Pulso do sector da siderometalurxia da Coruña contra a patronal na quinta xornada de paros
Cunha nova xornada de folga, e xa van cinco, os traballadores/as do sector de siderometalurxia da provincia da Coruña seguen loitando por un convenio digno que permita rematar coa precariedade e garantir melloras substanciais nas condicións de traballo. Como nas xornadas anteriores, os paros foron xeneralizados e se repetiron as manifestacións na Coruña, Ferrol e Compostela. Malia isto, a patronal segue sen aceptar demandas que para a parte social son irrenunciábeis e mantéñense, para os vindeiros xoves días 20 e 27 de xullo, as convocatorias de novas xornadas de folga.
Así o valorou no decurso da mañá Eduardo Caamaño, secretario comarcal da CIG-Industria da comarca da Coruña, quen lembrou que a patronal segue sen querer entrar a negociar cuestións que para o sector son esenciais como aquelas que permitirían eliminar a precariedade, como a da subrogación, a das mutuas, a das ETTs, os plus por desprazamento ou a da industria auxiliar.
De feito, no único no que si entrou a negociar foi na táboa salarial onde presentou unha oferta de incremento que practicamente é como a que demandaba a parte social. Pero a falta de achegamento en calquera das outras cuestións provocou que as dúas parte levantaran da mesa na xuntanza celebrada o pasado martes. Diante desta situación, Caamaño asegura que “se o mediador quere que sigamos negociando vai ter que poñerse no seu sitio”.
Respecto do seguimento da folga, o secretario comarcal da CIG-Industria da Coruña, valorou que “está consolidada” e salientou que “cada vez hai máis compañeiros/as adheríndose aos piquetes e sumándose á manifestación”.
Como en ocasións anteriores volveu pechar a grande empresa de maquinaria pesada, taller e reparación e o piquete apenas tivo que intervir máis que en contadísimas empresas.
Ao piquete sumáronse no decurso da mañá máis e máis traballadores/as que saíron en manifestación desde a confederación de Empresarios da Coruña, para rematar cunha concentración diante da delegación do Goberno.
Seguimento en Ferrol
Pola súa banda, Vicente Vidal, secretario comarcal da CIG-Industria de Ferrol considerou que esta xornada de paro foi unha repetición das anteriores, coas principais empresas do sector pechadas, incluíndo algunha como MEGASA, xunto cos estaleiros.
En Ferrol a mobilización rematou cunha concentración diante do edificio da Xunta de Galiza en protesta polo seu intento de decretar uns servizos mínimos abusivos, que foron inmediatamente eliminados. Algo que non ocorrera nunca antes nunha folga do Metal.
Para Vidal esta última xuntanza coa patronal foi unha “burla”, por non querer entrara a abordar os puntos básicos da plataforma sindical, como tamén o foi un artigo publicado durante esta semana pola Confederación de Empresarios de Ferrol nun xornal local no que “nos piden aos sindicatos sentido común e responsabilidade, cando somos nós quen a estamos tendo”.
Por iso denunciou a “mala fe” da patronal que “si que intoxica mercando páxinas de publicidade para intentar manipular a realidade”. Manipulación que, en todo caso, ten pouco éxito porque tal e como subliñou o secretario comarcal da CIG-Industria de Ferrol, “son os propios traballadores os que nos están pedindo que nos mobilicemos aínda máis para loitar polos seus dereitos”.
Seguimento en Compostela
O paro en Compostela foi, segundo valorou Benedicto Blanco, secretario comarcal da CIG-Industria da comarca, ao igual que nas xornadas anteriores practicamente total. Si denunciou o caso dalgunha empresa que, para impedir a intervención do piquete, adiantou o horario de entrada dos traballadores/as para antes das 5:00 horas e os tivo encerrados na nave até a hora de saída.
Tamén salientou a presenza policial e mesmo o cambio de actitude da policía que “mantivo unha actitude máis provocadora e intransixente” que nos paros anteriores.
A manifestación, que partiu novamente do polígono do Tambre, rematou diante da Confederación de Empresarios de Galiza (CEG), onde Pepe Maio, secretario comarcal da CIG-Compostela deu conta da actitude “inmobilista da patronal”.
Maio considerou que a dureza da patronal na negociación do convenio débese a que é consciente de que “esta é unha loita de poder e no queren perder a batalla”. Xunto a isto considerou que tampouco quere aceptar as demandas da táboa reivindicativa presentada polos sindicatos porque “van máis alá das simples reivindicacións salariais e buscan darlle a traballadoras e traballadores do sector máis capacidade para incidir na política da empresa”.
O secretario comarcal da CIG-Compostela tamén salientou a actitude e o ánimo da xente do sector que, tras cinco xornadas de folga ten asumida a necesidade de seguir loitando e de que “se hai que ir máis alá, vaise”.