da clase obreira a secundar a xornada de folga xeral do 11 de novembro para evidenciar que “non imos aturar máis esta situación de subas dos prezos descontroladas e non poder acceder a unha vivenda sen que os gobernos fagan nada, nin tampouco imos soportar unhas condicións de indignas de traballo que nos someten e non nos deixan desenvolver a nosa vida”.